Category Archives: Viña

Alerta pola presenza dos primeiros síntomas de black rot nas viñas galegas

Primeiros sítomas de Black Rot. Foto: Estación Areeiro A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda seguir mantendo un alto nivel de vixilancia das viñas ante a presenza dos primeiros síntomas de black rot e o avance do mildio. Tamén aconsella controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides. Desde a publicación do último aviso fitosanitario, a mediados desta semana, téñense detectado os primeiros síntomas de Black rot en plantas abandonadas do Condado. Aínda que non apareceu nas vides tratadas, o tempo húmido favorece a este fungo polo que Areeiro aconsella, no caso de aplicar tratamento antimildio, empregar un produto tamén con efecto fronte ao Black rot. No caso de non ter que tratar o mildio, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar funxicida dirixido ao control do Black rot. No que respecta ao mildio, Areeiro detectou que as manchas van en aumento na comarca do Salnés e que se teñen detectado xa indicios en predios do Rosal e O Condado. Neste último caso, soamente se detectou unha mancha, moi incipiente, pouco visible e sen frutificación aparente. O centro dependente da Deputación recomenda, de forma imprescindible, controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides, sobre todo en plantas novas ou nas formacións máis baixas. Ademais, nalgunhas viñas estase a observar falta de brotes ou escaso desenvolvemento da vexetación o que apunta ás enfermidades da madeira. Areeiro aconsella, no caso de que os síntomas estean restrinxidos, unha poda do brazo afectado despois da floración e en tempo seco, desinfectando a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte.

Xornada este sábado en Ribadavia sobre o futuro da viticultura galega

O Museo do Viño de Galicia en Ribadavia acollerá  este sábado, 27 de abril, o encontro 'Falemos do futuro da vitivinicultura galega'. Esta xornada será de entrada libre até completar aforo. Este encontro estará moderado por Lois Congil, de Consultora de Comunicación. Ás 10 horas intervirá Xoan Cannas director do Instituto do Viño coa ponencia 'Viños e proxectos de alto valor engadido. Unha porta aberta ao futuro'. Ás 11 horas Miguel Crunia, sumiller e divulgador de viños atlánticos exporá a súa palestra 'Consumo de viño no Reino Unido. Estratexias e mercados para os viños galegos'. Ás 12:30 Carmen Fernández, redactora de Vinetur.com disertará co tema 'O viño como experiencia: enoturismo e venta en orixe'. Ás 13:30 Alejandro Paadín, enxeñeiro, sumiller e autor da 'Guía de Viños de Galicia' falará sobre 'Tendencias e motivacións no consumo de viño, produtores vs consumidores'.

“Bodegas Marqués de Vizhoja vai plantar 50 novas hectáreas de viñedo en Rías Baixas e relanzar a oferta de enoturismo”

