Category Archives: Emprender Aldeas modelo

A aldea modelo de Fisteus, en Quiroga, lista para poñer en marcha unha gandería de porcino en extensivo

A Consellería do Medio Rural rematou os traballos de acondicionamento deseñados para desenvolver a actividade agrogandeira na aldea modelo de Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga. Esta aldea, na que se prevé instaurar unha explotación de gando porcino en extensivo, abrangue unha superficie de 14,15 hectáreas distribuídas en 269 parcelas de 38 titulares catastrais. Neste sentido, traballouse na zona para realizar unha serie de actuacións para poñer a punto os terreos. Construíuse un peche para delimitar o perímetro da aldea modelo e instaláronse comedeiros, bebedoiros e unha manga de curral, ademais doutras instalacións auxiliares como un pastor eléctrico solar recargable. O investimento para levar a cabo estes traballos foi de algo máis de 157.000 euros. Ademais, tamén se instalaron dous dormitorios para os futuros animais, con madeira de piñeiro, baixo o obxectivo “de minimizar ao máximo posible o impacto que poden ter este tipo de estruturas no entorno e a paisaxe”, sinalan desde a Consellería.

Aberta a convocatoria para o aproveitamento da aldea modelo de Infesta, en Verín

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución pola que se anuncia a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo de Infesta no concello ourensán de Verín. Esta aldea conta cunha superficie de 36,65 hectáreas, repartidas en 930 parcelas de 232 titulares. A partir de hoxe poderán presentarse as propostas para o desenvolvemento de actividade agraria nos terreos da aldea modelo de Infesta. Deste xeito, o prazo será de 15 días e abranguerá dende o 19 de agosto ata o 4 de setembro. Poderán presentar solicitudes as persoas físicas ou xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Segundo se recolle na guía de ordenación produtiva, a actividade principal serán os cultivos leñosos -como o viñedo, a oliveira ou as árbores froiteiras- e cultivos agrícolas de ciclo curto e complementarios. Plantéxase como actividade secundaria a gandaría en extensivo combinada con estes cultivos. A aldea modelo da Infesta é unha zona óptima para a posta en produción dos terreos para cultivos leñosos ou cultivos complementarios á explotación gandeira. Así, as solicitudes presentadas valoraranse e seleccionaranse a través dun sistema de puntos, no que se terán en conta criterios como a súa superficie, a complementariedade con outros proxectos de aldea modelo, a creación de explotacións que incorporen a persoas mozas a proximidade entre o proxecto e os núcleos de poboación. A convocatoria está dispoñible na seguinte ligazón

Aberto o prazo para recibir propostas de aproveitamento das terras de 5 novas aldeas modelo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas a cinco aldeas modelo: Francos de Proendos (Sober, Lugo), Covelo (Taboadela, Ourense), Carzoá (Cualedro, Ourense), O Seixo (A Gudiña, Ourense) e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra). Así, os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes, contados a partir de mañá.

No caso da aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, establécese unha zonificación dos terreos para definir como actividades principais a explotación gandeira en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto. Como actividade secundaria establécese para unha das zonas definidas a plantación de árbores para obtención de froito. Neste caso, a figura da aldea modelo abrangue un perímetro de 12,87 hectáreas, distribuídas en 119 parcelas de 70 propietarios, en torno ao núcleo que se busca poñer en valor.

Na aldea de Covelo, en Taboadela, establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible co aproveitamento das masas de frondosas caducifolias, así como cultivos agrícolas complementarios para o gando. Como actividades secundaria, establécense cultivos leñosos: froiteiras ou castiñeiro para froito. Neste caso, a aldea modelo conta cun perímetro de 15,05 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 109 propietarios.

No caso da aldea de Carzoá, en Cualedro, perfílase como actividade principal os cultivos de horta e de ciclo curto e explotación gandeira. Como actividades secundarias, os cultivos complementarios ao aproveitamento gandeiro e tamén cultivos leñosos como froiteiras, fundamentalmente castiñeiro para froito. Tamén se establece un ámbito de protección integral no ámbito da contorna do xacemento catalogado de A Citá, deste xeito facendo compatible o aproveitamento agrario sustentable e a protección do patrimonio cultural. Neste caso, a figura da aldea modelo abarca un perímetro de 53,68 hectáreas, distribuídas en 389 parcelas de 215 propietarios.

