As XXI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro celebraranse os días 14 e 15 de novembro en Lugo

Entre as temáticas da edición, atópanse o dimensionamento das ganderías, a planificación de cultivos, a xenómica e o uso de novas tecnoloxías en granxa.

Seragro2019O xoves 14 e o venres 15 de novembro de 2024 foron os días escollidos para a celebración das XXI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, que se desenvolverán, como é habitual, no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

O comité organizador está xa a traballar na elaboración dunha proposta formativa esencialmente encamiñada ós gandeiros, pero tamén a todo o persoal técnico e comercial vencellado ó sector produtor de leite galego.

Malia que o programa aínda non está pechado, xa se coñecen varias das temáticas que se tratarán na reunión. Entre elas, atópase o dimensionamento das explotacións ante os retos sucesivos que se lle plantexan ó sector. Nesta situación, cabe abrir un debate en torno os equipamentos de muxido a escoller en función dos tamaños e do número de muxidos. Outra das claves neste sentido é a xestión de persoal, xa que o factor humano pode marcar as diferencias entre explotacións e condicionar os seus resultados produtivos.
Tamén é un aspecto esencial, polas implicacións tanto económicas como a nivel produtivo, a planificación de cultivos; non só no que ás calidades a conseguir se refire, senón tamén ás cantidades necesarias en función dos censos da explotación.

Haberá tamén espazo para falar de xenómica, así como de calidade do leite e da información que se pode extraer a día de hoxe a través dos sistemas de muxido, a cal axuda á toma das decisións máis axeitadas para cada granxa.
Así mesmo, e tendo en conta que a análise de datos, a intelixencia artificial e as predicións en base a algoritmos están e estarán cada vez máis presentes nas explotacións, nestas xornadas tratarase de aportar novidades ó respecto.

Seragro SCG é unha empresa que presta servizos técnicos de alimentación, calidade do leite, certificación, recría, reprodución, podoloxía e xestión técnico-económica, a explotacións de vacún, principalmente de leite, repartidas por toda a xeografía galega, pero con gran presencia e recoñecemento na provincia de Lugo, unha das máis importantes tanto por número de explotacións e base territorial, como por número de cabezas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información