Category Archives: Madeira

Desaparece a Axencia Galega da Industria Forestal

O cambio de Goberno autonómico está a trastocar non só as caras visibles nas distintas consellerías e postos intermedios, senón o propio organigrama da Xunta de Galicia. O Goberno autonómico decretou hoxe a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, un organismo que se puxera en marcha no 2017 para dar resposta a unha aspiración histórica de toda a cadea forestal madeira. A decisión da Xunta de extinguir a actividade de XERA inclúe outra medida adicional: traspasar as súas competencias, en materia de industria forestal, da Consellería de Medio Rural á Consellería de Economía. A partir de agora, a interlocución da cadea da madeira será a Secretaría xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. Os cambios están a causar esta mañá preocupación no sector forestal e da madeira, que non era coñecedor da decisión da Xunta. A medida interprétase como un importante paso atrás nas políticas públicas ligadas co monte e coa industria da madeira, pois non só se suprime XERA, senón que se dividen as competencias da cadea forestal - madeira en dúas Consellerías. Estratexia forestal e da madeira Se na anterior lexislatura, se perfilara un Plan Forestal, e ligado a el, estaba deseñándose un plan estratéxico para a industria da madeira, esta lexislatura encamiñábase a poñer en marcha políticas para avanzar cara os obxectivos sinalados en ambos plans. Unha das liñas de traballo xa definidas era a de impulsar a construción pública en madeira, un compromiso que asumira a Xunta o pasado outono, coa idea de que a iniciativa pública servise de exemplo á privada á hora de estender os novos usos da madeira. Que vai ser dese compromiso e das liñas de traballo de XERA en apoio á industria forestal – madeira son agora unha incógnita. Sobre a mesa de Medio Rural queda tamén pendente a posta en marcha do Rexistro galego de carbono, unha iniciativa que estaba sendo liderada por XERA e que se esperaba para este ano. Preocupación no sector A sustitución do conselleiro saínte, José González, por María José Gómez, xa encendera luces de alerta en todos os sectores produtivos do agro, tanto nos gandeiros como nos forestais, pois distintas entidades consultadas nos últimos días aseguraban non entender como, tras 6 anos de González executando a planificación estratéxica do agro, con medidas como o Plan Forestal ou a Lei de Recuperación de Terra Agraria, se lle apartaba da Consellería xusto cando se esperaba que nesta lexislatura se plasmase todo ese traballo previo. A supresión de XERA afonda na sensación que viña transmitíndose no sector nos últimos días, de ‘borrón e conta nova’ na Consellería, na que se agarda un perfil máis baixo, con menor acción executiva.

Afouteza, a cidade deportiva do Celta, vístese de Pino de Galicia

Afouteza, a cidade deportiva do Celta de Vigo, constitúe un exemplo dos novos usos que está a gañar a madeira no contexto da bioeconomía. A instalación, proxectada polo arquitecto Jesús Irisarri, empregou madeira de Pino de Galicia, tanto en exteriores como en interiores, unha solución que lle aportou ó proxecto vantaxes tanto a nivel técnico como estético. Irisarri explica, nun vídeo sobre Afouteza elaborado pola Fundación Arume, que un dos principais obxectivos das aplicacións en madeira era a de conectar o entorno natural coa edificación, mantendo unha continuidade a nivel sensorial, en canto a cores, texturas e luces. Desde o punto de vista técnico, a madeira empregada cumpre ademais con todas as especificacións requeridas, tanto en durabilidade como a nivel de tratamento ignífugo ou de mellora da acústica interior, segundo explica no vídeo Tania Silva, do departamento técnico de Molduras Noroeste, a firma proveedora da madeira. Con esta peza, a Fundación Arume pon de manifesto como o emprego de madeira en interiores e exteriores de edificacións é unha opción que ofrece numerosas vantaxes, tanto en sostibilidade ambiental dos proxectos como a nivel estético e técnico. Nunha sociedade con importantes preocupacións ambientais, como o cambio climático, a madeira preséntase como o único material renovable, sostible e con pegada de carbono negativa, pois cómpre lembrar que as árbores capturan CO2 atmosférico durante o seu ciclo. A Fundación Arume subliña que por iso, a madeira é un material que está a gañar espazo na construción en substitución dos tradicionais (formigón, aceiro, ladrillo, etc.). Con esta peza, a Fundación Arume continúa a serie divulgativa, conformada por vídeos e entrevistas, coa que quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro. En especial, Arume incide na importancia da marca ‘Pino de Galicia’ para prestixiar a calidade e orixe da madeira galega, así como para certificar a súa trazabilidade e sostibilidade. Interior de Afouteza. Sobre a Fundación Arume A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto do sector forestal da comunidade (asociacións de propietarios, viveiros, cadea industrial, empresas de servizos en monte, etc.). O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, para o que traballa en catro liñas estratéxicas: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca (Pino de Galicia).

