Category Archives: Emprender Axudas

Convocadas as axudas a proxectos de innovación no agro galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de convocatoria das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), que contarán en 2024 cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados será dun mes e contarase a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. O obxectivo principal destas subvencións, xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector. Desta forma, os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- buscan poñer en marcha novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores relacionados coa Asociación Europea de Innovación (AEI). A finalidade última é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal.

Beneficiarios

Os posibles beneficiarios destas axudas son os agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, centros de investigación ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén se trata de empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

Link á resolución no DOG

Axuda de incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos: Claves para solicitala

A Consellería do Medio Rural publicou este luns a convocatoria de axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas -os coñecidos como plans de mellora-, así como para a creación de empresas de agricultores mozos, para o desenvolvemento de pequenas explotacións e, como novidade, para a incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos. Esta última medida, á que se destina un orzamento de 3 millóns de euros, tamén a aprobou este ano a veciña comunidade de Asturias. O seu obxectivo é intentar paliar a grave falta de relevo e de activos nun sector estratéxico para a sociedade, como é o da produción de alimentos. Ampliar as axudas de incorporación máis alá dos 40 anos é unha vella reivindicación das organizacións agrarias e beneficia especialmente a persoas que se incorporan dende outras actividades profesionais, moitas veces na busca dun traballo con maior estabilidade, en contacto coa natureza e que permita conciliar mellor a vida laboral e familiar. Resumimos a continuación as claves desta nova liña de axudas:

Quen a pode solicitar?

As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas novas deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Ter entre 41 e 55 anos de idade, ambos incluídos. b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda. c) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia. d) Posuír o nivel de capacitación profesional mínimo de 150 horas no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.

Que documentación hai que presentar?

e) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo: a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación. b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos: i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva. ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións. iii. Composición e dedicación da man de obra. iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación. v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade. vi. Actuacións que se van realizar. c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000. d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos. f) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda. g) Participar no programa de titorización ás persoas agricultoras novas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria. h) Non ter recibido axuda por primeira instalación, nin considerarse instalado.

Contía máxima da axuda:

1. O importe da axuda será de 25.000 euros, que poderá incrementarse ata os 55.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios: a) 10.000 euros por ser muller. b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña. c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica. d) 10.000 euros por titularidade compartida. No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación, os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as persoas que se instalen. 2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 25.000 euros.

Para máis información contacte aquí coa súa oficina agraria comarcal

Últimas semanas para solicitar as axudas para mellora da eficiencia enerxética en explotacións agrogandeiras

A Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ten aberta ata o 31 de decembro a convocatoria de axudas correspondentes ao programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias.

Actuacións subvencionables:

Poderán obter dereito a subvención aquelas actuacións que reduzan o consumo de enerxía final do proceso da explotación agropecuaria afectado en polo menos un 10 % con relación á situación de partida. Para o cálculo do aforro de enerxía final e a elixibilidade das actuacións será de aplicación a Recomendación (UE) 2019/1658 da Comisión. O aforro de enerxía final xustificarase mediante un dos métodos de cálculo do Anexo V da Directiva 2012/27/UE. Cabe diferenciar as dúas seguintes actuacións subvencionables: a)Actuación 1: Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío. Consistirá na execución de actuacións de reforma das instalacións de regadío en explotacións agropecuarias e comunidades de regadores, por renovación dos seus equipos de bombeo que reduzan o consumo de enerxía final e as emisións de CO2. b) Actuación 2: Mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias. Consistirá na realización de actuacións de reforma das explotacións e instalacións consumidoras de enerxía térmica, eléctrica e de proceso propias das explotacións agropecuarias que reduzan o consumo de enerxía final e as emisións de CO2. As actuacións poderán ser, con carácter orientativo e non limitativo: 1.º Actuacións sobre a envolvente térmica que reduzan a demanda de calefacción e refrixeración dos edificios agropecuarios (fachadas, cubertas, xanelas) incluíndo solucións bioclimáticas. 2.º Actuacións nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, como poden ser as destinadas aos procesos de pasteurización e conservación de produtos perecedoiros, á climatización de naves de gando e invernadoiros, refrixeración en procesos de fermentación do viño, etc. 3.º Mellora da eficiencia enerxética dos subsistemas de xeración, distribución, regulación e control e elementos terminais das instalacións térmicas, incluíndo o aproveitamento de calores residuais e novas redes de calor. 4.º Substitución de enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas (enerxía solar térmica, biomasa, enerxía xeotérmica, enerxía ambiente (aerotermia ou hidrotermia), bombas de calor ou unha combinación delas). Non se considerará elixible a substitución dun xerador térmico por outro que utilice combustible de orixe fósil. 5.º Reforma ou substitución de instalacións de iluminación interior e iluminación exterior. 6.º Renovación de motores para accionamientos mecánicos e outros servizos propios destas actividades. La inversión mínima para que la actuación sea subvencionable debe ser de 5.000 euros IVA no incluido. Cada solicitante poderá presentar un máximo de unha solicitude da Actuación 1 e outra da Actuación 2 por emprazamento. Cada solicitude pode incluír unha ou varias das tipoloxías de proxectos definidos no Real Decreto 149/2021 pero sen mesturar os recollidos no epígrafe correspondente á Actuación 1 cos da epígrafe correspondente á Actuación 2.