Pola súa banda, na aldea modelo do Seixo, na Gudiña, na zonificación establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, castiñeiro para froito empregando variedades micorrizadas para a obtención de cogomelos. Neste caso, a aldea modelo abrangue 30,6 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 76 propietarios.

Por último, na aldea de Mouteira-Parada, en Cerdedo-Cotobade, apóstase, como actividades principais, por un sistema agroforestal, combinando prácticas de aproveitamento do monte con agricultura, así como por cultivos de ciclo curto. As actividades secundarias serían a xestión forestal activa, priorizando a protección das masas de frondosas, e os cultivos leñosos, tales como viñedo, oliveiras ou froiteiras. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 17,99 hectáreas, distribuídas en 427 parcelas de 109 propietarios.

Poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas, as Administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e ás guías de ordenación produtiva aprobadas para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Enlace á resolución no DOG

Bota a andar a aldea modelo de Reboredo, en Pereiro de Aguiar, centrada na gandería de vacún

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a aldea modelo de Reboredo, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén e do alcalde, Luis Menor. Alí puido comprobar a posta en produción de gando vacún en extensivo, da man da cooperativa Gandaría SMAD. Neste senso, José González lembrou que esta aldea modelo conta cunha superficie de 15,13 hectáreas arredor do núcleo que busca dinamizar, dividida en 158 parcelas de 95 propietarios. Así, para os vindeiros cinco anos, a Gandaría SMAD arrendou unha superficie de case 8 hectáreas co obxectivo de poñer a producir unha gandaría en extensivo de raza Rubia galega. Desta forma, sinalou o conselleiro, “a través desta práctica, conséguese recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais”. Precisamente, estes son os principais obxectivos destas figuras de mobilización de terra, que puxo en marcha a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. De feito, destacou José González, a día de hoxe están declaradas en Galicia un total de 21 aldeas modelo, que están a mobilizar 574 hectáreas de superficie. No tocante á provincia de Ourense, son 14 aldeas modelo as aprobadas -incluído a de Reboredo-, xunto coa de Trelle en Toén, que tamén se atopa nesta mesma comarca. A estas cifras, súmanse as hectáreas que se están a mobilizar nos 21 polígonos agroforestais -15 na provincia de Ourense- e nas permutas de interese agrario. Desta forma, dende Medio Rural destacan que desde que se puxo en vigor a Lei de recuperación estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de terra que estaba abandonada ou infrautilizada, tamén mediante a figura das permutas.

Dinamización dos núcleos rurais

Durante a súa visita, o titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento puxo a disposición dos concellos axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. A convocatoria deste ano desta liña de axudas permanece aberta cun orzamento de algo máis de 2 millóns de euros. Con estas achegas, búscase un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Así mesmo, o concello do Pereiro de Aguiar foi beneficiario de dúas subvencións para esta aldea de Reboredo na convocatoria correspondente ao ano 2022. Así, a primeira das achegas foi para mellorar o alumeado público con sistemas de aforro enerxético na aldea, contando cunha achega da Consellería de algo máis de 48.000 euros. Mentres, a segunda achega, foi para a renovación das redes de saneamento e abastecemento do núcleo da aldea modelo, para o que contaron con case 49.000 euros.