-Estamos en Bodegas Marqués de Vizhoja, nunha contorna histórica e rodeados dunha das maiores plantacións de viñedo de Rías Baixas. Cal é a historia que hai detrás desta adega? Bodegas Marqués de Vizhoja xurdiu no ano 1968 e aínda non existía a DO Rías Baixas e o meu pai e o meu avó elaboraban este viño, comprando tamén uvas na zona do Tea. Houbo un premio moi importante e o premio foi unha folla de parra, e de aí o meu pai viu que a folla ía ser o selo de Marqués de Vizhoja. Observou ao seu ao redor e viu que todo eran marqueses e condes e por iso decidiu que ía ser o marqués da vide e da folla. Cando fixo as etiquetas coa folla do premio, déronse conta que puxeron o D por unha Z e ao meu pai gustoulle máis e deixárono así. Foi un erro pero saíu xenial e fonéticamente escoitábase mellor. -Contades con 40 hectáreas de viñedo, poucas adegas en Rías Baixas poden presumir de contar con tanto viñedo propio. Como foi o proceso de adquisición e plantación de viñedo no voso caso? Estamos en Galicia, e por tanto na terra do minifundio. E en Arbo, máis minifundio aínda... Nós queremos concentrar case todos os viñedos ao redor da adega, como os pagos franceses. Ter un castelo, no noso caso, aquí en Galicia é un pazo, cos viñedos ao redor. Agora mesmo temos unha ampliación de 50 hectáreas novas nun terreo por riba da adega, é dicir, seguimos no mesmo municipio, no mesmo pobo. Iso non é nada fácil co minifundio galego, ás veces compramos terreos de 500 ou 1000 metros cadrados.. É unha das grandes problemáticas e agora mesmo creo que se está dotando dunha serie de ferramentas para que a parte do campo en Galicia podámola atender mellor porque do contrario a xente non vai vir ao rural. Logo temos a problemática dos incendios, aquí padecémolo moito, un ano queimóusenos media hectárea, pero iso pásanos a todas as adegas. -Nos últimos anos grandes adegas de fóra de Galicia están a tentar asentarse tamén na DO. Rías Baixas. Coas características da vosa adega supoño que teriades máis dunha oferta de compra....Pódesnos comentar algo? Como valoras o momento actual que está a vivir a DO? A DO está a vivir uns anos moi bos, está a facelo francamente ben, co formato, inducidos tamén polas adegas....E estamos a competir cun prezo para dar o caché que necesita Rías Baixas. A uva ten un prezo bastante alto para o que é a uva a nivel de España. As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia. Pero ninguén me veu chamar á porta para comprar a adega, supoño porque van buscando adegas máis pequenas e alcanzables de comprar que a nosa.
 As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia
-Descríbenos como son os vosos viñedos e que características destacarías... Nós fomos uns pouco pioneiros no de ir a espaldeira e non a parra. O meu pai foi das primeiras persoas que apostaron polo sistema de espaldeira en Galicia. Temos un chan e orientación moi boa, chan granítico, estamos rodeados dun val, por iso queremos todo ao redor do noso propio val, aos pés do Río Miño, o cal nos dá unhas pequenas humidades, e estamos no interior de Rías Baixas, éntranos un pouco da brisa do Atlántico a traves do Miño pero somos unha zona de interior e cremos que a zona de Tea e Arbo é a mellor zona da DO. Rías Baixas e por iso aquí queren vir outras adegas e estanse asentando ao redor de O Condado. -Estamos no arranque da colleita 2024. Como foron os labores de poda e as primeiras fases do ciclo vexetativo desta campaña? Esta campaña como todas, temos moi claros as nosas formulacións e protocolos de traballo, están suficientemente claro como temos que actuar pero ás veces a climatoloxía xóganos boas ou malas pasadas. Este ano ía todo moi ben ata que veu un xaneiro que parecía verán case, chegando a temperaturas de case 30º na zona e empezou co seu ciclo vexetativo, daquela os fríos están a paralo un pouquiño e agora empezan os primeiros brotes. A climatoloxía é a que nos vai a dar os pasos a seguir, pois os nosos protocolos de actuación van en función da climatoloxía. -A fertilización xoga un papel clave o a produción e calidade da uva. Que protocolos seguides? Todos os anos facemos moitas analíticas de campo, de zonas. Hai que facelas e sobre iso actuamos. Cos abonos, con todo, imos estudando a planta día a día e imos facendo cambios. O que non se usa desde hai moitísimos anos son herbicidas nin abonos naturais de cabalo, coello... Porque creo que hai restos que non son bos, antibióticos... Usamos unhas técnicas moi exactas para conservar o medio ambiente e ter un solo que se protexa a si mesmo, trátase de volver á cultura dos nosos avós, e iso non o consegues nin nun ano, nin en dous nin en tres. Tentamos ser o máis ecolóxicos posibles. -Empregades abonos e emendas de Ecocelta. Que vos levou a empregar os seus fertilizantes e que vantaxes valorades? É unha moi boa compañía que aposta por ser o máis natural posible e potenciar os nosos solos, e son un dos nosos provedores. -En canto ao laboreo do chan, que protocolos seguides para o control da cuberta vexetal? Creo que o mundo, xa non só falo de Galicia, está a darse conta de que hai que ter chans vexetais, non podemos arar os solos e deixalos secos. Pola contra, se deixamos capas vexetais hai humidade, natureza, insectos... Teñen que ter vida, se os deixamos desprotexidos todo vai ser deserto, e co cambio climático moito peor. Por iso hai que seguir protocolos dependendo das zonas, non é igual unha zona máis alta ou unha zona máis baixa, ou segundo o tipo de inclinación.. Pero reitérome en que ten que haber capa vexetal e natureza sempre. -Que estratexias seguides en Marqués de Vizhoja para controlar o mildiu? Como todas as adegas, sulfatamos, non nos queda outra. Pero hai unha cousa clave, en 12 horas somos capaces de tratar todo o noso campo e iso é algo importantísimo. Porque pode chover, entrar fin de semana...e como entre a espora é moi difícil combatela. O ano pasado houbo zonas que foi un verdadeiro desastre, houbo xente que como nós, tivo unha colleita magnífica, de feito a DO aprobou un aumento de produción en campo, pero houbo xente que non chegou a recoller nada, porque se tardas dous días e éntrache a espora, estás acabado, e máis se entra o fin de semana e empezas a traballar o luns. Xa non es capaz de erradicala. Iso si, hai que investir en campo, traer tractores, desbrozadoras...
Co mildio se tardas dous días en tratar e entra a espora, estás acabado