Os impactos de Altri no territorio, a análise nun debate na USC

O grupo de innovación docente Ruralia da USC aborda os posibles impactos e as consecuencias que o proxecto Altri podería ter en caso de chegar finalmente a instalarse en territorio galego, no marco dunha mesa redonda que se celebrará o vindeiro 23 de abril, a partir das 19.00 horas, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus Terra. Esta sesión, incluída no ciclo ‘Na EPSE queremos saber’, promovido polo grupo Ruralia, contará como relatores con tres docentes e investigadores no Campus Terra da USC, tal e como son Eduardo Corbelle, Montserrat Valcárcel e Manuel A. Rodríguez Guitián. Estes abordarán nas súas respectivas intervencións os posibles impactos que a macro-planta de Altri podería ter en distintos ámbitos: modelo forestal, recursos hídricos e flora e hábitats naturais. O doutor Enxeñeiro de Montes e profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría Eduardo Corbelle, que centra a súa liña de investigación principal na xestión de terras, tratará na súa intervención o impacto que esta industria pode ter no afondamento do modelo forestal baseado no eucalipto e a produción de madeira de baixo valor. A actual parlamentaria autonómica Montserrat Valcárcel, doutora en Enxeñaría Agrónoma é profesora na área de Hidráulica e Hidroloxía da USC, explicará o impacto que o consumo de auga que precisa o proxecto Altri pode ter a nivel da bacía do Ulla. Asemade, o tamén docente da área de Produción Vexetal da USC e doutor en Bioloxía Manuel A. Rodríguez Guitián, analizará os informes de avaliación sobre a flora e hábitats que forman parte da documentación sometida a exposición pública e a súa transcendencia no marco dunha iniciativa empresarial declarada como “proxecto industrial estratéxico”.

XIII Edición dos Encontros En liña de Innovación en Madeira

O Clúster dá Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) organiza, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica, os próximos días 24 e 25 de abril, a décimo terceira edición dos Encontros En liña de Innovación en Madeira, Meeting Point Lignum. A través de charlas explicativas audiovisuais, os profesionais compartirán as súas experiencias en construción sostible e uso da madeira, ademais de mostrar novos produtos realizados con este material. O punto de encontro será a través do portal www.meetingpointlignum.com. Esta cita consolidouse ao longo destes 13 anos nun punto de encontro para arquitectos, deseñadores, carpinteiros, enxeñeiros e empresas do sector da madeira interesadas en coñecer novos usos e exemplos de éxito en construción e rehabilitación con este material. A plataforma conta con máis de 30.000 seguidores e preto de 50 relatorios de recoñecidos profesionais a nivel nacional. Os Encontros comezarán o 24 de abril, ás 12:00 horas, coa intervención de Goretti Díaz, quen abordará charla “Tradición e futuro”. Goretti Díaz defínese a si mesma como arquitecta, atleta e tractorista (mente, corpo e alma). A arquitecta está especializada en construción en madeira, eficiencia enerxética, de recursos e en proxectos industrializados. Traballa a arquitectura desde a xestión dos recursos, apoiándose no enxeño e a enxeñería. A súa obra Casa Pombal obtivo diferentes recoñecementos polo seu compromiso coa sustentabilidade. Ás 16:00 horas, será a quenda de Nacho Leitón, socio fundador de Ábaton Arquitectos quen, baixo o título “Aprendizaxe da construción en madeira durante máis de 15 anos en Ábaton”, compartirá a transformación que experimentou o sector da construción, coa mirada posta na sustentabilidade e o coidado ao medio e no que a madeira xogou e xogará un papel fundamental neste cambio de paradigma. Ábaton ofrece un enfoque holístico e integrado nos seus proxectos, combinando arquitectura, interiorismo e paisaxismo. Segunda xornada con Marta Trigás e Trespes.arquitectos O xoves, 25 de abril, ás 12:00 horas, retomaremos con Marta Trigás, arquitecta e Passivhaus designer. O estándar Passivhaus é, para ela, a ferramenta e o medio para poder deseñar e construír de maneira eficiente e respectuosa. Compartirá na súa intervención diferentes experiencias profesionais e, baixo o título “Procesos (problemas) progresos”, mostrará a realidade do traballo construtivo con madeira. O broche de ouro desta décimo terceira edición correrá a cargo de Trespes.arquitectos, estudo fundado en 2005 por Alberte Pérez, Enrique Iglesias e Carlos Mosquera quen entende a profesión de maneira transversal, desde o estrito oficio de arquitecto ata o activismo cultural pasando pola divulgación e investigación. A súa charla: “Máis con menos madeira” poderase seguir a partir das 16:00 horas, dando por finalizada esta edición. Como participar en Meeting Point Lignum, Encontros En liña de Innovación en Madeira Para participar nestes encontros, só hai que conectarse á plataforma www.meetingpointlignum.com ás horas indicadas no programa. Unha vez celebradas, as charlas quedarán colgadas, xunto ás de edicións anteriores, para poder ser consultadas sempre que se desexe e na canle de Youtube do CMD. Non é necesario inscribirse. A edición deste ano está patrocinada por Laminados Villapol, Molduras do Noroeste, Senssia, Wood is Wood, Grupo Siero e Homag.

