Altri defende que hai eucalipto dabondo en Galicia para atender a súa demanda e a de Ence

A pasteira anuncia no Consello Forestal que as súas necesidades de auga se reducirán á metade, de forma que dos 46 millóns de litros para os que solicitou autorización de captación no río Ulla só vai precisar 20 millóns

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidindo este xoves a reunión do Consello Forestal de Galicia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidindo este xoves a reunión do Consello Forestal de Galicia

O Consello Forestal non ten funcións executivas, pero é o principal órgano asesor e de participación do sector no deseño das políticas autonómicas implementadas por parte da Xunta de Galicia.

A instancias do Sindicato Labrego Galego e de outras organizacións con representación, na reunión celebrada este mércores foi incluído na orde do día un punto de debate sobre o proxecto GAMA, a planta de celulosa e fibras téxtiles impulsada pola empresa portuguesa Altri e a galega Greenalia (Greenfiber SL) en Palas de Rei.

Representantes da compañía promotora acudiron a presentar o proxecto ante os membros do Consello Forestal, tratando de esquivar as críticas sobre o impacto ambiental da factoría e a súa afección sobre o río Ulla, así como as dúbidas sobre a existencia de materia prima suficiente nos montes galegos para atender as necesidades actuais das plantas de Ence en Pontevedra e Navia, ás que se sumarían os 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto que precisaría Altri en Palas.

Foron presentadas máis de 25.000 alegacións ao proxecto de construción na fase de exposición pública da solicitude de autorización ambiental

Bruno Dapena, director do proxecto GAMA, fixo fincapé no consumo de auga necesario para o funcionamento da fábrica, reducindo os 46 millóns de litros/día previstos no proxecto presentado a menos da metade.

Non pensan pasar de 20.000 metros cúbicos (20 millóns de litros/día), asegurou, insistindo en que van devolver esa auga captada case na súa totalidade ao cauce (agás un 5% que se pode evaporar no proceso), verténdoa augas enriba do punto de captación.

Aínda que o proceso de recirculación da auga sae moi caro, agardan que un 50% da auga poida ser reutilizada e quixo tranquilizar sobre os efectos sobre o ecosistema da auga devolta ao río, insistindo en que o salto térmico será, como máximo, de 3 graos centígrados e en que non hai risco de avenidas de auga doce sobre os bancos marisqueiros da ría de Arousa, posto que augas abaixo da planta proxectada por Altri existen varios encoros con capacidade para regular o caudal de auga do río.

Dapena explicou tamén as previsións de creación de emprego da factoría: 500 postos de traballo directos sumando todos os turnos necesarios para que a planta funcione todos os días do ano as 24 horas e unha ratio de 4 postos de traballo indirectos por cada emprego directo, tendo en conta os niveis actuais das plantas de Altri en Portugal. A fase de construción ocuparía, segundo os cálculos da empresa, a 4.000 persoas.

Abastecemento de materia prima

especies arboreas en Galicia

En relación ás necesidades de materia prima da planta, o representante de Altri asegurou que están garantidas, tendo en conta as plantacións existentes na actualidade nos montes galegos e a madeira que se vende xa hoxe a destinos como Portugal, País Vasco ou Zaragoza.

Segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, máis dunha cuarta parte das árbores que hai nos montes galegos son eucaliptos, sendo que o nitens xa superou ao glóbulus como especie de eucalipto predominante en Galicia. En concreto, o 14,13% dos pés maiores totais son eucaliptos nitens e o 13,42% eucaliptos glóbulus.

O eucalipto nitens xa é a segunda especie máis presente nos montes galegos, despois dos carballos

En Galicia córtanse anualmente uns 6,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto (3,7 de glóbulus e 2,5 de nitens), 3,5 millóns de metros cúbicos de piñeiro (1,6 de pinaster, 1,6 de radiata e 0,3 de sylvestris) e 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas. 

División no sector

Os membros do Consello Forestal evidenciaron as súas diferenzas a respecto do proxecto. O coordinador da área de montes do SLG, Diego Sánchez Agra, chamou a atención na súa intervención sobre o “irracional e irresponsable” que ao seu xuízo é “ instalar unha macro-fábrica de celulosa dez veces maior que a de Ence na Ría de Pontevedra como un xeito de xestionar á grave problemática que temos coas macro-extensións de eucaliptos”.

“Cando algo se fai mal o que hai que facer é corrixilo, non disimulalo nunha carreira suicida cara adiante. En Galicia temos unha clara problemática de sobreocupación e produción de eucalipto, recoñecida pola propia Administración. De feito, é tanto así que a día de hoxe a Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia prohibe as novas plantacións desta especie ata finais do ano 2025”, argumentou o representante do SLG.