Axudas para dotar e mellorar os servizos básicos nos concellos con aldeas modelo e polígonos agroforestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelos cun importe de algo máis de 2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cunha serie de requisitos, como que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ou que se teña iniciado o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal. Algunhas das actuacións subvencionables son a instalación, ampliación ou mellora de infraestruturas (alumeado, enerxía renovable) e equipamentos; a rehabilitación de espazos públicos e elementos patrimoniais; as obras de construcción ou rehabilitación de edificacións de servizo público; a mellora de servizos asistenciais e culturais, así como a dixitalización de núcleos rurais e a implantación de e-servizos mediante tecnoloxías da información e a comunicación.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Ligazón á orde no Diario Oficial de Galicia:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230202/AnuncioO90-301222-0005_gl.html

Parada dos Montes, unha comunidade do Courel que busca renacer das cinzas

A Comunidade de Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) resultou seriamente afectada polo gran incendio da Serra do Courel deste pasado verán, no que arderon máis de 12.000 hectáreas. O lume chegou ao monte comunal e calcinoulles 950 hectáreas de terreo forestal, das que unhas 500 estaban destinadas ao aproveitamento madeireiro. Agora, a comunidade quere repensar o seu proxecto para o monte. Distribución do territorio, proxecto futuro e problemas de base O proxecto forestal de Parada dos Montes conéctase coa propia aldea, que desde fai dous anos convertiuse nunha aldea modelo coa idea de recuperar os terreos privados que a rodean, agora transformados nun espazo cercado e limpo. Os terreos da aldea modelo son maioritariamente pastizais destinados á única facenda do lugar. “Agora mesmo teño oito vacas que son as que pacen todo o pobo, coma quen di. Eu págolle unha cantidade á Xunta polo seu uso, que logo reparten entre toda a veciñanza propietaria. A cambio diso temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas”, afirma Marisol Martínez, gandeira en Parada dos Montes.
“Coa aldea modelo temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas” (Marisol Martínez)
“Máis alá das vivendas e das fincas que rodean a aldea, atópanse, nun círculo máis aberto, os terreos privados que xa non teñen uso e que foron os primeiros en quedar abandonados; sobre estes non temos actualmente capacidade de xestión. A partir de aí, xa sería o territorio da Comunidade de Montes de Parada dos Montes”, explica Marcos Ferreira, secretario da comunidade e veciño. O monte veciñal está conformado por 950 hectáreas de monte clasificado, que estaban en distintas situacións. “As 600 hectáreas que estaban conveniadas coa Xunta destináronse a aproveitamento madeireiro, polo que hai diferentes especies de piñeiro -pinaster, sylvestris e radiata- de distintas idades. O resto do monte está sobre todo a raso e outras zonas pequenas teñen frondosas, aínda que a maior parte das frondosas corresponden a propiedades privadas. Por iso, cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro”, detalla Marcos Ferreira.
“Cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro” (Marcos Ferreira)
Tras a grande vaga de incendios deste verán, as 950 hectáreas dos veciños de Parada arderon por completo. “O proceso que se seguiu a partir disto foi chorar, logo cubicar a madeira queimada de diferentes formas -manualmente e con tecnoloxía lidar- e logo poxala. Unha vez se venda e se corte, toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e a intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais”, amplía sobre o proxecto futuro comunal o secretario.
“Toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais” (Marcos Ferreira)
O problema que se atopa a comunidade de montes é a falta de poboación. “No núcleo non hai xente, polo tanto, se queremos manter xestionado o territorio e pretendemos resolver o tema dos incendios é fundamental que haxa xente que teña gando para controlar o territorio que nos rodea. Hai que pensar nun proxecto integral”, comenta Ferreira. Por este motivo, Marisol Martínez critica a falta de apoios que ve para o rural, “xa que din que o apoian pero seguimos tendo estes problemas; a xente non quere vir para os pobos e a actividade gandeira é necesaria, pero neste caso, son a única gandeira que queda aquí en Parada, e para chegar a fin de mes só co gando é moi complicado porque estamos vendendo a perdas”, valora. ”De seguir así, o futuro pinta moi complicado”. https://www.campogalego.gal/non-publicar-antes-por-exemplo-habia-50-vecinos-con-2-ou-3-vacas-cada-un-agora-so-somos-dous/

Medio Rural recuperará 90 hectáreas de terra agraria no concello de Cerdedo-Cotobade