Abren axudas para fomentar a utilización de madeira na construción de vivendas

A Xunta de Galicia publica as bases das axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros. Como novidade, inclúe unha partida específica destinada ás promocións de construción en altura, onde tamén poderán entrar edificacións con uso residencial dun mínimo de tres plantas. Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. Ademais, como novidade, poderán beneficiarse por primeira vez dunhas axudas destas características as comunidades de montes veciñais en man común. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas para a anualidade de 2024 (os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro) finalizará o 15 de outubro; mentres que o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 (aqueles gastos realizados entre o 15 de outubro e o 30 de xuño) rematará o 30 de xuño.
A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo
Con todo, a execución da obra non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto de dita axuda é a redacción do proxecto de execución de obra e/ou a compra e instalación do material madeira. Actuacións subvencionables Serán subvencionables as accións vencelladas coa redacción de proxectos e a utilización de produtos de madeira nestas actuacións. No caso de pemes, comunidades de montes, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións ou entidades sen ánimo de lucro, a solicitude de axuda deberá ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, e sempre que cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto correspondan a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída súa colocación) que serán utilizados cunha finalidade estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados, excluíndose para dito computo o uso da madeira nas carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores. Ademais o uso da edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo. A Axencia Galega da Industria Forestal aconsella que, no caso das vivendas en altura, o soto e planta baixa deberán ter estrutura en formigón, sendo utilizada a madeira de forma estrutural, na primeira planta e superiores.

Pemade investiga no emprego do castiñeiro na construción en madeira

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou as instalacións do laboratorio da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, ao abeiro do convenio de colaboración que mantén coa Universidade de Santiago para o fomento do emprego das frondosas na construción, en concreto do castiñeiro. O obxectivo de Pemade é ofrecer servizos e apoio docente en aspectos do coñecemento relacionados coa enxeñería da madeira con fins estruturais e, por iso, a Xunta colabora con esta plataforma para potenciar o seu emprego na construción. Isto entra dentro da aposta do Goberno autonómico pola madeira como material estrutural, tanto dende o ámbito privado como do público.