-Estamos nunha zona onde xa foi detectada pola Xunta a presenza da Flavescencia Dourada. Como valorades as medidas adoptadas para frear a súa propagación? É outra enfermidade máis. O que vive do campo ten que convivir con isto. Isto non é novo e xa vén doutros países que o están combatendo. A Xunta está a xogar un bo papel, está a pór detectores polas zonas do Río Miño, pois vennos a través de Portugal, e hai que estar moi atentos, vixiar e educar ao persoal que temos en campo para que eles tamén vexan como é e sobre todo traballar con trampas que hai que estar a controlar constantemente. É unha cousa moi perigosa e temos que estar todos moi de acordo nos protocolos a seguir, porque do contrario poden vir os viñedos abaixo e sería un desastre económico para todos. -Que outras técnicas aplicades para mellorar a calidade da uva? O primeiro, cada planta é cada planta. Ti tes que estudar á planta, cada planta é única, como as persoas. Hai plantas moi antigas e outras que son máis novas, temos de todo tipo de idades, é un protocolo de aprender a observar á planta para sacarlle unha boa uva. E logo hai que facer podas en verde, tirar acios ao chan, e iso doe ás veces un pouquiño, pero hai saber que cargas lle podemos dar a cada planta, especialmente despois da floración. -Que rendementos logrades nun ano normal nos vosos viñedos? Comprades tamén uva a viticultores? Si, compramos uva, pero sempre ao redor da adega. Non compramos uva de fóra do Condado do Tea. Os rendementos en campo van variando, cada ano é distinto. O ano pasado foi bo, pero unha media normal pode ser entre 8 ou 10 mil quilos por hectárea. Pero reitérome en que depende da climatoloxía, é moi complicado. Este ano non sabemos pero gustaríame sabelo. -O voso viño máis coñecido é Marqués de Vizhoja. Que destacarías da súa elaboración e características? Cantas botellas vides elaborando e onde están os seus principais mercados? É un viño fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas por temas comerciais. É un viño afrutado, novo, un viño que nunca falla e que sempre che vai deixar quedar moi ben. Logo ten moi boa presentación e un prezo moi razoable, por iso véndense case 2 millóns de botellas. Logo está a Torre La Moreira, un albariño 100% que se elabora a partir das uvas das viñas de ao redor da adega e coas novas ampliacións. En canto a Señor da Folla Verde é o noso viño típico da subzona do Condado, é a nosa marca máis elitista, máis alto de gama e máis especial. -O prezo de venda ao público da botella de Marqués de Vizhoja está nos 4,65 euros. Como logrades ser tan competitivos en prezo mantendo a calidade? Con moito traballo, amor e ganas.
“A decisión de deixar o viño Marqués de Vizhoja fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas foi por estratexia comercial pura e dura”
-Este viño tamén se atopa fóra de DO. Rías Baixas. Que vos levou a non amparalo baixo o Consello Regulador? No ano 1985 o meu pai adquiriu o que é a finca A Moreira e aí é onde decidimos montar as adegas Marqués de Vizhoja que antes as tiñamos en Vigo. Desde aí foron pasando os anos e apareceu a DO Rías Baixas e o meu pai nun principio non quixo meterse por estratexia comercial e un tema de prezos. Marqués de Vizhoja xa vendía unha boa cantidade de viño por medio mundo e decide deixar que ese viño de autor seguise o seu camiño, e facer dúas novas liñas comerciais: unha Torre La Moreira, que é 100% albariño, e un Señor da Folla Verde que é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureira e 15% treixadura. Esa foi un pouco a estratexia comercialmente, por iso temos viños dentro da DO e Marqués de Vizhoja está fóra da DO, foi estratexia comercial pura e dura. -Dentro de DO tedes "Torre La Moreira" e "Señor da Folla Verde". Que destacarías destes viños -elaboración, cata, número de botellas- e como está a ser a súa acollida no mercado? Torre La Moreira é 100% albariño, está na DO só se vende en hostalaría e tendas especializadas e anda nunha franxa de 8-10 euros. Señor da Folla Verde é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureiro e 15% treixadura. É o noso viño máis elitista, comercialmente andará entre uns 13-15 euros. Estes dous viños son elaborados 100% con uvas dos nosos viñedos e implican coidados diferentes. -Completades o voso portfolio coa elaboración de licores, con formatos novos. Que vos levou a dar este paso e que destacarías destes produtos? No mundo licores temos o que hai que ter: augardente, licor de herbas, licor café e a nosa famosa e recoñecida crema. Decidimos facer unhas monodoses para os carajillos e sobremesas. Na hostalaría reenchíanse moitas botellas e o consumidor non sabe o que está a beber por iso fixemos estas monodoses antichorreo, é un invento que recibiu moitos premios a nivel mundial, é unha cousa moi específica que non hai en moitos sitios e é a mesma tecnoloxía que se usa no mundo farmacéutico. Fixámonos nos monodoses das salsas nas hamburgueserías e pensamos en facer algo parecido pero cunha tecnoloxía que asegure a calidade do produto.
 “As nosas monodoses de licor de herbas, licor café e augardente garanten ao cliente a autenticidade do produto”
A crema é o que máis nos custou elaborar, é a única crema galega de 19º. Hai moitas cremas no mercado que parecen leite ou nata, entón quixen elaborar unha moi boa crema. -Bodegas Marqués de Vizhoja tamén aposta polo enoturismo, unha área de negocio en Galicia na que aínda queda camiño para a súa profesionalización. Que destacarías da vosa experiencia e cales consideras que son as claves para que sexa unha actividade rendible para unha adega? Estamos vinculados co enoturismo porque temos un marco impresionante, un pazo, viñedos ao redor, e traballamos moito o enoturismo. Agora témolo paralizado porque estamos a preparar o pazo e un proxecto moi importante a nivel enoturismo. É un turismo que está en auxe, polo que temos que seguir sendo punteiros, e máis coa contorna impresionante que temos aquí.
“Imos plantar 50 novas hectáreas de viñedo”
-En que proxectos de futuro estades a traballar? As novas 50 hectáreas que temos para poder plantar e tamén hai uns marcos de plantacións, variedades, algúns cambios en tema campo. E logo o gran proxecto de enoturismo que temos entre mans. -Como ves a adega dentro de 10 anos? Vai seguir sendo unha adega 100% familiar e seguirei traballando pois terei 60 anos, e seguirán formándose e traballando os meus sucesores para cando chegue o día do relevo. -Por último e non menos importante, a viticultura é unha actividade que xera moita riqueza e emprego no rural. De que cifras estamos a falar no caso de Bodegas Marqués de Vizhoja? O rural hai que asentalo, somos galegos, vivimos diso. Nós, como empresa, queremos loitar por asentalo. Estamos nunha facturación duns 7 millóns de euros, unha das adegas máis importantes de Galicia. Temos 30 traballadores e no novo proxecto entrará un bo número de persoas que amen a terra. -Algo máis que queiras engadir? Convidar aos consumidores que sigan consumindo Marqués de Vizhoja, viños da DO Rías Baixas e viños galegos, seguir triunfando no mundo enteiro.