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou este sábado a aldea modelo de Mouteira-Parada, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, para supervisar os traballos de limpeza que se están executando. Alí, destacou que neste municipio recuperaranse preto de 90 hectáreas de terras agrarias a través de dita aldea modelo e do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, a aldea modelo de Mouteira-Parada vén de ser declarada de utilidade pública e interese social, o que permitirá axilizar a posta en valor das 17,97 hectáreas que ten este lugar. En concreto, dita aldea abrangue un total de 427 parcelas e 109 titulares. O seguinte paso á limpeza das terras que rodean esta aldea será aprobar o seu proxecto de ordenación produtiva, no que se delimitará -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia. Neste senso, o conselleiro sinalou que, finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo, aínda que todo apunta a que os usos das parcelas pasarán pola explotación da gando. Posteriormente, o conselleiro e a directora xeral visitaron a zona do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, onde está previsto recuperar 68 hectáreas en 1.534 parcelas. Dito polígono xa ten o acordo de inicio asinado e en breve publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Axudas proxectos en aldeas modelo

Durante a súa visita, o conselleiro destacou que se veñen de resolver as axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo -e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria-, as cales permitirán desenvolver 28 proxectos nun total de 14 concellos, por un importe de case 1,1 millóns de euros. Precisamente o concello de Cerdedo-Cotobade é un dos beneficiarios destas achegas para executar -por importe de case 39.000 euros- un proxecto de mellora do espazo e das infraestruturas públicas dentro da aldea modelo de Mouteira-Parada. Así, José González sinalou que estas achegas -que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia- teñen como obxectivo mellorar a prestación de servizos básicos locais que contribúan a consolidar os instrumentos de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de potenciar a actividade económica e social naquelas áreas territoriais delimitadas polo perímetro das aldeas modelo declaradas. Neste senso, José González destacou que grazas a esta liña de achegas, propiciarase a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a posta en marcha e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais. Desta forma, entre os proxectos aprobados figuran a mellora das redes de alumeado público; a humanización e a rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos e rúas; ou a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións. Por último, cabe destacar que en Galicia hai actualmente un total de 19 aldeas modelo declaradas para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 predios de preto de 2.200 titulares, co obxecto de xerar actividade económica que contribúa a fixar poboación e a avanzar na anticipación aos incendios.

Arranca a posta en produción con vacún en extensivo na aldea de Meixide, no concello da Veiga

A Xunta informa de que vén de arrancar a posta en produción na aldea modelo de Meixide, no concello ourensán da Veiga, cunha explotación de vacún en extensivo. Esta figura de posta en valor -contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- abrangue neste caso unha superficie de 71,25 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se busca dinamizar, distribuídas en 646 parcelas de 151 propietarios. A posta en produción que se vén de iniciar na aldea modelo de Meixide foi posible tras a resolución do pertinente procedemento de concorrencia competitiva para a selección da proposta de aproveitamento idónea para a zona. Este proceso arrancou tras a publicación da correspondente guía de ordenación produtiva, na que se delimitaban os usos máis acaídos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo. Así mesmo, acometéronse as obras e infraestruturas necesarias para a posta en produción, como peches perimetrais, pastores eléctricos, refuxios para o gando, comedeiros, bebedoiros, e o acondicionamento de camiños. Tamén se levaron a cabo os traballos de limpeza nos predios que asumiron o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.

Galicia presenta en Asturias as “aldeas modelo” no I Encontro de Aldeas do Século XXI

O subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, vén de debullar as particularidades e vantaxes das aldeas modelo recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia como figura para dinamizar e fixar poboación no rural. Así o fixo no 1º Encontro de aldeas do século XXI que se celebra en Asturias entre hoxe e mañá, con relatorios e visitas de campo. En concreto, o subdirector lembrou que xa están aprobadas un total de 19 aldeas modelo en Galicia, implementando deste xeito un dos principais instrumentos contemplados na norma que está a piques de cumprir un ano en vigor, xunto co dos polígonos agroforestais e o das agrupacións de xestión conxunta. Concibidas para recuperar, neste caso, contornas de núcleos poboacionais, as aldeas modelo buscan promover -segundo destacou- nova actividade económica no rural, aumentando a base territorial das explotacións e contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume. Tamén se referiu aos Espazos agrarios de experimentación, destinados á formación e experimentación de actividades agrarias de cara a lograr novas incorporacións ao sector primario nas aldeas. Na súa intervención, Alejandro Sánchez de Dios puxo de relevo que todas as ferramentas contempladas na Lei de recuperación son voluntarias e buscan poñer a producir parcelas en estado de abandono ou infrautilización, máis aínda cando se calcula que existen máis de 500.000 hectáreas de terra agraria en Galicia sen aproveitar. Así, os seus propietarios poderán arrendalas mediante o Banco de Terras de Galicia a alguén que as precise -no caso que nos ocupa, aos adxudicatarios da actividade ou actividades elixidas para a aldea modelo en cuestión-, beneficiándose economicamente da súa xestión ao tempo que se aseguran de que as súas parcelas están limpas, co conseguinte avance de cara á prevención de lumes.