Madeira densificada, un material para competir coas aleacións metálicas

A innovación tecnolóxica está a disparar a potencialidade de usos da madeira, que a maiores dos seus usos tradicionais, vaise introducindo en novas aplicacións en substitución doutros materiais con maior pegada de carbono e impacto ambiental, como plásticos e aleacións metálicas. Unha das innovacións, que se presentou recentemente en Lugo nun congreso sobre as frondosas caducifolias, é a madeira densificada, un produto que multiplica ata por 10 a resistencia e dureza da madeira tradicional. Dúas industrias europeas presentaron en Lugo a súa liña de traballo coa madeira densificada, que xa se está a empregar en produtos comerciais. A madeira densificada obtense por unha combinación dun proceso químico cun proceso mecanico, que inclúe a aplicación de calor e de presión para aumentar a densidade orixinal da madeira natural. É un proceso que se pode aplicar con calquera madeira, incluso con madeiras brandas de crecemento rápido, como poden ser algunhas frondosas caducifolias, caso do chopo. As dúas industrias que presentaron a súa experiencia en Lugo, nun simposio organizado por XERA, dirixen os seus produtos a mercados moi diversos: desde produtos para a construción estrutural ata instrumentos musicais ou tarxetas de crédito feitas en madeira. Construción con bidueiro densificado A primeira das ponencias sobre madeira densificada, feita por Pekka Ritvanen, CEO e xefe de tecnoloxía de Avantwood (Finlandia) e titulada “Densificación e tratamento térmico para construción con bidueiro, centrouse en explicar a nova tecnoloxía que vén desenvolvendo nos últimos anos esta compañía finlandesa. Este proceso recibe o nome de Thermo- Mechanical Timber Modification (TMTM™), é dicir, modificación termo-dinámica da madeira, principalmente de bidueiro. É unha actualización dun sistema que xa tiña patentado esta empresa desde comezos do 2000, co que conseguiron un sistema que fai a madeira moito máis dura e resistente en moito menos tempo e con menos costes. Ainda que de momento traballan nun ámbito máis enfocado ao local, teñen a aspiración de poder escalar este proceso e poder exportar madeira estructural de calidade, así como a tecnoloxía do propio sistema. Esta tecnoloxía baséase nun hardware e un software fundamentado no uso dunha Intelixencia Artificial (IA) que vai interpretando en tempo real a estructura atómica da madeira, para poder controlar o proceso en todo momento. Hai un prensado mecánico das láminas de madeira e unha exposición a altas temperaturas que fan que este sistema, según conta Pekka, sexa o máis eficiente á hora de converter madeIra de pouco valor en madeira estructural, cunhas características moi diferentes ás orixinais.
A densificación elimina máis do 80% do contido en auga da madeira, co que aumenta a densidade, resistencia e durabilidade
Todo este proceso acontece nunhas cámaras especiais que van monitoreando e reaxustando os parámetros en tempo real, co uso dunha IA. Neste proceso conseguen eliminar entre o 80-90% da auga da madeira, e deste xeito a madeira gaña densidade, estabilidade, durabilidade, impermeabilidade e resistencia. Ao mesmo tempo defenden que é un sistema ecolóxico, no sentido de que ainda que consume enerxía (prencipalmente para prensar e quentar a madeira), non xera residuos, as máquinas son fáciles de empregar e sobre todo, abre un abano de posibilidades moi grande. Ademais, a madeira en construcción está considerado un material con moita menos pegada de CO2 que calquera dos materiais alternativos, especialmente no referido a uso estructural. Usan tamén productos químicos no proceso, pero insisten en que non son tóxicos nin contaminantes.
A tecnoloxía permítelles crear vigas laminadas para construción estrutural con madeira que inicialmente non sería para ese uso
A principal aplicación que lle dan a esta tecnoloxía é para a creación de vigas laminadas de uso estructural a partir de madeira que orixinalmente non servía para este uso, pero buscan outros usos, pois como din no seu eslogan: 'Modificamos a madeira coas características que o noso cliente queira, sempre a tempo'. O seu edificio emblema é o famoso Löyly en Helsinki, referente mundial da arquitectura feita en madeira. Solucións para usos cotiás A segunda conferencia foi feita por Oliver Kläusler, xefe executivo de Swiss Wood Solutions AG (Suíza), unha compañía centrada na creación de diferentes produtos en madeira densificada pero sen uso estructural. Os seus proxectos máis famosos feitos 100% en madeira densificada son, entre outros, a primeira tarxeta de crédito 100% de madeira, instrumentos musicais, bolígrafos, reloxos, pezas de xogos… Tamén son os proveedores oficiais das espinilleiras da selección de fútbol de Suíza e os seus instrumentos musicais destacanpor ter unha acústica e durabilidade superior, con grandes ventaxas para músicos e luthiers. Nesta compañía, os produtos son desenvoltos por un equipo interdisciplinar de expertos en diferentes aspectos da madeira, tecnoloxía, deseño, certificación, innovación, desenvolvemento corporativo e marketing. Defínense como expertos en buscar solucións ás túas ideas e retos, e din controlar todo o proceso de produción, asegurando a produción sostible e ética.

Sae a información pública o estudo de impacto ambiental da planta de Altri en Palas