Para Sánchez Agra, o proxecto de Altri consiste na instalación “dunha planta contaminante de transformación primaria, de escaso valor engadido para a exportación e que o único que vai facer é seguir afondando na xa mermadísima superficie agraria útil galega, a menor de todo o Estado, empeorar a perda de biodiversidade e especies autóctonas nos nosos montes e acrecentar o perigo de vagas de lumes para a poboación”.

Esta factoría, dez veces maior que a de Ence na ría de Pontevedra, sería un elemento acelerador de novas plantacións de eucalipto en Galicia

“A actual estrutura do monte galego está sostida nunha ilegalidade continuada e consentida pola Xunta de Galicia. É obvio que as limitacións son absolutamente laxas, de cara a galería, e son sorprendentemente escasas as medidas de control de plantacións ilegais, pois a día de hoxe xa se superaron as previsións de plantacións de eucalipto que figuraban inicialmente no Plan Forestal de Galicia para o ano 2030”, lembra.

O Sindicato Labrego Galego solicitou tamén que sexan aportados datos oficiais da cantidade de extensión de eucaliptos que están en terreo de cultivo e pasteiros, así como delimitar aquela que substitúe a outras masas forestais. “Estanse facendo plantacións en parcelarias executadas recentemente, na parte agrícola, isto só é posible cando a Administración está a mirar para outro lado”, asegura o representante do SLG.

“Insistimos tamén en denunciar que a Administración non está a actuar de oficio nin facendo seguimento das plantacións ilegais, é máis, cando o SLG ten interposto denuncias inténtasenos disuadir argumentando que non somos parte interesada”, explica Sánchez Agra.

Cos novos medios de teledetección por satélite é posible controlar as plantacións ilegais

Pola súa banda, Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), vinculada a Unións Agrarias, considera que cos medios actuais de teledetección por satélite, que representan unha mellora significativa no sistema de vixilancia, “o control das plantacións ilegais non debería supoñer un problema”, lembrando que por lei está prohibido forestar terras agrarias, facer novas plantacións de eucalipto ou cambiar frondosas ou coníferas por eucaliptos ou plantalo en Rede Natura. O responsable de Asefoga chama tamén a atención sobre o feito de que no Consello Forestal “non se avanzou nada sobre que vai pasar despois da finalización da moratoria do eucalipto en 2025”.

O Decreto galego de créditos de carbono, á espera da aprobación do Regulemento europeo

Jacobo Aboal, ex director da extinta Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), cuxas competencias pasaron agora á Consellería de Industria, soa para o cargo de responsable da nova dirección xeral anunciada. El foi o encargado de presentar ao Consello Forestal o Decreto galego de créditos de carbono, elaborado na lexislatura anterior e que xa completou o proceso de exposición pública.

Con todo, explicou, neste momento atópase en stand by, á espera da aprobación da lexislación comunitaria sobre a materia. Agárdase que o Regulamento europeo poida estar en vigor en cuestión de meses e a Xunta pretende “acompasar” a normativa autonómica á da UE. Agárdase que o Regulamento europeo prohiba a venda ex ante do carbono e estableza créditos ECO, suplementados con servizos ecosistémicos.

A Xunta quere acompasar a normativa galega coa comunitaria, en proceso de redacción e que se agarda para os vindeiros meses

Aboal explicou que está subindo moito o prezo da tonelada de CO2 a nivel internacional, o que abre unha oportunidade para os propietarios de montes e de terras agrarias na comunidade, xa que Galicia ten neste momento o 25% das absorcións de carbono de toda España, das que 5 millóns de toneladas corresponden ao eucalipto, a especie forestal que segundo os cálculos do Ministerio da Transición Ecolóxica máis absorbe con diferenza.

Que vai pasar finalmente con XERA?

Entre mentres, continúa o malestar no sector pola desaparición de XERA e a súa integración na Consellería de Industria. “Son imprescindibles políticas forestais con visión de estabilidade, sustentabilidade e consolidación”, defende Xosé Santos Otero, vogal e representante da organización ambientalista Amigas da Terra no Consello Forestal. 

Todo parece indicar que, dadas as presións do sector forestal, XERA seguira cumprindo coas súas funcións

Santos critica “o acontecido con XERA, que estaba integrada no lugar axeitado, a Consellería do Medio Rural”, di. “Nunha viaxe a ningunha parte, deciden unilateralmente a súa extinción e a integración das competencias na Consellería de Industria”, critica. 

“Todo parece indicar que, dadas as presións do sector forestal, XERA seguira cumprindo coas súas funcións, aínda que non na Consellería do Medio Rural. A Axencia Galega da Industria Forestal botou a andar no ano 2017 demostrando o seu bo facer no sector forestal-madeira, un dos sectores de máis valor e con maior potencial de crecemento en Galicia (1,5 millóns de hectáreas de superficie arborada cun valor duns 42.986 millóns de euros e unha facturación anual no 2022 de 2.700 millóns de euros)”, destaca. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información