75 medallas para os viños galegos nos premios Bacchus 2024: Lista de premiados

A UEC (Unión Española de Catadores) acaba de facer públicos os viños premiados no XXII Concurso Internacional de Viños Bacchus, que se celebrou nas instalacións do Casino de Madrid, coa participación de 1.741 viños procedentes de 16 países. Entre os 52 viños españois aos que se lle concedeu o Gran Bacchus de Ouro, o máis importante que outorga o xurado, había cinco viños galegos: os ribeiros A Telleira Godello 2023, Libro 2022 e Tamborá 2023, este último elaborado por Viña Costeira. En Valdeorras obtivo este mesmo galardón o Guitián fermentado en barrica 2022 e, en Rías Baixas, o albariño barrica Eido da Fonte 2021.

Lista de viños galegos premiados:

En total, os viños e aguardiantes de Galicia levaron 75 medallas, 14 máis que na edición 2023 dos Premios Bacchus. DO. Rías Baixas: 38 premios -Gran Ouro: Albariño barrica Eido da Fonte 2021. -Ouro: ALMA GAIA REBELDE 2023. ADEGAS O CASTRO SL ALMA GAIA SALVAJE 2023. ADEGAS O CASTRO SL VEIGA DA PRINCESA 2023. ADEGAS PAZO DO MAR S.L. VALMIÑOR 2023. ADEGAS VALMIÑOR SEÑORIO DA TORRE LIAS 2022 . ALDEA DE ABAIXO S.A.T. GRANBAZAN ETIQUETA VERDE 2023. BODEGA GRANBAZAN CINCO ISLAS 2023 . BODEGAS CHAVES S.L. EIDOSELA ALBARIÑO 2023. BODEGAS EIDOSELA S.C.G. FERREIRO 2023. BODEGAS GERARDO MÉNDEZ S.L. DO SEÑOR DA FOLLA VERDE 2022. BODEGAS MARQUÉS DE VIZHOJA SANTIAGO ROMA 2022. SAU BODEGAS SANTIAGO ROMA S.L. BOUZA DO REI 2023. BOUZA DO REI SAT PECIOLO 2022 . CASTILLO DE ARESAN S.L. DAVIDE 2023. ENOTURISMO ACHA S.L. - BODEGA DAVIDE VIONTA ALBARIÑO 2023. FERRER WINES VIONTA BOSQUE DE FUSCALLO 202. FERRER WINES YOU & ME ALBARIÑO 2023. FERRER WINES ALTOS DE TORONA ALBARIÑO 2023. HGA BODEGAS Y VIÑEDOS DE ALTURA SL ALTOS DE TORONA ROSAL 2023 R. HGA BODEGAS Y VIÑEDOS DE ALTURA SL MAIOR DE MENDOZA SOBRE LÍAS 2023. MAIOR DE MENDOZA S.L. SANTIAGO RUIZ 2023. SANTIAGO RUIZ SEÑORÍO DE RUBIÓS ALBARIÑO 2023. SEÑORÍO DE RUBIÓS S.L. SEÑORIO DE SOBRAL 2023. SEÑORÍO DE SOBRAL TERRAS DE COMPOSTELA 2021. TERRAS DE COMPOSTELA C.B. VIÑA CARTIN 2023. VIÑA CARTIN S.L. D. PEDRO DE SOUTOMAIOR NEVE CARBÓNICA 202. VIÑAS E ADEGAS GALEGAS SLU MAR DE FRADES FINCA MONTEVEIGA 2019. ZAMORA COMPANY GLOBAL S.L.U. -Prata: ESENCIA DIVIÑA 2023. ADEGAS GRAN VINUM S.L. BERNON 2023. BODEGAS AQUITANIA S.L. LAXAS 2023. BODEGAS AS LAXAS S.A. CASTEL DE FORNOS 2023. BODEGAS CHAVES S.L. SANTIAGO ROMA SELECCIÓN 2022. BODEGAS SANTIAGO ROMA S.L. BOUZA DE CARRIL 2023. BOUZA DE CARRIL S.L. PACO & LOLA PACO & LOLA VINTAGE 2018. COOPERATIVA VITIVINICOLA AROUSANA SCG PULPO BLANCO 2023. FELIX SOLIS AVANTIS ROSA RUIZ 2022. SANTIAGO RUIZ TERRAS DE COMPOSTELA 2022. TERRAS DE COMPOSTELA C.B. -DO Ribeiro: 18 medallas -Gran Ouro: LIBRO 2022. ANTONIO CAJIDE GULIN A TELLEIRA GODELLO 2023. BODEGAS CAMPANTE S.A. TAMBORÁ 2023. VIÑA COSTEIRA S.C.G. -Ouro: ANTONIO CAJIDE GULIN 1040 SAMEIRÁS 2022 CATRO PARROQUIAS 2023. BODEGAS LOEDA S.L. BEADE 25 AUTOR 2022. BODEGAS SEÑORÍO DE BEADE/A PORTELA SAT GOTAS DE MAR GODELLO 2022. HAMMEKEN CELLARS SL GOTAS DE MAR FERMENTADO EN BARRICA 2022. HAMMEKEN CELLARS SL RAMON DO CASAR GODELLO 2022. RAMÓN DO CASAR AMADEUS 2023. VIÑA COSTEIRA S.C.G. COLECCIÓN 68 2023. VIÑA COSTEIRA S.C.G. -Prata: CUÑAS DAVIA A XIADA 2023. ADEGAS VALDAVIA S.L. CASTRO DO COTO TREIXADURA 2023. BODEGA CASTRO REI S.L. FINCA VIÑOA EMBOTELLADO TARDÍO 2021. BODEGA Y VIÑEDOS PAZO DE CASANOVA ADEUS TREIXADURA 2023. BODEGAS CAMPANTE S.A. CATRO PARROQUIAS TREIXADURA 2023. BODEGAS LOEDA S.L. ADEGA DO MOUCHO 2020. FRANCISCO GARCÍA PEREZ PAZO TIZON 2022. PAZO TIZON SLU DO. Valdeorras: 7 medallas -Gran Ouro: GUITIAN FERMENTADO EN BARRICA 2022. BODEGAS LA TAPADA S.A.T. -Ouro: MEDULIO 2022. DESTILERIAS MIÑO SL O LUAR DO SIL GODELLO SOBRE LÍAS 2022. PAGO DE LOS CAPELLANES S.A. MIL RÍOS GARNACHA BARRICA 2019. TERRIÑA S.L. A CERCADA DE VÑADERO. BODEGAS SANTA MARTA -Prata: A COROA 200 CESTOS 2022. ADEGA A COROA S.A.T. GUITIAN SOBRE LIAS 2022. BODEGAS LA TAPADA S.A.T. DO. Monterrei: 5 medallas -Ouro: ALMA DE AUTOR BLANCO 2023. ADEGAS PAZO DO MAR S.L. PAZO DE MARIÑÁN 2023. PAZO BLANCO NÚÑEZ SL QUINTA DAS TAPIAS GODELLO 2023. PAZO BLANCO NÚÑEZ SL -Prata: MARA MARTÍN 2023. BODEGAS MARTÍN CÓDAX SAU TERRAS DO CIGARRÓN 2023. VIÑAS E ADEGAS GALEGAS SLU IXP Viños da Terra- Val do Miño: -OUro: TERRAS MANCAS 2023. ADEGA TERRAS MANCAS S.L. IXP Aguardientes y Orujos de Galicia: 6 medallas -Ouro: AUGARDENTE ENVELLECIDA ABADIA DA COVA-OUVA. ADEGAS MOURE S.A. VEDRA DO ULLA ORUJO ENVEJECIDO. AGUARDIENTES DE GALICIA S.A. VEDRA DO ULLA 2021. AGUARDIENTES DE GALICIA S.A. AGUARDIENTE DE ORUJO PAZO PONDAL. PAZO PONDAL SLU Prata: AUGARDENTE DE GALICIA ABADIA DA COVA. ADEGAS MOURE S.A. GIL ARMADA 2022. BODEGA GIL ARMADA S.L. SEGREL ORUJO DE GALICIA. BODEGAS PABLO PADÍN

Concurso Bacchus

O XXII Concurso Internacional de Viños Bacchus celebrouse nas instalacións do Casino de Madrid. Un total de 1.741 viños procedentes de 16 países participaron neste certame, que está considerado como o de maior relevancia vitivinícola do país.  As mostras foron valoradas en cata cega por un xurado composto por 103 catadores nacionais e internacionais, procedentes de 28 países (Moldavia, España, Perú, EEUU, Grecia, Portugal, Suecia, Arxentina, Francia, Tunes, Australia, Bolivia, Brasil, Eslovaquia, Suíza, Alemaña, Xeorxia, Italia, UK, Países Baixos, Polonia, Rep. Checa, Chile, Letonia, México, Turquía, Uruguai, China). Entre eles atopábanse Masters of Wine, Masters Sommelier, catadores dalgúns dos mellores restaurantes do mundo, críticos especializados, responsables de compras de grandes superficies e importadores. Masters of Wine como Elizabeth Gabay MW, Matthew Forster MW e Sarah Jane Evans MW estiveron acompañados en Bacchus 2024 por Masters Sommelier como Florian Richter, Julien Alsoufi, Mattia Antonio Cianca e Paul Robineau. Xunto a eles un cadro de persoal de profesionais nacionais, con enólogos como Alfonso Chacón, Begoña Jovellar, Esteban Celemín, Ignacio de Miguel ou Francisco del Castillo, xornalistas como Antonio Candelas, Eva Vicens e Miguel A. Martín, ou catadores como Custodio Lopez ou Fran Ramirez. Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), este importante certame internacional de calidade máis lonxevo e prestixioso do país está auspiciado pola Organización Internacional da Viña, a Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED), entre outras e conta co recoñecemento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Consulta aquí el listado completo de vinos premiados en el concurso Bacchus 2024

As 5 DO´s de viños galegos presentan a nova edición do programa ‘Primavera de Portas Abertas’

