Category Archives: Emprender terras

Rematada a parcelaria de 740 hectáreas en Santa María de Oroso, no concello da Cañiza

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santa María de Oroso, nesta localidade pontevedresa. Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de 740 hectáreas, pertencentes a 629 veciños. No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 13.110 parcelas a 1.890 fincas, septuplicando o tamaño medio dos predios, ao pasar de 564 metros cadrados a 3.915.

Impulsan un polígono agroforestal en Trazo de 174 hectáreas para producir forraxes para o gando

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega da Industria Forestal, Inés Santé, e da alcaldesa do concello coruñés de Trazo, Josefina Suárez, reuniuse con veciños da localidade en relación co polígono agroforestal de Campo-Gorgullos. O conselleiro explicou que se prevé a mobilización de 174 hectáreas, distribuídas en 112 parcelas de 45 propietarios. Atópanse nunha zona na que existe unha demanda de terras para a produción de forraxe para o gando, polo que o polígono podería orientarse a satisfacer ese tipo de necesidade. Na xuntanza tamén participou o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, ao estar unha parcela deste proxecto de mobilización no seu concello. Este polígono agroforestal sumaríase aos 26 que actualmente están en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Xunto cos polígonos agroforestais cómpre salientar tamén a figura das aldeas modelo, das cales hai xa 21 aprobadas, segundo sinalou José González. Seguindo esta liña, os polígonos agroforestais son unha das figuras de mobilización de terras impulsadas a través da Lei de recuperación da terra agraria -que entrou en vigor en maio de 2021- mediante a cal se están recuperar grandes áreas da terra potenciando os tres usos do chan -agrícola, gandeiro e forestal-, segundo o tipo de cultivo máis acaído. Neste sentido, o conselleiro salientou que neste caso de Trazo trátase especialmente de “reconcentrar” terra moi traballada para crear predios de maior superficie e mellorar así a base territorial das explotacións. Deste xeito, engadiu, dáse un mellor soporte e impulso á actividade agrogandeira da zona.

Concentracións parcelarias: A Xunta anuncia que no 2024 investirá un 41% máis

A Xunta anuncia que destinará o vindeiro ano un total de 24 millóns de euros para avanzar nos procesos de concentración parcelaria e no arranxo de pistas. Este orzamento representa un 41 % máis de fondos que os consignados no 2023. Así o anunciou este martes o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do acto de presentación do “Manual práctico para a integración paisaxística da reestruturación parcelaria”. O conselleiro estivo acompañado por Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural. Neste contexto, o conselleiro destacou a creación do Manual presentado como unha iniciativa fundamental para planificar, co fin de establecer unha metodoloxía práctica para realizar a reestruturación parcelaria cunha visión o máis integradora posible, sendo a conservación da paisaxe un valor engadido en todo o proceso. Na súa intervención, José González fixo fincapé na importancia da reestruturación parcelaria como “ferramenta necesaria para o desenvolvemento rural, debido á división da terra en Galicia, que segue a ser un impedimento para o desenvolvemento do potencial agrario, polo que ambos intereses deben solaparse”. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva investido un total de 118 millóns nos últimos 14 anos co obxecto de avanzar decididamente nesta materia.

Sustentabilidade

Neste mesmo sentido, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de garantir a sustentabilidade neste tipo de procesos -que inciden na paisaxe, xa que diminúen o número de parcelas e reducen a rede de camiños para permitir o tránsito de maquinaria- mellorando o medioambiente. Así, recalcou que “cómpre establecer consideracións básicas sobre a correcta integración e protección dos elementos culturais, ambientais e paisaxísticos, con criterios únicos e homoxéneos que contribúan tamén á mitigación e adaptación, en especial, aos incendios forestai”s. O conselleiro puxo en valor “as 29 parcelarias rematadas desde 2020 ata o momento, abarcando unha superficie de máis de 19.500 hectáreas e beneficiando máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”. En consonancia con isto, destacou as tamén 29 parcelarias decretadas desde 2021 ata agora, seguindo -destacou González- o “mantra” segundo o cal “por cada parcelaria rematada, unha nova decretada”.

