“Calquera parte do territorio galego está exposta a sufrir graves consecuencias por incendios forestais”

A Xunta recoñece que ningunha zona está a salvo “ante circunstancias favorables para o desenvolvemento dos lumes”. O ano pasado arderon 6.748 hectáreas, máis da metade nos incendios de Trabada e Baleira. Descende a intencionalidade e aumentan os factores naturais como causa dos lumes

A conselleira María José Gómez presentou o Pladiga 2024 acompañada por Manuel Rodríguez Vázquez - Director xeral de Defensa do Monte. José Luis Chan Rodríguez - Director xeral de Planificación e Ordenación

A conselleira María José Gómez presentou o Pladiga 2024 acompañada por Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte. e por José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal (na foto)

O Goberno galego presentou este xoves ao Consello Forestal o balance final dos incendios forestais producidos na comunidade durante o ano 2023, con 6.748 hectáreas calcinadas, das que 3.953 eran superficie arborada e 2.795 monte raso.

Houbo en total 908 lumes, o 80% dos cales queimaron menos dunha hectárea. Os datos reflicten un descenso con respecto á media dos últimos 10 anos: 1.766 lumes e 18.489 ha queimadas por ano.

No 2023 producíronse dous grandes incendios, os dous na provincia de Lugo, e os dous tiveron lugar fóra dos meses do verán e estiveron protagonizados polo vento: tanto o que o 28 de marzo se iniciou no municipio de Baleira, e que queimou 1.590 hectáreas, como o que se produciu en Trabada o 12 de outubro, con 2.296 hectáreas calcinadas.

Outubro vénse considerando un mes de perigo alto tendo en conta situacións como as vividas nos anos 2011 ou 2017

A Consellería fai mención específica a este lume que se produciu na Mariña, “onde non resulta habitual enfrontarse a lumes da virulencia e capacidade de destrución do vivido o ano pasado”, sacando varias conclusións: “Outubro vénse considerando un mes de perigo alto tendo en conta situacións como as vividas nos anos 2011 ou 2017″ e “aínda que o 2023 non foi un ano malo no que á estatística se refire, cómpre ler entre liñas e ter en conta que, ante circunstancias favorables para o desenvolvemento dos incendios, calquera parte do territorio galego está exposta a sufrir graves consecuencias, máis alá de que os datos históricos acompañen a pensar que poida haber zonas menos propensas”.

Causas dos lumes

datos incendios lumes forestais Galicia 1976-2023A tendencia da última década mostra unha diminución tanto no número de lumes como da superficie queimada, pero tamén que os grandes incendios excepcionais pesan máis no cómputo total.

O ano pasado tan só se produciron dous lumes de tipo 2, que son os que ameazan as vivendas, fronte aos 21 que houbera no ano 2022

En canto ás causas dos lumes, caeu na estatística a intencionalidade, que estaba no 90% a principios dos anos 2000 e baixou ao 70% na actualidade, mentres que soben as causas naturais, sobre todo os raios, que acostuman ser os desencadeantes dos lumes máis grandes porque se producen en lugares máis inaccesibles.

Protección dos núcleos de poboación

Outro dos debates xurdidos na reunión deste xoves do Consello Forestal foi o de quen debe pagar os desbroces das franxas de protección en torno aos núcleos de poboación. Desde a Asociación Forestal de Galicia solicitouse unha maior aportación económica por parte da Xunta, para que este custo non recaia nos propietarios forestais.

Pero o orzamento do convenio coa FEGAMP para a limpeza das faixas secundarias de proteción de 50 metros arredor de vivendas e núcleos de poboación será para este ano 2024 de 12,2 millóns de euros, a mesma cantidade que no 2023.

Priorizaranse un total de 157 parroquias pertencentes a 81 concellos das catro provincias

Para este ano priorizaranse un total de 157 parroquias pertencentes a 81 concellos das catro provincias. Os propietarios das 182.772 parcelas localizadas nestas faixas secundarias das parroquias priorizadas poden encomendar a xestión das mesmas a Seaga. A tarifa a pagar por este servizo é de 350€/ha.

numero de lumes e superficies queimadas incendios forestais Galicia 1976-2023

Plan contra incendios 2024: 7.000 persoas, 30 medios aéreos e 380 motobombas

O dispositivo de loita contra incendios forestais da Xunta estará de novo integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os medios humanos propios da Consellería como os adscritos a outras administracións, apoiados por unha trintena de medios aéreos e 380 motobombas.

Ademais, contará este ano, por primeira vez, con seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que poden realizar tanto labores preventivas como de extinción. Estes vehículos autopropulsados permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.

 Así o destacou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa participación na reunión do Consello Forestal de Galicia, que entre outros asuntos coñeceu as actualizacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, PLADIGA 2024.

O persoal laboral das brigadas da Xunta pasan a traballar 7 meses ao ano, un máis que no 2023

Este documento contempla entre as súas novidades a creación de ata 44 novos puntos de auga para recarga de medios aéreos e terrestres. Deles, 24 serán construídos directamente pola Xunta e os 20 restantes poranse en funcionamento a través de subvencións para comunidades de montes veciñais en man común.

Ademais, María José Gómez puxo tamén en valor a entrada en servizo da nova base de medios aéreos de Verín-Oímbra, que, salientou, mellorará sensiblemente a operatividade na zona fronteiriza con Portugal.

En canto aos medios humanos, este ano aplícase xa de xeito efectivo o aumento do tempo de traballo de parte do persoal laboral, que pasa a actuar durante sete meses, un mes máis que en 2023, de maneira que dous terzos dos profesionais anti incendios da Xunta xa están operativos todo o ano e o terzo restante chegará a facelo durante nove meses no horizonte de 2026.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información