Características das axudas:

-    Orzamento: 1,67 M€. -    Financiado co FNEE (Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética) -    Concorrencia non competitiva, asignándose os fondos por orde de chegada.

Contía máxima das axudas:

A contía da subvención será a mínima entre as tres seguintes cantidades: a) O 30 % do custe elixible definido no artigo 14 do Real Decreto 149/2021. b) O 35 % do custe subvencionable da actuación. Esta intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas á pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas. O custe subvencionable resulta de restar ao custe elixible a inversión de referencia segundo o indicado no artigo anterior. Este apartado b)  será aplicable só cando o solicitante sexa unha empresa ou desenvuelvan unha actividade comercial ou mercantil . c) Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 1.000.000 de euros.

Máis información

Últimos días para solicitar as axudas da Xunta para modernizar explotacións de horta e planta ornamental

A Xunta de Galicia lembra que segue aberto o prazo para solicitar as axudas para plans de mellora en explotacións especializadas en produción vexetal, dotadas con tres millóns de euros a cargo do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os interesados teñen de marxe ata o día 4 de setembro para solicitalas. Esta liña de achegas ten como obxectivo apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada. Desta forma, búscase mellorar os resultados económicos das explotacións agrícolas ao facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación no mercado e diversificando a produción agraria. Do mesmo xeito, búscase reducir a pegada ambiental, diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Neste senso, poderán ser beneficiarios de ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga) e con orientación técnica e económica principal horticultura e cultivos diversos, cultivos leñosos, sementes e plántulas de hortalizas e patacas. En canto aos investimentos materiais ou inmateriais subvencionables, serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construcións agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e mesmo a compra de terreos. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como os honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción, reforma ou licencias de software, entre outros.

Enlace á orde no DOG

 

Convocadas as axudas da Xunta para investimentos no rural en actividades non agrícolas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cun orzamento deste ano de 3,4 millóns de euros. Este presuposto está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. O obxectivo desta convocatoria é dobre. Por unha banda, a Xunta reserva 2,65 millóns de euros do investimento a apoiar a adquisición de bens e equipamentos para empresas xa existentes que desenvolvan actividades non agrícolas no territorio rural galego co obxectivo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización. Mentres tanto, os 750.000 euros restantes destínanse á posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas en aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras, nunha decidida aposta por consolidar e impulsar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Deste xeito, poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e construídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2022 e aquelas persoas físicas que residan nunha zona rural e estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomas, tamén con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado. Tamén poderán acceder ás achegas titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación. O prazo para presentar as solicitudes para optar a estas axudas é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. É dicir, até o 28 de febreiro.  Ligazón á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioO90-301222-0003_gl.html

Publicada a resolución das axudas 2022 para zonas con limitacións naturais

O Fondo Galego de Garantía Agraria vén de publicar a resolución das axudas da campaña 2022 orientadas a zonas con limitacións naturais. A resolución inclúe unha lista de beneficiarios, coas subvencións aprobadas e denegadas. Pode consultarse neste pdf o listado de beneficiarios das axudas para zonas de montaña. Nestoutro, está o listado das axudas para zonas con limitacións naturais distintas de montaña.