Aposta por reducir e axilizar trámites

“A Xunta mantén un elevado ritmo de entrega de títulos por toda Galicia e está aberta a decretar novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias, sempre apostando por reducir e axilizar os trámites”, engadiu José González. Nesta liña, e de xeito paralelo, o conselleiro destacou as ferramentas de mobilización de terras da Lei de recuperación. Uns instrumentos que -subliñou- permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras e lembrou que estes mecanismos -polígonos agroforestais, aldeas modelo, permutas e agrupacións de xestión conxunta- xunto coas parcelarias permitiron xa poñer en valor arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.

A segunda fase do proxecto de permutas de terras agrarias alcanzará case 1.000 hectáreas nas comarcas de Lugo, Ordes e A Estrada

A Directora Xeral de Agader, Inés Santé, reuniuse cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GRD) das comarcas de Lugo, Pontevedra-Norte e comarca de Ordes para dar as últimas pinceladas e perfilar o remate do segundo proxecto de cooperación para o estudo da ordenación do territorio agrario a través do sistema de intercambio mediante permutas de terras agrarias. Nesta reunión, a Directora Xeral confirmou a concesión duns 275.000 euros para o financiamiento da totalidade de toda a segunda fase do devandito proxecto, que suporá o final dos traballos iniciados nas zonas de Friol (Nodar e Condes), Outeiro de Rei (Mosteiro), Guntín (Cibrao-Vilameá), A Estrada (Cabanelas) e Ordes. Nesta segunda fase vanse a mobilizar case 1.000 hectáreas de superficie agraria, nas que na actualidade están divididas nunhas 3.033 parcelas e beneficiaranse 111 propietarios. Concretamente o Concello de Friol, será o municipio con maior superficie, onde se mobilizarán 279 ha. distribuídas polas parroquias de Nodar con 205 ha. que terá un orzamento asignado de 53.613 euros e na de Condes, no lugar de O Castro, con 74 ha. beneficiándose 28 propietarios e cun custo de 22.527 €. No municipio de Outeiro de Rei permutaranse unhas 84 ha. no lugar de Mosteiro, cun total de 85 parcelas e participarán 8 propietarios, onde suporá un custo de 24.066 €. No Concello de Guntín, cun investimento duns 58.067 €, mobilizaranse 236 ha e actuarase nunhas 520 parcelas sendo beneficiados 25 propietarios dos lugares de Cibrao e Vilameá. Xa no municipio da Estrada, no núcleo de Cabanelas mobilizaranse 233 ha. cunhas 1.833 parcelas de 35 propietarios, cun custo estimado de 88.353 €. Por último, no municipio de Ordes cun financiamiento de 26.516 €, actuarase en 70 ha. de 65 parcelas sendo propiedade de 15 titulares.

Unha iniciativa para aumentar o tamaño das parcelas moito máis áxil e económica que as concentracións parcelarias

