Canta madeira se cortou no 2023 en Galicia?

Comunidades de montes e propietarios particulares pecharon o ano cunhas vendas de 9,2 millóns de metros cúbicos, o que lles reportou uns ingresos de 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia

Canta madeira se cortou no 2023 en Galicia?

O mercado de madeira en Galicia confirma a súa estabilidade, cun volume de cortas que superou os 9,2 millóns de metros cúbicos no 2023, na liña coa media do periodo 2018-2021, exercicios todos eles que superaron os 9 millóns de metros cúbicos.
Os ingresos dos propietarios forestais por vendas de madeira situáronse no 2023 en 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural.

Do total de facturación, 168,7 millóns de euros corresponden ó eucalipto, 101,3 millóns de euros ós piñeiros e 6,6 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual na industria da madeira.

Logo dun ano excepcional de mercado no 2022, con altos prezos da madeira e boa demanda, as cortas experimentaron no último ano un lixeiro descenso, en consonancia coa menor demanda industrial e os menores prezos. Dos 10,7 millóns de metros cúbicos cortados no 2023 pasouse ós 9,2 millóns de metros cúbicos do 2022.

O eucalipto descendeu en cortas arredor do 10%, en tanto no piñeiro as cortas reducíronse un 23% tras un excepcional 2022, que se pechara cos maiores volumes de corta da última década.

Datos por provincias
Os montes de A Coruña aportan o 45% das cortas totais de madeira en Galicia. Seguen Lugo, co 37%; Pontevedra, co 14%; e Ourense, con só o 4%.

Por especies forestais, o 60% do eucalipto córtase na provincia da Coruña, en tanto Lugo é líder autonómico en cortas de piñeiro, con máis da metade do total.

Lugo e Pontevedra destacan polo equilibrio de cortas entre piñeiro e eucalipto, pois Lugo ten un 50,5% de cortas de piñeiro, un 45,5% de eucalipto e un 4% de frondosas. En Pontevedra, as cifras son moi similares, co liderado neste caso do eucalipto: un 51% de cortas de eucalipto, un 45% de piñeiros e un 4% de frondosas.

No caso da Coruña, as cortas de eucalipto representan un 78,5% do total, polo 17,5% do piñeiro e un 4% das frondosas.

En Ourense, unha provincia con escasa actividade forestal, o piñeiro representa o 72% das cortas e séguenlle as frondosas, co 14%, e o eucalipto, especie pouco apta para esta provincia, co 13% das cortas.

Distritos forestais
En consonancia cos datos provinciais, os tres distritos líderes en cortas de piñeiro sitúanse en Lugo (Lugo – Sarria, Terra de Lemos e A Fonsagrada – Ancares), en tanto os tres líderes en corta de eucalipto están na Coruña (Ferrol, Santiago – Meseta interior, e Bergantiños – Mariñas coruñesas).

Convén lembrar que todos estes datos de cortas corresponden a propietarios de montes privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98% da madeira cortada en Galicia, en tanto o restante 2% procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración.

Prezos da madeira
En prezos, a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no último ano nos 70 euros, en tanto a rolla de 1ª e 2ª moveuse no arco dos 30 – 40 euros, e o puntal para trituración no entorno dos 20 euros.

O eucalipto, pola súa banda, rondou prezos no arco dos 29-31 euros, segundo os datos recabados pola Asociación Forestal de Galicia. En tódolos casos, trátase de prezos medios en pé, sen Ive e con casca. A entidade lembra que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira.

Multifuncionalidade do monte
A maiores do percibido pola venda de madeira, a AFG apunta que os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogumelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (como venda de dereitos de carbono), entre outros.

Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. A AFG subliña que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.

taboa cortas afg

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información