A Axencia de Turismo de Galicia xunto coas cinco rutas do viño de Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei veñen de presentar unha nova edición do programa ‘Primavera de Portas Abertas’ que, precisamente, bota a andar a fin de semana do 3 ao 5 de maio coa Ruta do Viño de Valdeorras. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, os presidentes das cinco rutas e os responsables de turismo do Goberno galego valoraron a experiencia desta iniciativa en anos anteriores a prol da difusión do enoturismo nesta Comunidade. Neste sentido, o presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez Rodríguez, destacou a ilusión coa que afronta esta nova ‘Primavera de Portas Abertas’ esperando mellorar os indicadores de éxito alcanzados en anos anteriores. De feito, segundo adiantou Joaquín Sánchez Rodríguez, as previsións de participación así o indican ao completar practicamente a inscricións nas diferentes propostas formuladas pola Ruta nesta edición. “Valdeorras ten moito que ofrecer no eido do turismo”, salientou ao tempo que engadiu que “o godello está a experimentar un boom”, o que axuda a xerar interese cara esta comarca. Así, desde a Ruta do Viño de Valdeorras veñen de deseñar unha interesante e completa oferta enoturística formulada para a ocasión que tentará poñer en valor a excelencia dos nosos viños e tamén o territorio onde se producen. Nesta programación, segundo explicou Joaquín Sánchez Rodríguez, non faltará a visita ás covas, “un verdadeiro tesouro destas terras, onde os visitantes poden comprobar como se elaboraba o viño antigamente e se almacenaba”. Viño, paisaxe, patrimonio e xentes O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras subliñou que ‘Primavera de Portas Abertas’ permitirá dar a coñecer nesta ocasión os brancos e os tintos de trece adegas do territorio ao tempo que se poderá gozar das paisaxes que lle dan cobixo ás vides, os monumentos e elementos do patrimonio que as acompañan no seu crecemento e, por suposto, entrar en contacto coas xentes hospitalarias da comarca de Valdeorras. En total serán 15 propostas que van desde rutas pola historia do pasado viticultor da comarca, xogos participativos, rutas en bicicleta eléctrica ata andainas en plena natureza. Ademais, un showcooking da man da recén galardoada no Galicia Forum Gastronómico como mellor cociñeira do ano, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova de Verín, conxugará a cociña tradicional con toques vangardistas acompañada con viños da comarca. Joaquín Sánchez Rodríguez salientou tamén a posibilidade de entrar en contacto cunha realidade que só se dá nestas terras como é o turismo industrial ao ser “a comarca onde a primeira actividade é a lousa” e ao contar cun gran número de hidroeléctricas ao longo do leito do Río Sil. Pola súa banda, o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas, subliñou a variedade de elementos deste programa que coinciden co modelo turístico que se pretende impulsar desde a Xunta de Galicia. Como novidades da iniciativa destacou o incremento no número de participantes ao rexistrar 69 adegas, 13 restaurantes, 21 aloxamentos e un total de 60 iniciativas de turismo activo, ademais dunha nova ruta de buses que sairá da cidade de Ferrol. Finalmente, Antonio Casas, puxo en valor as posibilidades que ofrece o esta modalidade para desestacionalización do turismo.

Recomendan aplicar tratamento ante as primeiras manchas de mildio detectadas nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda aplicar tratamento antes as primeiras manchas de mildio detectadas nas viñas. Na viña de Areeiro apareceu xa a primeira mancha, nun bordo da folla, pero tamén se teñen atopado no Salnés debido, principalmente, ás condicións favorables ao avance do patóxeno rexistradas entre a primeira semana de abril e mediados de mes. Deste xeito, o centro dependente da institución provincial aconsella aplicar un tratamento o antes posible nos predios que non o recibiran antes ou naqueles que estean xa fóra do período de protección teórico da intervención anterior. Tamén recomenda que sexa un tratamento cun funxicida sistémico, pois é suficiente cunha hora sen choiva trala aplicación para que penetre na planta e, ademais, protexa os novos crecementos. Areeiro recorda que tanto a lexislación como as boas prácticas agrícolas indican que non se deben aplicar tratamentos se o vento é superior a 3 m/s. Ademais asegura que deben empregarse boquillas antideriva e a baixas velocidades do ventilador ou realizar a intervención con pistola e preto dos brotes, para evitar a dispersión do produto fóra da área a tratar.

O Plan Renove incorporará axudas para maquinaria de mantemento das cubertas vexetais

O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que modifica as bases reguladoras para a concesión directa das axudas estatais para a renovación de maquinaria agraria que están estipuladas no Real Decreto o 1055/2021. Este real decreto ten como obxectivo manter o impulso á modernización do parque de maquinaria agrícola mediante o apoio á adquisición de equipos e maquinaria que incorporen novas tecnoloxías e procuren prácticas máis sustentables co medio ambiente. A principal novidade reside na inclusión dos equipos asociados ao mantemento das cubertas vexetais entre os tipos de máquinas subvencionables, modificación que responde a unha demanda do sector, co obxectivo de facilitar a renovación desta maquinaria, en coherencia co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) que inclúe intervencións que fomentan ese tipo de prácticas agrarias. As medidas previstas neste real decreto están orientadas a incentivar a adquisición de maquinaria nova e o achatarramento da antiga, e buscan reducir as emisións de CO2, de amoníaco e de partículas, ademais de optimizar a aplicación de insumos e de fixar carbono no chan. Ao mesmo tempo perséguese tamén mellorar a eficiencia enerxética. Con esta modificación, ademais, clarifícanse algúns documentos que deben presentar os solicitantes para facilitar a tramitación da axuda e mellorar a xestión do procedemento. A modificación do real decreto dá cumprimento á extensión da validez da normativa comunitaria na que se basea, o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se estende tamén a validez das bases reguladoras que agora se actualizan.

Aviso fitosanitario de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella tratar as camelias e outras plantas ornamentais e froiteras ante a aparición do pulgón. Tamén alerta da necesidade de aplicar tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral da camelia, vixilar as viñas para previr o avance do mildio, así como revisar os buxos por se precisan tratamento fronte á eiruga. Tamén retirar e eliminar os froitos dos cítricos que están a murchar nas árbores. No caso das camelias e plantas ornamentais e froiteras, Areeiro ten detectado a aparición dos pulgóns que están xa a causar dano estético evidente. A incidencia, de momento, é pequena, pero o centro dependente da Deputación recomenda estar alerta para eliminar as colonias mediante a retirada e destrución de gromos afectados e aplicar tratamento insecticida nos brotes máis exteriores das plantas. Ademais, no caso exclusivo das camelias, Areeiro recomenda aplicar tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral. Ante a incerteza das previsións do tempo consultadas, o centro dependente da Deputación recomenda manter a vixilancia ante o avance do mildio nas viñas, en especial se as temperaturas nocturnas son suaves e se as viñas aínda non recibiron tratamento fitosanitario. Ademais, o vento destes días ten provocado a rotura dalgúns gromos nas viñas polo que, de ser preciso tratar as viñas afectadas fronte ao mildio, cómpre usar funxicidas que leven folpet, para mellorar a súa cicatrización. No que respecta ao buxo, Areeiro ten observado menos síntomas de actividade das eirugas ben polos tratamentos realizados ou porque están en fase de crisálide. Sen embargo, o centro dependente da Deputación recomenda manter a vixilancia por se é preciso facer un tratamento. E en canto aos cítricos, a climatoloxía húmida ten provocado que moitos froitos estean a murchar na árbore. Deste xeito, á marxe de aplicar un tratamento, Areeiro recomenda retirar e eliminar os froitos afectados para reducir a incidencia da enfermidade.