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo, despois de pór en marcha cun primeiro proxecto piloto de permutas e despois do éxito obtido, coordina tamén este segundo proxecto de cooperación xunto co GDR Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes e GDR Terras de Pontevedra, cuxo principal obxectivo é implantar o procedemento de ordenación en tres zonas con diferentes características de chan agrario mediante o sistema de permuta que permita avaliar a súa idoneidade para aplicalo en zonas nas que non existan problemas de identificación da titularidade da parcela, nin a necesidade de máis infraestruturas viarias, especialmente naquelas zonas con activo consolidado e co fin de mellorar a produtividade das operacións existentes e/ou o nacemento de novas iniciativas. Segundo o presidente do GDR Comarca de Lugo, José A. Santos, “esta cooperación é necesaria para mellorar a estrutura da propiedade agraria, reducindo ou minifundismo para facer as explotacións máis eficientes mediante un sistema máis sinxelo e con menor custo que a concentración/reestruturación parcelaria”. O alcalde de Friol, tamén agradece “a implicación directa da Xunta de Galicia, concretamente o apoio técnico, económico e de asesoramento de Agader, particularmente moi agradecido ao Conselleiro de Medio Rural, José González, que desde ou minuto un mostrou colaboración e foi sempre sensible con este proxecto, de feito, é unha realidade grazas á súa implicación directa”. Á reunión sede do GDR Comarca de Lugo asistiron a Directora Xeral de Agader, Inés Santé; José Ángel Santos, alcalde de Friol e presidente de GDR 4 Comarca de Lugo; José Pardo, alcalde de Outeiro de Rei; Mariano Iglesias, alcalde de Mesía; Luís Martínez. , alcalde de Ordes; Verónica Vilela, concelleira de Guntín; Lorena López, xerente Gdr Comarca de Lugo; Ramiro Ruibal, xerente do GDR Pontevedra Norte; Domingo Lojo, xerente de Asdecomor; María Pérez, xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, e Carlos Díaz , Xefe de Área de Xestión de Mobilidade de Terras da Consellería do Medio Rural

Medio Rural conclúe a parcelaria de 445 hectáreas no concello ourensán de Allariz

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de San Vitoiro-Urrós, nesta localidade ourensá. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 445 hectáreas, pertencentes a 767 veciños, e contou cun investimento de 2,2 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras obras complementarias. No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 5.000 parcelas a 1.327 predios, case que cuadriplicando o tamaño medio das parcelas ao pasar de 884 metros cadrados a máis de 3.110. O conselleiro explicou que, en paralelo ás novas figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, as parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Por iso, detallou, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.

A Xunta elimina 33 hectáreas de acacia invasora para impulsar o polígono de Barzamedelle

O combate contra especies invasoras e a recuperación de chan produtivo para a agricultura, move á Xunta de Galicia á recuperación de terreos abandonados e dos que se descoñece a propiedade. Una destas accións é a realizada no polígono de Barzamedelle, no concello ourensán de Leiro. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente de alcalde de Leiro, Ramón Álvarez, supervisou hoxe os labores de posta en marcha do polígono agroforestal de Barzamedelle. O conselleiro puxo en valor, de maneira especial, os traballos de roza das acacias, que polo de agora abranguen unha superficie de 33 hectáreas, das 59,2 que se estima ocupa esta planta dentro do perímetro do polígono, é dicir, case o 56% do total. Neste mesmo sentido, José González subliñou ademais que con esta actuación, pioneira no seu enfoque e dimensións, refórzase a protección da bisbarra do Ribeiro fronte os incendios forestais, ao tratarse dunha especie invasora e ademais pirofítica, polo que representa un risco dende o punto de vista da prevención do lume. Sinalou tamén que son traballos precisos para o recoñecemento das parcelas existentes e da investigación dos seus titulares. Limpeza de camiños A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que tamén se actuou na limpeza e recuperación en case seis quilómetros e medio de camiños, para mellorar as comunicacións dentro dun polígono que se enmarca na aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que suporá mobilizar un total de 145,6 hectáreas. Polo de agora identificáronse xa, mediante a investigación da propiedade, un total de 183 parcelas de 113 propietarios, o que representa que está identificada a titularidade de 63 das 145,6 hectáreas que conforman o polígono, é dicir, un 43% do total. Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é poñer en valor terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable. Búscase así, engadiu, crear actividade agrogandeira, fixar poboación e anticiparse aos incendios forestais. Neste caso concreto, González trasladou que a orientación principal do polígono será o viñedo (cultivos leñosos), dada a súa situación estratéxica, o que permitirá aumentar a produción da denominación de orixe Ribeiro. Mobilización de 35.000 hectáreas Nesta liña, o conselleiro salientou que con estas ferramentas da Lei de recuperación -os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas-, máis o labor desenvolvido mediante as concentracións parcelarias, a Xunta puxo en valor xa arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia. No que atinxe en particular aos polígonos agroforestais, xa existen na nosa comunidade un total de 24 en distintas fases de execución, que supoñen a mobilización de algo máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños. Un total de 17 destes polígonos atópanse na provincia de Ourense, remarcou González, quen tamén se referiu a outra das figuras da devandita Lei, como son as aldeas modelo. Neste sentido, lembrou que xa hai 21 aprobadas na nosa comunidade e que 14 delas se sitúan en territorio ourensá. Neste contexto, o titular de Medio Rural puxo en valor que todas estas actuacións contan sempre co consentimento dos veciños interesados. De feito, subliñou, poden ser promovidas pola Administración ou por particulares, pero requiren o acordo de propietarios (ou de representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto. Neste mesmo sentido, o conselleiro afirmou que o obxectivo de todo este labor é o de dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible “vivir no e do rural”. Ademais, procúrase tamén acadar unha anticipación aos lumes e diminuír os danos que estes poidan causar.