Publicados os proxectos innovadores no ámbito agrario que recibirán apoios da Xunta

Entre os proxectos beneficiados atópase un sobre cultivo de variedades de trigo autóctono en ecolóxico O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta semana senllas resolucións da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se fan públicas as axudas de 2022 para o apoio de proxectos piloto de innovación, así como a grupos operativos de innovación. En concreto, foron 11 os beneficiarios dos proxectos de innovación cun total de1.358.283,13 euros en achegas; e 25 os grupos operativos apoiados, por un valor total de 6,1 millóns de euros. Proxectos de innovación Entre as iniciativas apoiadas, destacan proxectos para a mellora do cultivo en ecolóxico de trigo autóctono e a produción de fariña de millo nixtamalizada a partir de recursos xenéticos propios de Galicia. Tamén destaca un proxecto sobre cultivos sustentables a partir de variedades autóctonas. Relativo ao sector gandeiro, destaca unha iniciativa para o incremento da eficiencia en gandarías de ruminantes e valorización dos seus produtos, así como outro proxecto para o desenvolvemento de novos produtos cárnicos de porco celta. Tamén resultou beneficiaria unha iniciativa para a creación dunha plataforma dixital sobre a adopción de modelos enerxéticos innovadores en explotacións gandeiras.
Foron apoiadas iniciativas de cultivo de trigo autóctono en ecolóxico, desenvolvemento de novos produtos de porco celta e proxectos de viticultura e enoloxía no Ribeiro e Rías Baixas
No sector vinícola, foron aprobadas axudas para un proxecto de itinerarios innovadores en crianzas oxidativas de viños galegos, outra iniciativa sobre a explotación do potencial de garda dun terroir histórico do Ribeiro con cultivo sustentable do viñedo. Tamén, un proxecto de tratamentos fitosanitarios en viñedos da denominación de orixe Rías Baixas. Por último, foron beneficiarios tamén destas axudas unha iniciativa para a elaboración dun xardín vertical con planta viva e un proxecto sobre o aforro na auga de rega mediante novas tecnoloxías.  Cómpre lembrar que desta convocatoria puideron beneficiarse organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea  agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector. Grupos operativos O listado dos 25 grupos operativos apoiados pode consultarse na resolución do DOG.

Publicada a listaxe dos beneficiarios das axudas da Xunta para o fomento da silvicultura activa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que recolle a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a máis de 400 beneficiarios, por un importe de algo máis de 10,2 millóns de euros, cunha superficie de actuación de máis de 5.600 ha, en virtude da convocatoria do ano pasado. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación Forestal, concede estas axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. A meirande parte das axudas están destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperatias agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, e aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

Reparto das axudas

Na provincia de Ourense aprobáronse 145 expedientes para 2.718 hectáreas, cun importe de 5,1 millóns de euros; na de Pontevedra foron 117 expedientes para 1.285 hectáreas cun importe de case 2,2 millóns de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.150 hectáreas, cun importe de 2 millóns de euros e, finalmente, na provincia da Coruña aprobáronse 43 expedientes para traballar en 501 hectáreas, cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 407 expedientes aprobados para unha superficie de actuación de 5.654 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros. Arredor dun 90% da contía concedida correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2023. Estímase que execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas implica a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo. . As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5% e da Xunta de Galicia do 17,5%. Enlace á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230116/AnuncioG0426-161222-0002_gl.html

A Xunta incrementa nun 21% as axudas para contratar seguros agrarios e gandeiros

A Xunta incrementa este ano en case máis un 21% a dotación das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, pasando dos 7 millóns de euros destinados na convocatoria de 2022 aos 8,5 millóns no presente ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras destas achegas e se convocan para o ano 2023. A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos agricultores e gandeiros e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2023 e de liñas gandeiras dos plans 2022 e 2023, formalizadas este ano. Tamén poderán recibir estas subvencións os titulares de explotacións de acuicultura continental. Contémplanse, así mesmo, os seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións. Sobre o prazo de presentación de solicitudes, nos diferentes anexos da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguros correspondentes ás distintas liñas que compoñen o Plan de seguros agrarios. As datas abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 1 de decembro, segundo a liña de seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

Solicitude de axuda

A formalización da correspondente póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición estipulados pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. A contratación da póliza constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos esixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas. Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230104/AnuncioG0426-141222-0001_gl.html

Convocan as axudas do Plan Leader para os anos 2023 e 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Esta liña de axudas conta cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023 e 2024. Pode optar a estas achegas calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para presentar as solicitudes, que deberán ser dirixidas -tendo en conta a localización do investimento- ao GDR que corresponda. Así mesmo, deberán presentarse co formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria e de xeito telemático.