A planta de celulosa e lyocell proxectada para Palas de Rei (Lugo) avanza novos pasos para a súa construción. Greenfiber, a firma promotora, participada por Altri e Greenalia, xa presentou o estudo de impacto ambiental e a lista de parcelas afectadas polas canalizacións de captación de augas e de verquido de augas residuais, que suman máis de 20 quilómetros. Xunto coa presentación do estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental, Greenfiber pediu a declaración de utilidade pública da instalación, o que permitiría executar expropiacións das terras precisas para completar a planta e as súas canalizacións. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a lista de propietarios afectados, que inclúe a veciños de Melide e Santiso (A Coruña), Agolada (Pontevedra) e Palas de Rei (Lugo). Captación e verquido de augas Unha das cuestións máis polémicas desde o punto de vista veciñal e desde o ambiental é o da captación e verquido de augas. É un escenario co que xa se contaba no 2022, cando se anunciou a planta, e que está a tensarse nas últimas semanas. Os veciños dos concellos afectados tachan de escurantista o proceso e están a reclamar máis información. Desde Agolada, propietarios afectados emitiron un comunicado días atrás cuestionando que non puidesen presentar alegacións ó proxecto de captación e verquido de augas, pois aseguran que o proxecto non foi exposto no Concello. malia que din que lle foi reclamado ó Goberno local en numerosas ocasións. Doutro lado, colectivos ecoloxistas como Adega advirten do impacto dos verquidos da planta no río Ulla, cun posible efecto na economía marisqueira da ría de Arousa. A instalación ten previsto captar 46.000 metros cúbicos de auga cada día do encoro de Portodemouros, á altura de Agolada, e prevese o verquido de 30.000 metros cúbicos de auga ó día. Greenfiber sempre defendeu que o verquido de augas se colocará antes do punto de captación, o que entende que posibilitará unha certa recirculación da auga verquida no proceso da planta, reducindo o impacto ambiental. As canalizacións de augas superarán os 20 quilómetros (12,5 km. para a de captación e 8,8 km. para a de verquido). Toda a documentación do proxecto poderá consultarse neste enlace. Produción da planta A solicitude de autorización ambiental da planta aclara tamén o proxecto de produción. Se nun inicio, hai dous anos, se falara da creación dunha instalación para a produción de fibras téxtiles (lyocell), a realidade é que a industria adicarase de xeito principal á produción de celulosa, que acaparará un 80% dos volumes producidos na súa primeira fase, en tanto o lyocell suporá arredor dun 20% da produción. En toneladas, espérase a produción nun inicio de 250.000 toneladas de celulosa e de 60.000 de lyocell. Cando a instalación estea en pleno funcionamento, a capacidade produtiva será de 400.000 toneladas de celulosa e de 200.000 de lyocell. Materia prima A materia prima para abastecer á planta será, como se esperaba, eucalipto globulus e nitens. Nun principio, a planta consumirá 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, e cando estea a pleno rendemento achegarase ós 2,4 millóns de metros cúbicos de eucalipto. Desde o punto de vista forestal, os propietarios ven a instalación como positiva, pois introduce maior competencia polo eucalipto galego, que tiña ata o de agora un mercado limitado, coas plantas de Ence en Pontevedra e Asturias como principais destinos, con partidas menores para as plantas portuguesas da propia Altri e Navigator e para instalacións do resto da península (Zaragoza, País Vasco). Por contra, desde a perspectiva dos ecoloxistas, témese que esa maior demanda se traduza nun aumento da superficie de eucalipto por medio de plantacións ilegais ‘consentidas’. Cómpre lembrar que a normativa actual prohíbe plantar eucalipto en superficies agrarias ou en substitución de masas de frondosas. Existe tamén unha moratoria ata o 2025 que ademais prohíbe substituír piñeirais por eucaliptais, se ben queda por ver como se resolve esa restricción a partir do próximo ano.

Axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución na que se recollen as bases reguladoras da convocatoria de axudas destinadas a impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, dotada cun orzamento de 800.000 euros. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer a participación dos axentes clave na formación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados. Desta forma, apoiarase a organización de actividades formativas non regradas, tales como mestrados, cursos ou pílulas formativas relacionadas coa industria forestal-madeira. Todas as actividades terán que estar vencelladas á industria forestal-madeira e á súa cadea de valor. Para proceder á execución destas actividades, poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén as agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas co sector e os colexios profesionais e centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan con esta temática.

Pronunciamento da cadea forestal – madeira a prol do peche de ciclos produtivos en Galicia