A Xunta estuda a implantación dun novo polígono agroforestal de 100 hectáreas no concello lucense do Saviñao

 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este sábado unha reunión cos veciños do Saviñao para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Xesto. Segundo explicou José González, o polígono abranguería unha superficie de preto de 100 hectáreas, distribuídas en 143 parcelas duns 33 propietarios, e proponse dedicar a gandaría en extensivo ou cultivos anuais, fundamentalmente forraxeiros. Este futuro polígono sumaríase aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. O conselleiro do Medio Rural lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, mediante a cal se recuperan grandes áreas de terra potenciando os tres usos de chan -agrícola, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.

Así, trátase dunha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva  abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

Propoñen un novo polígono agroforestal no concello ourensán da Peroxa

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños da Peroxa para estudar a posibilidade de implantar a primeira fase dun polígono agroforestal neste concello. Esta figura, entre a súa primeira e segunda fase, abarcará tanto o concello da Peroxa como o de Carballedo, mobilizará unha superficie de máis de 25 hectáreas, distribuídas en 195 parcelas duns 49 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar este polígono a gandaría en extensivo. Este futuro polígono sumaríase ao outro xa implantado neste concello, o de Mirallos, que conta con 44,52 hectáreas, divididas en 193 parcelas de 65 titulares, cuxo uso principal está dedicado tamén á gandaría en extensivo e que se atopa con acordo de inicio. Do mesmo xeito, tamén pasaría a formar parte dos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.

A Xunta impulsa dous novos polígonos agroforestais nos concellos lugueses de Chantada e Paradela

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños de Chantada para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Sabadelle. Logo de rematar este encontro e resolver as dúbidas dos asistentes, trasladouse ata o concello lucense de Paradela, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para abordar tamén a posibilidade de crear un polígono na parroquia de Loio. No caso de Sabadelle, o polígono agroforestal abranguería unha superficie de preto de 39 hectáreas, divididas en 114 parcelas de 80 propietarios. Mentres tanto, no de Loio ocuparíanse unhas 23 hectáreas con 90 parcelas duns 25 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar estes polígonos a cultivos agrícolas, incluíndo no de Paradela a posibilidade de recuperar antigos terreos dedicados á viña no ámbito da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de darlle valor ás variedades autóctonas que caracterizan aos viños da comunidade. Ademais, ambos poderían contar tamén con gandaría en extensivo. Estes futuros polígonos sumaríanse aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. O conselleiro no encontro cos veciños de Paradela