Seminario «Ferramentas de comercialización e venda para adegas»

A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) organiza o 7 de maio -online e presencial en Madrid- o seminario “Ferramentas de comercialización e venda para adegas”, co que axudar a que as adegas adscritas a denominacións de orixe poidan aumentar os seus coñecementos e estar así mellor equipadas para afrontar un dos obxectivos máis difíciles e máis necesarios neste momento: vender máis e vender mellor. Consciente de que o aumento da comercialización dos nosos viños e a profesionalización/especialización desta tarefa son necesidades consensuadas no sector, CECRV, a asociación que representa ás denominacións de orixe de viño no noso país, organizou un seminario de 4 horas e media de duración sobre ferramentas de comercialización e venda para adegas. Impartirao Álvaro Ribalta, un dos cinco españois que ostentan o título de Master of Wine, o maior recoñecemento formativo no sector do viño, e o único deles que se dedica especificamente á comercialización. A formación terá lugar o 7 de maio, en horario de 10h a 14.30h, en Madrid, concretamente no auditorio de Espazo Rolda (Rolda de Segovia, 50). Está destinada a adegas e representantes das denominacións de orixe de viño e pode seguirse presencialmente ou en liña (en ambos os casos requírese inscrición previa). As dúas modalidades de participación son gratuítas -desde CECRV recoméndase a asistencia presencial, porque sempre garante un maior nivel de concentración e aproveitamento−. O seminario permitirá dotar ás adegas das capacidades que se requiren hoxe en día para posicionarse e diferenciarse nun mercado altamente competitivo. Para iso, abordaranse, na parte inicial, aspectos como a importancia da historia para contar sobre os viños, sobre as persoas que hai detrás, sobre o territorio no que se producen ou sobre a filosofía vitivinícola, así como tamén as fichas técnicas sobre o produto ou a información que se debe ter en conta para presentar tanto os viños, como a adega, e o seu enfoque en función dos diferentes formatos e soportes nos que debe presentarse (web, redes, a propia etiqueta…). Seguidamente, trataranse conceptos clave para a venda, como as decisións estratéxicas que a adega debe adoptar nesta tarefa, a arquitectura de gama, a elección de prezos de cada un dos viños… Tamén se proporcionará información sobre as diferentes formas de promoción da marca, tanto entre profesionais como entre o consumidor final. A acción contempla un bloque dedicado especificamente á venda, que se dividirá en dous apartados principais, o mercado doméstico e o de exportación, en cada un dos cales se tratarán temas como a disxuntiva entre a elección de importadores/distribuidores, os tipos de canles de venda e as estratexias para seguir en cada mercado. Para pechar este seminario e con motivo do Día Vino D.O. 2024, que terá lugar o 11 de maio, CECRV outorgará un recoñecemento a Lacrima Terrae, polo seu labor para achegar o mundo do viño á xente e particularmente a novos perfís de consumidores desde unha óptica singular e co gozar e a sinxeleza como eixos. Recollerán este premio Alba e Sofía Atienza, as fundadoras deste proxecto. Máis información, programa e inscricións no seminario, nesta ligazón. Para ampliar esta información, pode contactar con: Jesús Moura Cayetano, coordinador xeral de CECRV. Tel.: +34 683 598 029. E-mail: jmoracayetano@cecrv.org Sobre CECRV: A Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) é a asociación sen ánimo de lucro que representa ás denominacións de orixe de viño ante a Administración Xeral do Estado e ante as institucións da Unión Europea, recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como interlocutor da Administración en materia de figuras de calidade. CECRV forma parte tamén da European Federation of Origin Wines (EFOW), xunto ás organizacións representativas das indicacións xeográficas do resto de grandes países produtores europeos (Francia, Italia e Portugal, ademais de España).

Xornadas sobre o futuro da vitivinicultura galega no Museo do Viño de Galicia

O Museo do Viño de Galicia (Ribadavia) acolle dúas xornadas informativas baixo o título ‘Falemos do Futuro da Vitivinicultura’. A finalidade destes encontros é fomentar e potenciar a vitivinicultura, zonificar e clasificar o viñedo, e recuperar a historia e tradición dos grandes viños galegos. Os encontros están organizados en colaboración coa asociación de Colleiteiros do Ribeiro e de Vitivinicultura Artesanal de Galicia e terán lugar os sábados 20 e 27 de abril. Nas xornadas trataranse diferentes aspectos do mundo do viño, que afectan na actualidade aos viticultores e adegueiros máis pequenos. Exporase a súa situación no mercado, falarase de como serán os viñedos do futuro e tamén da historia e a tradición como un valor engadido. Para iso, cóntanse con diversos expertos, coma historiadores, distribuidores, importadores, enólogos, viticultores ou sumilleres, que serán os encargados de impartir as charlas. Dende a Asociación de Colleiteiros indican que a súa preocupación é que se recuperen os viñedos históricos, as zonas tradicionais e que se clasifique o viñedo pola súa calidade. Tamén destacan a importancia de potenciar e recuperar aqueles viñedos cuxa historia, arquitectura e vocación agronómica está contrastada ao longo dos séculos, por iso se incide na historia como base fundamentada e documentada onde se establecen os grandes viñedos e viños no mundo.
Dende a asociación piden apoio das administracións para os pequenos proxectos con valor engadido
Así, indican que as xornadas buscan facilitar un espazo de debate e confrontación de ideas a todas as persoas que forman parte do sector. Resaltan que o futuro do rural galego pasa por desenvolver e potenciar a moitos pequenos produtores e para iso, indican, “é necesario apoio das administracións aos pequenos proxectos de valor engadido” e tamén facer unha vitivinicultura rexenerativa e saudable para o consumidor e os habitantes do medio onde se desenvolve. Dende o colectivo buscan que os monovarietais “non sexan un moneco en mans dos grandes grupos e operadores obsesionados cunha soa variedade, que sexa pan para hoxe e fame para mañá cando fique esquecida por outra novidade”. Nas xornadas mostrarán os grandes territorios do mundo e da evolución das Denominacións de Orixe. Falarán de viños diferenciados, saudables, con proxección internacional, con alto valor engadido e que falen do territorio. Programas das xornadas

Os godellos da DO. Valdeorras, protagonistas no Salón Gourmets 2024

A vindeira parada promocional dos viños valdeorreses terá lugar na capital de España, en Madrid, en concreto no Salón Gourmets. Un foro especializado en alimentación e bebidas de calidade que dará comezo o vindeiro luns e se desenvolverá ata o xoves, 25 de abril. “No marco deste espazo, 14 adegas da nosa Denominación de Orixe darán a coñecer os seus brancos e tintos”, destaca José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente do organismo. “Unha oportunidade máis para divulgar, sobre todo, que o noso territorio amparado é o berce orixinario do godello posto que todos os brancos que poderán degustarse en Gourmets 2024 procedentes de Valdeorras son monovarietais elaborados a partir deste tipo de uva”, engade o máximo responsable do Consello Regulador. Así, 26 referencias de Valdeorras (17 brancas e nove tintas) poderán degustarse en Gourmets 2024. Será no stand 6B30 do recinto feiral do Ifema, no que terá lugar o foro.