Aldeas do século XXI

Organizado por CTIC Rural Tech e polo executivo do Principado de Asturias, o 1º Encontro de aldeas do século XXI está a acoller as exposicións de representantes do Goberno central e das comunidades asturiana, cántabra e galega, así como da Administración do veciño Portugal e de distintas asociacións de veciños de aldeas de Asturias. O obxectivo é analizar o papel que xogan estas aldeas na xestión do territorio, da biodiversidade, da paisaxe, das enerxías renovables ou da produción local de singularidades gastronómicas de alto valor engadido. A maiores, realizaranse visitas de campo ás aldeas asturianas participantes onde se están a desenvolver distintas iniciativas, para finalizar coas conclusións extraídas do encontro.

A Xunta estuda desenvolver unha aldea modelo no concello do Porriño

A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño. Así o acordaron o titular deste departamento da Xunta, José González, e o alcalde da localidade pontevedresa, Alejandro Lorenzo, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos, tal e como lle trasladou o conselleiro ao rexedor municipal, teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.

Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa. Ademais, a xuntanza serviulles aos responsables da Consellería do Medio Rural para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.

A Xunta promoverá proxectos de intelixencia artificial nas aldeas modelo

A directora xeral de Agader, Inés Santé, durante a presentación dos retos do Proxecto Aldeas Intelixentes. A Xunta lanzou este venres a segunda consulta pública ao mercado do proxecto Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles, que se enmarca na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, contando cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas aos fondos NextGeneration da UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros. O acto, que estivo presidido pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, sucede á primeira consulta preliminar levada a cabo en novembro pasado, que se saldou coa presentación de 168 propostas por parte de 124 pemes e 44 corporacións para dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Consellería do Medio Rural.
Pódense remitir proxectos para avanzar na xestión intelixente de servizos, na valorización de produtos agroalimentarios, nas decisións para actividades agrarias ou nun sistema enerxético integral
En concreto, segundo lembrou a directora xeral, as iniciativas presentadas respondían aos retos de implementar servizos dixitais rurais, solucións tecnolóxicas para a bioeconomía, a sustentabilidade e economía circular da produción agraria e a mellora do núcleo rural das aldeas modelo con máis formación, innovación e cultura empresarial. Unha vez recibidas todas as iniciativas, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural seleccionou as que mellor se adecuaban aos retos establecidos, xerando novos obxectivos máis específicos que agora cómpre desenvolver. De aí xorde a convocatoria desta segunda consulta pública, segundo apuntou Inés Santé, para establecer posibles casos de uso e, no seu caso, engadir novas funcionalidades que dean resposta ás finalidades recollidas na convocatoria, co gallo de crear unha rede de aldeas modelo na que se potencien os grandes valores das áreas rurais, proporcionando aos axentes locais as ferramentas necesarias para aproveitar o seu potencial e así contribuír a grandes retos como a seguridade alimentaria, a fixación de poboación ou a loita contra o cambio climático.
A Xunta xa ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman máis de 600 hectáreas e 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños
Así, a directora xeral animou á presentación de novas propostas, que poderán ser enviadas por calquera persoa física ou xurídica, con independencia de se remitiron ideas con anterioridade. En concreto, os retos que se marcan agora son desenvolver unha plataforma intelixente para a xestión de servizos no ámbito local e outra para a trazabilidade e a valorización de produtos agroalimentarios e subprodutos das aldeas modelo. Tamén se aposta por implementar un sistema de axuda á decisión para actividades agrarias nestas aldeas e por unha estratexia enerxética integral para todas estas figuras, entre outros aspectos.