Poderán obter subvención proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos, esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.

Esta orde de axudas busca mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos. Tamén, pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos.

Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

As cifras económicas do Leader

Trátase da sexta convocatoria de axudas deste tipo no que vai de período Leader 2014-2020, prorrogado por dous anos, e tamén da última deste período. Como sinalan dende a Consellería de Medio Rural, neste período fixose un esforzo orzamentario para incrementar a contía das axudas dispoñibles para estas actuacións do Leader e, grazas á modificación do PDR, incrementouse nun 50% o orzamento dispoñible para dita convocatoria.

Este orzamento está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta. As seis convocatorias deste período Leader supoñen unha axuda pública de 90,3 millóns de euros.

-Consulta aquí a orde da convocatoria.

 

Amplíanse en 17 millóns as axudas da Xunta para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde de ampliación das axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario, cun orzamento de 25,8 millóns de euros. Estas axudas foron convocadas orixinalmente o 2 de maio de 2022, cun presuposto de 7,41 millóns de euros. Á vista das solicitudes recibidas, hoxe publícouse unha ampliación deste orzamento, ata acadar os 25,8 millóns. Esta orde de achegas está financiada con Fondos Next Generation, que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto, estas subvencións incidirán na xestión de estercos con 11,57 millóns euros -a partida orixinal era de 4,68-, e na agricultura de precisión con 13,37 millóns -o orzamento anterior era de 1,87-, segundo os presupostos distribuídos na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do pasado mes de outubro. A cifra destinada aos invernadoiros e eficiencia enerxética mantense igual que na orde previa. Con estas achegas agárdase acadar avances significativos nalgúns ámbitos, como na mellora na xestión de xurros e na eficiencia enerxética das explotacións galegas.

Axudas para cubrir as fosas de purín ou para mercar programas informáticos

No caso das axudas para a xestión de estercos, financiaranse investimentos nas explotacións gandeiras relacionadas coa adaptación ou cubrición das balsas ou depósitos exteriores novos ou existentes que reduzan os gases de efecto invernadoiro (como as fosas de xurro). O obxectivo é mellorar a xestión de xurros e estercos, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental. Canto aos invernadoiros, subvencionaranse investimentos para transformalos integralmente ou para modernizalos mediante, por exemplo, a automatización da ventilación, co gallo de mellorar a competitividade e a sustentabilidade dos cultivos de hortalizas, flor cortada e planta ornamental. Sobre a eficiencia enerxética, sufragaranse investimentos en eficiencia e en fontes renovables como o illamento térmico ou as plantas de biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias. Por último, en relación coa agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental. Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e os beneficiarios poderán ser, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto. Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221221/AnuncioG0426-151222-0001_gl.html

A partir desta vindeira semana Galicia pagará 27 millóns de adianto das axudas da PAC

A partires da semana que vén, a Xunta anuncia que a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) comezará a facer efectivo o pagamento do anticipo das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2022-2023. En total, serán preto de 27 millóns de euros que beneficiarán uns 6.200 gandeiros galegos. Estes importes corresponden ás liñas de vacas nutrices e de vacún de leite. Ademais, dende Medio Rural avanzan que no vindeiro mes de decembro prevese realizar por parte do Fogga un novo pago de axudas directas, por valor de máis de 115 millóns de euros, onde van incluídas as axudas a vacún de carne, pago básico, pago verde, mozos e pequenos agricultores. Tamén se aboará o anticipo das axudas de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, por importe de 20 millóns de euros. Estes pagos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros da comunidade. O Fogga, adscrito á Consellería do Medio Rural, efectuará o pago do 70% da axuda total no anticipo e do 90% nas axudas do saldo, o máximo establecido pola Comisión Europea. Por provincias, Lugo é a máis beneficiada, con case 14 millóns de euros de anticipo. Séguenlle A Coruña, con arredor de 9 millóns de euros; Pontevedra, cuns 2 millóns e Ourense, con aproximadamente 1 millón de euros. Por concellos, o pontevedrés de Lalín, o lugués da Pastoriza e o coruñés de Mazaricos son os que teñen maior número de beneficiarios e importes.