Proxecto PLASMOWINE: Unha nova ferramenta para combater o efecto do cambio climático no mildiu da vide

O cultivo da vide dáse de forma tradicional en rexións con temperaturas medias anuais de entre 10 e 20°C, con características climáticas que permiten a produción óptima deste cultivo e a obtención de viños de gran calidade. En Galicia existen diferentes zonas con condicións apropiadas para a produción dunha gran variedade de uvas: Albariño, Caíño, Espadeiro, Godello, Loureira, Mencía ou Treixadura son as variedades tradicionalmente cultivadas na nosa comunidade, que conta na actualidade cunha extensión de viñas de máis de 30.000 hectáreas (MAPA, 2023). A adaptación das diferentes variedades a cada unha das zonas de cultivo depende das condicións e características climáticas de cada zona, e a variabilidade climática existente entre as diferentes tempadas de cultivo e colleita garanten unha diferenciación entre as campañas dentro das mesmas viñas. Deste xeito, os viticultores fóronse adaptando de forma gradual ás condicións ambientais locais de cada rexión e ás súas variacións para optimizar a produción. Dada a gran sensibilidade que presenta a vide ante o clima, as variacións producidas nos últimos anos por mor do cambio climático están a provocar modificacións no desenvolvemento dos ciclos produtivos destas plantas. Segundo os modelos de predición climática existentes, as principais alteracións esperadas nos próximos anos son o aumento das temperaturas tanto medias como máximas e mínimas, as variacións nos réximes pluviométricos e a intensificación dos eventos extremos. Por ser a vide un cultivo interdependiente de forma anual, no que as condicións dun ciclo de cultivo inflúen nas características do ciclo seguinte, estas alteracións teñen máis incidencia cada ano. Nos últimos anos desenvolvéronse numerosos estudos para analizar os efectos que as condicións climáticas cambiantes están a ter sobre os cultivos de vide, incluíndo variacións nas secuencias de pragas e enfermidades. A nivel español, de forma xeral está a observarse un descenso na superficie vitícola, un aumento na demanda de regadío e unha redución na esperanza de vida da planta dun 30%. Seguindo as previsións de clima futuro en diferentes escenarios climáticos (Gaitán, E. 2022), as temperaturas irán ascendendo de forma progresiva nas próximas décadas, con maior intensidade nos meses de verán, e as choivas caerán en igual volume, pero en períodos temporais máis curtos, incrementándose as choivas de tipo torrencial. Isto vai unido a unha tendencia para sufrir períodos de seca severos ou extremos, cada vez máis extensos e intensos. Neste contexto, a xestión de pragas e enfermidades da vide é cada vez máis complexa para os viticultores, dado que os momentos de risco de enfermidade adiantáronse no tempo, presentando unha afectación maior na planta durante un período máis longo, o que obriga a buscar os momentos nos que sexa máis efectivo aplicar os tratamentos fitosanitarios para evitar un malgasto no uso destes insumos, evitando así un consecuente impacto ambiental negativo e un incremento no gasto económico asociado. No caso concreto do mildiu, enfermidade fúnxica que na actualidade representa un problema endémico na metade norte de España, a deriva nas condicións climáticas está a provocar un adianto no desenvolvemento da enfermidade e na súa durabilidade. Durante o pasado outono-inverno houbo en Galicia temperaturas cálidas e tempo húmido, xunto á pouca incidencia de xeadas, condicións óptimas para o desenvolvemento das esporas do mildiu. Como consecuencia, un sistema de captación de esporas instalado nunha das parcelas experimentais da Estación Fitopatolóxica do Areeiro recolleu esporas de mildiu o 21 de febreiro de 2024, dando o primeiro aviso fitopatolóxico da tempada cun mes de antelación con respecto ao habitual. Pode observarse, por tanto, a necesidade de dispoñer de información de calidade, tanto climatolóxica como ambiental, que permita levar a cabo a toma de decisións en canto á aplicación dos tratamentos fitosanitarios contra o mildiu da vide. Neste contexto traballa o Grupo Operativo PLASMOWINE, co obxectivo de desenvolver un sistema de axuda á toma de decisións que permita determinar o momento óptimo de aplicación de tratamentos fitosanitarios contra o mildiu. Deste xeito preténdese mellorar a xestión desta enfermidade nas viñas galegas, promovendo unha viticultura de calidade, rendible, sostible e respectuosa co medio ambiente. O sistema proposto no proxecto PLASMOWINE está a traballar en indicar o momento óptimo de aplicación tanto do primeiro tratamento contra o mildiu como das súas renovacións, tendo en conta o risco de enfermidade e a eficacia e duración real da protección dos funxicidas empregados habitualmente contra este patóxeno. Para a aplicación do primeiro tratamento é necesario coñecer o período de maduración da oospora, o estado fenolóxico do viñedo e as condicións meteorolóxicas. As renovacións, pola súa banda, dependen da avaliación do risco de enfermidade, a fenoloxía e a modelización da eficacia e o período de cobertura real dos funxicidas. Desta forma, o proxecto leva desde a súa aprobación no ano 2022 analizando as variables bioclimáticas e biolóxicas e realizando o cálculo de esporas do mildiu presentes no ambiente nos días posteriores aos tratamentos. Con estes datos, xunto aos parámetros meteorolóxicos, agronómicos e as observacións do estado dos cultivos, están a desenvolverse modelos matemáticos que permiten indicar o momento óptimo da aplicación dos tratamentos no viñedo. A continuación, móstrase unha gráfica para a parcela experimental situada na DO Ribeiro que recolle os riscos de infección de mildiu, os datos do reconto de esporas, a choiva caída e o acumulado de horas de humidade foliar ao comezo da campaña 2022, en concreto no intervalo de estados fenolóxicos C-E, comprendido entre o 5 de abril e o 1 de maio. Ilustración 1. Riscos de infección de mildiu en parcela experimental de DO Ribeiro. Elaboración propia O modelo de risco baseado en condicións meteorolóxicas indica a primeira infección de mildiu da campaña o día 9 de abril, coincidindo co primeiro pico de esporas. O estado fenolóxico predominante na parcela é brotación (C), polo que non se aplica un tratamento fitosanitario xa que non se considera que nese estado fenolóxico haxa risco de implantación da enfermidade. O día 12 de abril indícase unha nova infección de mildiu e ao día seguinte rexístrase o pico de esporas máis elevado do período, cun total de 129 esporas. O estado fenolóxico segue sendo C, polo que tampouco se aplica un tratamento fitosanitario. O día 21 decídese aplicar un tratamento fitosanitario (TF1) xa que o modelo de risco de mildiu predicir risco de infección para o día 22 de abril. Ese día a parcela está maioritariamente en estado D (follas incipientes), aínda que xa hai plantas en estado E (follas estendidas). A efectividade deste tratamento reflíctese no reconto de esporas nos seguintes días, que se mantén en valores inferiores a 20. En resumo, a estratexia de optimización do control químico que se está desenvolvendo no marco do proxecto PLASMOWINE busca reducir os custos de explotación, o risco de resistencia polo patóxeno e a pegada de carbono, mellorando a protección ao medio ambiente e a saúde humana e aumentando a calidade do viño. O grupo operativo PLASMOWINE está formado por un equipo multidisciplinar no que participan especialistas en Viticultura, Botánica, Fitopatoloxía, Aerobioloxía, modelización estatística e tecnoloxías aplicadas ao sector primario. Os compoñentes do grupo operativo son Monet Tecnoloxía e Innovación, empresa representante, a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, o Grupo de Aerobioloxía da Universidade de Vigo e a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA). Presupuesto total del proyecto: 179.999,99 € Subvención: 179.999,99 € Este proyecto está financiado por las ayudas para la ejecución de proyectos de los grupos operativos de la Asociación Europea de la Innovación (AEI), cofinanciadas en un 75% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) en el marco del Programa de Desarrollo Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, con fondos propios de la Xunta de Galicia en un 22,5% y con fondos del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en un 2,5%. La Consellería do Medio Rural es el órgano de la Administración Galega al que corresponde proponer y ejecutar las directrices generales en el ámbito rural, y engloba las competencias en materia de agricultura, ganadería, desarrollo rural y ordenación comarcal, estructuras rurales, industrias agroalimentarias y forestales, montes, prevención y defensa de los incendios forestales.