Publicadas as guías para o óptimo aproveitamento de dúas aldeas modelo

A Consellería de Medio Rural publicou o anuncio polo que se someten a información pública os borradores de guías de ordenación produtiva de dúas aldeas modelo: a de Pedrosa, no concello ourensán de Riós, e a de Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga. Deste xeito, poderanse realizar as achegas que se consideren oportunas no prazo dun mes, a contar dende o día seguinte á publicación no DOG. Estas guías configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción. Para a aldea modelo de Pedrosa, en Riós, establécense como usos idóneos o aproveitamento gandeiro en extensivo, árbores froiteiras e cultivos agrícolas de ciclo curto. Esta iniciativa servirá para recuperar unha superficie de 12,68 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se porá en valor, distribuídas en 269 parcelas de 38 propietarios. En canto á aldea de Bustelo de Fisteus, en Quiroga, apóstase polo aproveitamento gandeiro en extensivo, cultivos de horta, árbores froiteiras e castiñeiros. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 52,03 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 922 parcelas de 164 propietarios. Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelos deben ter en conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende mañá, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas.

A Xunta informa aos veciños do concello pontevedrés das Neves para crear unha aldea modelo

A Xunta anima aos veciños do lugar da Porteliña, na parroquia de Rubiós do concello pontevedrés das Neves, a apostar pola implementación dunha aldea modelo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, mantivero un encontro con parte dos 359 propietarios que estarían implicados na aldea modelo solicitada polo consistorio, que abranguería un total de 35 hectáreas distribuídas nunhas 819 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Así, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha desta aldea modelo da Porteliña, nas Neves. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70% do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna da parroquia para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade ou actividades económicas que se consideren máis axeitadas para a zona co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.

A Xunta declara 3 novas aldeas modelo en Sober, Taboadela e Cualedro

A Consellería do Medio Rural vén de declarar os núcleos de Francos de Proendos -no concello lucense de Sober-, Covelo -no municipio ourensán de Taboadela- e Carzoá -na localidade ourensá de Cualedro- como novas aldeas modelo de Galicia. Acádanse así as 17 aldeas con estas características na comunidade, no marco da Lei de recuperación da terra agraria. Trátase de iniciativas promovidas pola Xunta e polos respectivos consistorios co obxectivo de recuperar as terras en estado de abandono ou infrautilización na contorna das aldeas, para así contribuír á súa posta en valor fixando poboación e mellorando a calidade de vida nesas zonas, ao tempo que se reforza a prevención dos lumes na proximidade das vivendas. Concretamente, a aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, abranguerá unha superficie de 16,81 hectáreas deste núcleo de poboación, actuando en arredor de 119 parcelas de 70 propietarios. No caso de Covelo, en Taboadela, o perímetro será tamén de 16,81 ha, implicando unhas 223 parcelas de 109 titulares e. Por último, a aldea de Carzóa, en Cualedro, terá unha superficie de 59,8 hectáreas, involucrando ao redor de 389 parcelas de 215 propietarios. A partir de agora, realizaranse traballos de limpeza e recuperación en todas as parcelas incluídas no perímetro destas aldeas para poñelas a producir mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados no seu aproveitamento. Deste xeito, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán ademais como devasa natural fronte ao lume, xa que serán os cultivos os que actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica. Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, estas aldeas modelo suporán a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.

17 aldeas modelo declaradas

As tres aldeas modelo de hoxe súmanse ás 14 que xa estaban declaradas, algunhas delas xa en marcha con actividade agrogandeira. Trátase das lucenses de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel) e Bustelo de Fisteus (Quiroga) e das ourensás de Osmo (Cenlle), Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Reboredo (O Pereiro de Aguiar), Xacebáns (Quintela de Leirado), Meixide (A Veiga), Trelle (Toén), Trabazón (O Irixo) e Pedrosa (Riós):