Novas axudas da Xunta para o uso da madeira como elemento estrutural na construción

A Xunta inviste 2,6 millóns de euros nunha convocatoria dunha nova liña de axudas destinada ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita a Xilonor, empresa situada no concello coruñés de Coirós, e na que estivo acompañado por polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como por responsables da planta, dedicada á produción de madeira contralaminada. Esta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, ten un carácter de concorrencia non competitiva, polo que se irán concedendo aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende mañá venres ata o vindeiro 15 de novembro, ou ata a finalización dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data. Estas subvencións teñen como principais obxectivos loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira. Coiros. A Coruña. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron as instalacións da empresa Xilonor.. Foto: Moncho Fuentes/AGN A Coruña

Axenda da industria forestal

Neste acto, o conselleiro explicou que estas axudas, que se enmarcan dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, van destinadas tanto a pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como a persoas físicas. Sinalou que serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados. Exclúese para este cómputo o uso da madeira nas carpintarías, pavimentos e acabados interiores. Ademais, no caso de pemes, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, a edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario asistencial, educativo, cultural ou deportivo. No caso de que os solicitantes sexan persoas físicas o uso será residencial unifamiliar.

Até un 90% de subvención

Así mesmo, José González destacou que a intensidade da subvención sitúase no 70 %, pero pode incrementarse nun 10 % no caso de utilizar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable (con certificación PEFC ou FSC) e outro 10 % se se dispón da marca de garantía “Pino de Galicia”, co que a axuda pode mesmo acadar o 90 %. Enlace á resolución da convocatoria de axudas no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0520-290922-0002_gl.h

A Xunta convoca axudas por 3,5 millóns para dar asesoramento ás explotacións agrícolas e gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para o asesoramento a persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), esta convocatoria conta cun investimento total de 3,25 millóns de euros co obxectivo de axudar ás explotacións a que melloren os seus resultados económicos, ambientais e a súa capacidade de adaptación ao cambio climático. Así, poderán beneficiarse destas subvencións as entidades privadas recoñecidas ou autorizadas como entidades prestadoras de servizos de asesoramento inscritas no “Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia” e que dean servizo a titulares de explotacións agrarias que estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Serán subvencionables os custos en concepto de honorarios orixinados polos servizos prestados, entre os que se poden incluír os custos de persoal, viaxes, material e gastos de funcionamento. Nesta liña, as entidades que prestan estes servizos poderán recibir un importe entre os 800 e os 1.000 euros, en función da modalidade de axuda. Así, no caso do servizo de asesoramento básico, para o que se fixa unha achega de 800 euros, cubriranse aspectos como as obrigacións que debe cumprir a explotación, as prácticas agrarias beneficiosas para o clima e o medio ambiente, as medidas incluídas nos programas de desenvolvemento rural destinadas a fomentar a modernización das explotacións, os requisitos para a xestión integrada de pragas, as normas relativas á seguridade laboral relacionadas coa explotación agraria, o asesoramento específico para agricultores que se instalen por primeira vez, a información relacionada coa mitigación do cambio climático ou o asesoramento para o desenvolvemento de cadeas curtas de distribución, a agricultura ecolóxica e os aspectos sanitarios da cría de animais.

Asesoramento específico para xestionar a Conta Láctea

Mentres, o asesoramento específico para a xestión de Conta Láctea (a aplicación implementada pola Xunta para permitirlles aos gandeiros calcular os seus custos de produción e reforzar a súa posición negociadora fronte ás industrias) poderá subvencionarse con 1.000 euros. Por último, tamén 1.000 euros é a contía fixada para o servizo de asesoramento básico con plan de xestión ambiental e loita contra o cambio climático do sistema integral de xestión de explotacións. Os interesados poderán solicitar as axudas no prazo dun mes a contar desde mañá, día seguinte ao da publicación da orde no DOG; é dicir, até o 14 de novembro. Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0426-031022-0002_gl.html