Terras Gauda entra no capital de adegas Gargalo, en Monterrei

Terras Gauda, a popular adega de Rías Baixas, entra en adegas Gargalo, o proxecto de Roberto Verino na D.O. Monterrei, cun 25% do capital. O equipo humano de Terras Gauda, en estreita colaboración co de Adegas Gargalo, asumirá a xestión de todas as áreas de actividade, principalmente a dirección enolóxica, empresarial e comercial, loxística, internacionalización, e enoturismo, entre outras; lideradas por profesionais con longa traxectoria no sector. Ambos os grupos adegueiros darán forma á xa acordada participación do 25% de Terras Gauda no capital social de Adegas Gargalo dado o potencial do Godello e os viños tintos da D.O. Monterrei. Esta incorporación ao seu proxecto empresarial é unha alianza estratéxica forxada polos puntos de identidade común: diferenciación, orgullo de pertenza aos seus respectivos territorios, a posta en valor das variedades nobres e a procura da excelencia en todos os procesos. En definitiva, a elaboración de viños únicos, en comuñón coas súas orixes, guiados pola sustentabilidade, desde o máximo respecto á preservación da contorna, con vocación de transcender ás xeracións futuras. José María Fonseca e Roberto Verino cualificaron o acordo como “un pacto entre cabaleiros” durante a presentación en Adegas Terras Gauda. Ambos coinciden en que, con esta unión, suman forzas en busca dun obxectivo común. Trátase dun compromiso a medio e longo prazo sobre a base dos valores que comparten, a estreita relación entre ambas as sociedades, o traballo ben feito e a amizade persoal que os une, que parte do respecto e a admiración muta. O equipo humano do grupo, en colaboración co da adega de Monterrei, asumirá a xestión de todas as áreas de actividade: dirección enolóxica, empresarial e comercial, exportacións, loxística, e enoturismo, entre outras, achegando a súa experiencia e coñecemento para reforzar o posicionamento de Adegas Gargalo no mercado nacional e internacional, diversificar as súas canles de venda e potenciar a diferenciación dos seus viños. O modelo do grupo adegueiro está avalado por unha traxectoria de éxito e a súa relevancia no sector vitivinícola. Polo potencial de crecemento da Adega Gargalo, trátase dun acordo estratéxico para o Grupo Terras Gauda, que lle permitirá incluír no seu porfolio o excelente e prestixioso Godello Gargalo, moi demandado polos diferentes mercados tanto en hostalería como nas canles de distribución, e tintos doutra denominación de orixe galega de referencia. Adegas Gargalo Fundada por Roberto Verino, a súa identidade construíuse sobre a elaboración de viños de alta calidade co carácter da terra e a vocación de ser un referente de prestixio dentro do viño galego. Tamén con vontade de liderar os viños de alta gama preservando a natureza, respectando o medio ambiente e comprometidos coa sociedade e a contorna. Actualmente, cultiva diferentes variedades autóctonas, prioritariamente godello, nas súas 20 hectáreas de viñedo emprazadas en lugar privilexiado, ao pé do Castelo de Monterrei en Verín. Grupo Terras Gauda A vocación universal, a visión a longo prazo, o respecto á orixe, crear viños de marcada singularidade e manter a autenticidade de cada unha das adegas define a filosofía empresarial do grupo, cuxas raíces están no Rosal. O seu proceso de expansión está baseado na diferenciación, a sustentabilidade, a internacionalización e na diversificación xeográfica, que se iniciou nas Rías Baixas, desde onde deu o salto ao Bierzo (Adegas Pittacum), o Val do Douro (Quinta Sardonia) e a D.O. La Rioja (Compañía de Vinos Heraclio Alfaro). Na actualidade, comercializa máis de 2,8 millóns de botellas, cun nivel de exportacións do 30% e está presente en 70 mercados de todo o mundo, con Estados Unidos, Reino Unido, Noruega, Alemaña e Puerto Rico como países de referencia.

Continúa a vixilancia ante síntomas de mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo no caso de que se detecten síntomas de mildio nas viñas. Esta recomendación faina a pesares de que non se observaron incidencias e que os prognósticos das diferentes axencias meteorolóxicas para os vindeiros días non son favorables ao desenvolvemento do patóxeno. Tamén aconsella considerar renovar a protección naquelas viñas que xa recibiran unha aplicación, debido ás choivas producidas. Areeiro recibiu información da aparición dunha mancha esporulada no Salnés, concretamente no concello de Vilanova de Arousa, na zona de Baión, e doutra sen esporular en Arbo. A detección, só destas dúas manchas, pode explicarse polo escaso desenvolvemento das viñas e polas temperaturas nocturnas frescas. Bolboreta do buxo e enfermidades nos cítricos Areeiro pide manter un nivel alto de vixilancia da bolboreta do buxo, xa que a subida de temperaturas favorece a actividade das eirugas. Deste xeito, tanto en sebes tratadas como nas que non o están, hai que realizar revisións periódicas para valorar se cómpre renovar o tratamento xa realizado ou acometer a primeira intervención. Debido á climatoloxía húmida, os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e é probable que caian prematuramente. Neste eido, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia de enfermidades nos cítricos.