Coidados do viñedo durante os vindeiros días

Publicidade

areeiro fenoloxia floracion espurga aciosA Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro Dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este venres un aviso fitosanitario no que informa da situación dos viñedos na provincia. Este é un resumo do seu informe:

Estado Fenolóxico:

Estado fenolóxico: (H) –I1 -I2 [(Botóns florais separados)- Inicio floración-Plena floración/ BBCH: (57)-61-65. A fenoloxía é heteroxénea a nivel de comarca, de predios, dentro de cada predio e mesmo tamén a nivel de planta. Aínda así, en todos os casos está arredor da floración e, co tempo seco e solleiro que, en xeral, se anuncia para os próximos días, é de esperar que se vaia homoxeneizando e sucedéndose sen incidencias graves no relativo á climatoloxía.

Mildio:

Canto ás viñas tratadas, a situación máis xeral é de apenas algún síntoma moi illado nalgunha folla dispersa das parras/espalleres e/ou só algún localizado nos chupóns próximos ao solo se non están retirados, ou tamén ausencia total de síntomas nalgúns predios.

Porén, os técnicos de Areiro tamén informan de viñas que, malia levar xa unha cantidade inxente de aplicacións antimildio (ata nove) aínda presentan ataques moderados, con manchas novas, zonas de avance nas antigas e/ou danos en acio.

Os predios destas características dos que puideron coñecer o historial levan arrastrando contaminacións non controladas desde a aparición dos primeiros síntomas, ben por unha inadecuada elección do funxicida, ben por non ter sido dado nas mellores condicións ou por non ter intervido a tempo.

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas predín para os próximos días ceos con nubes e claros, certa precipitación para sábado e/ou domingo segundo a axencia (se non, predín néboas), ventos maioritariamente do norte e temperaturas lixeiramente por baixo das normais para o momento do ano ao inicio e máis habituais cara o final. Con este prognóstico, e considerando que en todas as viñas se terán renovado os tratamentos nestes días, dende a Estación de Areeiro recomendan manter a vixilancia, en especial nos predios con infeccións mal controladas desde o inicio. Se froito das pertinentes revisións se comproba que continúan aparecendo síntomas, será preciso
renovar o tratamento pero se cambian de funxicida soliciten un que teña diferente modo de acción do anterior para previr a aparición de resistencias.

herba vinha areeiro

Además, lembran que é imprescindible, para tentar de garantir na medida do posible a sanidade da viña, manter ben rozada a vexetación baixo as viñas, pois do contrario xérase un ambiente de humidade excesiva e falta de ventilación que favorece ao mildio e a outros patóxenos

Black rot

Este fungo prefire unhas temperaturas elevadas para desenvolverse, e as mínimas frescas que estamos a ter non lle son o máis favorable. Ademais, os tratamentos antimildio con produtos con actividade fronte a este patóxeno parecen estar contendo ben as infeccións. Con todo, os síntomas desta enfermidade poden aparecer tempo despois da infección e por iso hai que seguir mantendo a vixilancia, en especial nos predios onde soe aparecer nas diferentes campañas ou naqueles que teñan próximas viñas abandonadas.

Botrite

Coas choivas reiteradas desta primavera, están a aparecer en certos predios, pero de xeito bastante puntual, algunhas follas coa necrose característica deste patóxeno.

Porén, esta sintomatoloxía non soe xerar problema algún e por iso non soe requirir tratamento. Non obstante, as choivas rexistradas poden provocar que os capuchóns florais non se desprendan ben dos acios en formación, como observaron os técnicos de Areeiro na revisión desta semana, e sobre os restos secos pode instalarse o fungo. Si como indican as predicións meteorolóxicas o tempo para a semana se mantén seco en xeral, non debería haber problemas, pero como hai unha elevada humidade relativa e se prevé certa precipitación para a fin de semana, hai que vixiar si finalmente se desprenden ou non.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información