A cadea forestal madeira vén de desenvolver unha xornada a prol do peche de ciclos industriais no sector forestal de Galicia. O acto, organizado pola Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, contou co apoio das principais asociacións do sector (Fearmaga, Lugo Madera, Cluster da Madeira e Cluster de Biomasa), así como coa participación dos conselleiros de Economía, María Jesús Lorenzana, e de Medio Rural, José González. No marco deste foro, as principais asociacións sectoriais de Galicia demandaron -a través dunha declaración conxunta- apoio público decidido “a calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira”. Reclamaron tamén aos poderes públicos un apoio a “que se executen as infraestruturas precisas e a garantir os mecanismos de apoio necesarios para que estes proxectos sexan canto antes unha realidade no noso territorio”. De telón de fondo, están os proxectos de Ence (As Pontes) e Altri (Palas de Rei), pero tamén outras iniciativas que se teñen barallado no sector, como a posta en marcha dunha biorrefinería. Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, subliñou o peso da industria forestal na economía galega. Lorenzana, que destacou o bo momento da industria na Comunidade, apuntando á boa evolución do índice de produción industrial (IPI) e do emprego industrial, fixo fincapé na importancia de que todo o sector e a Administración apoien o peche do ciclo industrial da madeira en Galicia. A responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que desde o punto de vista do apoio aos novos proxectos industriais, a Administración autonómica está a traballar na celeridade e na desburocratización, así como no acceso ao solo, entre outros aspectos, sen deixar de lado as garantías ambientais. Neste sentido, subliñou que “cremos nun desenvolvemento industrial e da industrial forestal absolutamente compatible co medio ambiente”. Do mesmo xeito apuntou que “as tramitacións ambientais que se están facendo de todos os proxectos que saen adiante na nosa Comunidade están absolutamente blindadas desde o punto de visto ambiental”. A conselleira de Economía, Industria e Innovación enmarcou nese compromiso coa compatibilidade do desenvolvemento económico e do aproveitamento dos recursos a aprobación do Proxecto de Lei de recursos naturais. Ademais, María Jesús Lorenzana lembrou que as iniciativas que están a impulsar Altri e Ence son proxectos industriais estratéxicos, que teñen polo tanto a tramitación máis rápida que pode ter un proxecto en Galicia. No ámbito do financiamento, reivindicou unha vez que os fondos Next Generation cheguen ao tecido produtivo. Reclamou a colaboración entre todas as administracións, apostando por un sistema de cogobernanza xunto cos ministerios para que os fondos cheguen canto antes ás empresas. Compromiso da Xunta En parecidos termos, o conselleiro do Medio Rural reafirmou -na súa intervención de clausura- o compromiso da Xunta a prol de favorecer esa transformación e o peche dos ciclos produtivos do sector forestal en Galicia. Neste sentido, puxo en valor ferramentas como o Plan estratéxico da industria forestal-madeira, xunto co Plan Forestal de Galicia. Ambos, sinalou, constitúen unha boa folla de ruta para fomentar a conexión entre recurso e produto. Así, o conselleiro avogou por darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións na nosa comunidade, tendo en conta que a demanda de madeira se vai cuadriplicar nos próximos 30 anos, segundo apuntan as tendencias de mercado, algo para o que, remarcou, “temos que estar preparados”. Por iso, González salientou o papel protagonista que van ter, nesta demanda, os novos bio-produtos, tales como a fibra textil vexetal, a madeira en construción ou o packaging. Ao tempo, trasladou que “tanto a estes novos produtos como ás propias industrias se lles esixirá, aínda máis, fluxos secundarios dos produtos actuais (lignina, labra, estela, serradura) e, deste xeito, non aumentar a demanda de madeira en rolo”. Neste sentido, o conselleiro sinalou que “estamos diante dun desenvolvemento tecnolóxico, un aumento do uso en cadoiro e unhas políticas de circularidade” que reducirán o uso futuro da madeira por unidade de produto final. É dicir, engadiu, “produciremos máis produto con menos recurso”. Algo ao que, indicou tamén, cómpre engadir a adaptación en curso dos bosques provocada polo cambio climático. Neste contexto, o conselleiro comprometeu que se seguirá traballando para impulsar a dixitalización, a ecoinnovación, as tecnoloxías forestais, de procesamento e comercialización de produtos, así como a valoración e a segunda transformación da industria forestal madeira e do contract. Neste sentido, lembrou que o venres pasado publicouse a convocatoria anual destas axudas, cunha cifra récord de catro millóns de euros. Na mesma liña, o conselleiro puxo de relevo a "aposta do Goberno galego" por fomentar a construción en madeira, así como o feito de que Galicia fora a primeira comunidade española en regular un mercado voluntario de crédito de carbono. Como resumo, José González destacou que se trata de apoiar ao sector forestal para que poida enfrontarse aos novos retos, sendo competitivos, máis produtivos, pechando ciclos e producindo bens co maior valor engadido posible. Declaración sectorial No contexto desta xornada, as principais asociacións sectoriais de Galicia subscribiron unha declaración a prol do peche de ciclos industriais en Galicia. Este documento pon en valor o feito de que a nosa comunidade produce anualmente o 55 % da madeira de toda España e que detrás deste recurso existe un bosque que achega servizos ecosistémicos á sociedade, así como rendas e valor ao rural, a través dun tecido industrial amplo e diverso. A declaración tamén salienta que Galicia conta cunha industria de transformación moi diversificada, con empresas que son un referente no seu ámbito de negocio. Porén, sinala que, para ser competitivos e producir produtos de alto valor engadido, hai que dispor dun recurso endóxeno sólido e continuado, pero tamén hai que asegurar a transformación e o peche de ciclos dentro do propio territorio. E conclúe, por iso, que o reforzo e consolidación das segundas e terceiras transformacións dos produtos de madeira ou baseados en madeira en Galicia debe ser obxectivo de todas as administracións públicas. Así, as organizacións asinantes urxen ás administracións a apoiar de xeito decidido calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira. A declaración foi asinada polos presidentes do Clúster da madeira e do deseño de Galicia, da Asociación provincial de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo, da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeiras de Galicia e do Clúster da biomasa de Galicia. Participación das universidades galegas Nesta xornada participaron tamén expertos das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. Así, interviñeron César Pérez Cruzado, profesor da USC, e Adela Martínez Calvo, investigadora desa mesma universidade, para falar da metodoloxía do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG). Tamén houbo unha explicación sobre o novo mapa de dispoñibilidade de recurso forestal a cargo de membros da equipa da Escola de Enxeñaría forestal de Pontevedra (UVigo) involucrada no desenvolvemento do devandito IFCG.