Novo pasteiro de 32 hectáreas no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou o avance do pasteiro de Quireza, situado no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade e enmarcado na cuarta fase do Plan de pastos 2022-2023. No percorrido tamén estivo presente o alcalde da localidade, Jorge Cubela. O pasteiro atópase no monte veciñal homónimo, no que se están a realizar labores de posta a punto nunha superficie de 32 hectáreas. Nos próximos meses prevese executar os traballos de abonado e sementeira, que finalizarán o proxecto. Dende a Consellería do Medio Rural destacan que coas catro fases completadas, mediante o Plan de pastos actuarase nunha superficie aproximada de 4.416 hectáreas. O investimento total previsto para o conxunto do Plan sitúase en 9,5 millóns de euros. Na súa visita, tamén comprobaron as obras de mellora de infraestruturas financiadas pola Consellería do Medio Rural no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Estes procedementos están centrados na mellora das vías de titularidade municipal en varios emprazamentos deste municipio. Así, estanse a levar a cabo traballos como a pavimentación de varios tramos na contorna da Capela de Nosa Señora de Loreto, a mellora da recollida de pluviais coa instalación de canais de PVC e a optimización da accesibilidade en tramos de acceso ás vivendas.

Propoñen un polígono agroforestal de 85 hectáreas no concello de Coristanco

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, mantivo este venres unha reunión con veciños deste concello coruñés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En particular, a directora xeral explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Erbecedo-, cunha superficie de 84,73 hectáreas distribuídas en 407 parcelas propiedade de 261 titulares. Neste encontro, Inés Santé lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea, non só para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, senón tamén para mellorar a estrutura da propiedade facilitando así a actividade agrogandeira e incrementando a súa rendibilidade. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños. Na provincia da Coruña localízase polo de agora unicamente o polígono do concello de Curtis, sendo o de maior dimensión de Galicia, con 3.386 hectáreas.

Propoñen un novo polígono agroforestal no concello pontevedrés de Arbo dedicado a viña

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantivo esta semana unha reunión con veciños deste concello pontevedrés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Arbo-, cunha superficie de 46,67 hectáreas distribuídas en 351 parcelas propiedade de 115 titulares. Así, José González lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños. Precisamente, deses 24 polígonos, tres atópanse na provincia de Pontevedra. Por unha parte o de Vilalén-Tomonde, no concello de Cerdedo-Cotobade, que prevé mobilizar preto de 68 hectáreas, divididas en 1.534 parcelas de 278 propietarios. O polígono de Mandelos, no municipio de Crecente, conta con 45 hectáreas de superficie divididas en 391 parcelas de 183 propietarios. No concello de Tomiño está proxectado o polígono de Panascos, cunha superficie de 122 hectáreas divididas en 724 parcelas de 633 propietarios. Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas na provincia de Pontevedra: a de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade. Con esta ferramenta, insistiu o conselleiro, búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios. Por último, o titular de Medio Rural tamén fixo fincapé nas permutas de especial interese agrario, que no concello de Friol conseguiron mobilizar 400 hectáreas de superficie. Así, salientou, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.

Novo polígono agroforestal no concello pontevedrés de Valga

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o acordo da Consellería do Medio Rural polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal de iniciativa pública que estará situado no concello pontevedrés de Valga, concretamente na parroquia de San Miguel, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Constará de 29,75 hectáreas cunhas 377 parcelas de 107 titulares catastrais, que se prevén destinar aos usos agroforestais con maior potencial en función das condicións agronómicas e que se definirán no proxecto técnico do polígono.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, en colaboración co Concello e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso, resolveu a conveniencia de iniciar dito procedemento. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

Tamén prevé o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

As causas polas que procede desenvolver este polígono de iniciativa pública é a existencia dunha situación produtiva cun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, polo que se lle dá carácter preferente para recuperar as terras acaídas en zonas de producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de San Miguel (Valga)

Nova parcelaria no concello lugués do Páramo para reorganizar 933 hectáreas

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal un novo decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a concentración parcelaria de Friolfe, no concello lucense do Páramo. Deste xeito, reorganizarase unha superficie de 933 hectáreas repartidas en 1.618 parcelas propiedade de 211 veciños. Este novo decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. De feito, o municipio do Páramo sitúase na comarca de Sarria, que destaca pola importancia do seu sector primario cunha importante implantación de explotacións gandeiras.