Terceira edición do programa ‘En Madeira, outra forma de construír’

FSC España reunirá o próximo 16 de febreiro a representantes institucionais, sectoriais e profesionais nun acto público centrado na cadea de valor forestal, a industria e a arquitectura en madeira. A xornada terá lugar na Sala Domingo Jiménez Beltrán, na Praza San Juan de la Cruz de Madrid. Esta xornada ‘Have a Wood Day’ de FSC España servirá como presentación da tercera edición de “En Madeira, outra forma de construír. O material constructivo sostible do século XXI”, publicación financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Para asistir é necesario facer a inscrición. Programa de la jornada 9:15 Benvida e presentación Interveñen: María Jesús Rodríguez de Sancho, directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO. María Teresa Verdú, directora xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. Dolores Huerta, DG do GBC España. Roberto Rubio, director de operacións da fundación Cesefor e presidente de FSC España Gonzalo Anguita, director executivo de FSC en España. 9:45 Mesa redonda de políticas forestais e suministro de madeira para usos constructivos Interveñen: Susana Jara, directora xeral de Medio Natural e Biodiversidade do gobierno de Castela A Mancha; José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia; José Ángel Arranz, director xeral de Patrimonio Natural e Política Forestal da Xunta de Castela y León; e Juan Ramón Pérez Valenzuela, director general de Política Forestal y Biodiversidad de la Junta de Andalucía. Moderadora: Elsa Enríquez, subdirectora xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do MITECO. 11:00 Coffee break 11:30 Mesa redonda de Arquitectura en madeira, e experiencias constructivas Interveñen: Daniel Ibáñez, CEO en IAAC -“Terrazas para a vida”-; Sandra Llorente, directora xeral en Lignum Tech -“El Cañaveral”-; e Guillermo Sevillano, CEO de Suma Arquitectura -“Biblioteca Gabriel García Márquez”-. Moderadora: Irene Jimeno, arquitecta y fundadora de Toca Madera·Sounds Wood. 12:45 Mesa redonda de empresas da madeira e construción Interveñen: Juan Antonio Gómez-Pintado, presidente de VÍA ÁGORA; Jacobo Aboal, director xeral de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal; Jacinto Seguí, director de consultoría técnica de FINSA; e José María Quirós, delegado de Industrialización de AEDAS HOMES. Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de Unemadera. 14:00 Presentación de MADERAULA Con Edgar Lafuente, xefe de área de industria e construción con madeira en CESEFOR. 14:15 Clausura e viño español

Axudas para a segunda transformación da industria forestal – madeira e para o contract

Está aberto o prazo para solicitar as axudas para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e para a dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract. O prazo das axudas está aberto dende hoxe ata o 9 de marzo e o prazo de xustificación será, para a anualidade do 2024, ata o 15 de outubro de 2024 inclusive, e para a anualidade do 2025 ata o 15 de abril de 2025. Estas axudas contribúen á consolidación das pequenas e medianas empresas que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. Poderán beneficiarse destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas persoas autónomas, da industria forestal e do contract que utilicen madeira e os seus derivados (resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios), como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Tamén poderán beneficiarse aquelas empresas que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Novidades da convocatoria A diferencia das anteriores convocatorias, a de 2024 contempla actuacións relacionadas coa dixitalización, a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto ou de xestión integral especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade, ate implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Neste sentido, fai referencia a sistemas de captura de datos, automatización ou supervisión remota, entre outros. A liña de achegas vencellada coa ecoinnovación, dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén ten como obxectivo impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais ou a introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.
Unha das liñas da subvención financia a compra de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario,
Así mesmo, establécense seis liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. A primeira está centrada a cuestións vencelladas coa competitividade e valorización e subvencionará actuacións como a compra de maquinaria, as obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto da subvención, entre outros. A liña número dous refírese ao mobiliario, o contract e construción. Financia tamén a compra de maquinaria, neste caso a vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e de elementos para a construción. A maiores subvencionará outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto. As certificacións, os ensaios e os informes son outra das liñas contempladas nesta convocatoria. Teñen como obxectivo a implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental. No relativo á seguridade e saúde na contorna laboral, financiaranse servizos para a implantación e certificación do estándar en seguridade; para a creación, mellora e expansión de servizos de prevención mancomunados e medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios, entre outros.

III Edición de “En Madeira, outra forma de construír”

FSC España reunirá este próximo 16 de febreiro en Madrid a representantes institucionais, sectoriais e profesionais nun acto público centrado na cadea de valor forestal, a industria e a arquitectura en madeira. Esta nova xornada ‘Have a Wood Day’ de FSC España servirá como presentación da terceira edición de “En Madeira, outra forma de construír. O material construtivo sostible do século XXI”, publicación financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Inscrición Programa 9:15 Benvida e presentación María Jesús Rodríguez de Sancho, directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO. María Teresa Verdú, directora xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. Dolores Huerta, directora xeral do GBC España. Roberto Rubio, director de operacións de fundación Cesefor e presidente de FSC España Gonzalo Anguita, director executivo de FSC en España. 9:45 Mesa redonda de políticas forestais e subministración de madeira para usos construtivos. Con Susana Jara, directora xeral de Medio Natural e Biodiversidade do goberno de Castilla-La Mancha; José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia; José Ángel Arranz, director xeral de Patrimonio Natural e Política Forestal da Junta de Castilla y León; e Juan Ramón Pérez Valenzuela, director xeral de Política Forestal e Biodiversidade da Junta de Andalucía. Moderadora: Elsa Enríquez, subdirectora xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación do MITECO. 11 Coffee break 11.30 Mesa redonda de Arquitectura en madeira, e experiencias construtivas Con Daniel Ibáñez, CEO en IAAC -“Terrazas para a vida”-; Sandra Llorente, directora xeral en Lignum Tech -“El Cañaveral”-; e Guillermo Sevillano, CEO de Suma Arquitectura -“Biblioteca Gabriel García Márquez”-. Moderadora: Irene Jimeno, arquitecta e fundadora de Toca Madera·Sounds Wood. 12:45 Mesa redonda de empresas da madeira e construción Con Juan Antonio Gómez-Pintado, presidente de VÍA ÁGORA; Jacobo Aboal, director xeral de XERA, Axencia Galega dá Industria Forestal; Jacinto Seguín, director de consultoría técnica de FINSA; e José María Quirós, delegado de Industrialización de AEDAS HOMES. Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de Unemadera. 14 Presentación de MADERAULA Por Edgar Lafuente, xefe de área de industria e construción con madeira en CESEFOR.

Mobles e sector funerario, alternativas para diversificar Madera Fiber, auxiliar da automoción

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, reuniuse recentemente co comité de empresa de Madera Fiber (O Porriño, Pontevedra) para continuar traballando e colaborando na busca dun investidor. O obxectivo é atopar alternativas industriais viables que manteñan tanto a actividade como o emprego. A conselleira avanzou o contido dun informe independente que propón vincular o futuro de Madera Fiber a tres sectores: o do moble, o da automoción e o funerario. Paralelamente, a Consellería de Economía está colaborando coa de Emprego en posibles liñas de formación dirixidas ao persoal traballador para que poidan mellorar a súa cualificación profesional ante un eventual cambio de sector da empresa, que estaba especializada ata o de agora no sector da automoción. Finalmente, a conselleira tamén se comprometeu a realizar un seguemento periódico da situación e, deste xeito, manteranse reunións cada tres ou catro semanas para poder analizar calquera novidade que se poida producir e co fin de garantir un diálogo aberto e permanente.