“Deixar a becerra na parideira coa nai ao nacer é bo para a vaca, para a xata e para o propio gandeiro”

Un estudo da Facultade de Veterinaria de Lugo, dirixido por Ramiro Fouz, demostra os beneficios para as ganderías de leite de manter a cría coa nai cando menos un día tralo parto, tanto para favorecer a recuperación da vaca como para o crecemento, a inmunidade e a produción de leite futura da xata

Ramiro Fouz, diante do edificio da Facultade de Veterinaria de Lugo, onde é profesor do Departamento de Produción Animal

Ramiro Fouz, diante da Facultade de Veterinaria de Lugo, onde é profesor da Área de Produción Animal

Ramiro Fouz é unha persoa moi coñecida nas ganderías de leite da provincia de Lugo. Durante 25 anos foi xerente de Africor e antes traballou como veterinario facendo clínica, programas de reprodución e alimentación.

Agora, como profesor da Área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, forma aos profesionais que nos vindeiros anos deberán axudar ás explotacións a ser máis eficientes e a superar retos como os da redución de antibióticos, a pegada de carbono ou o benestar animal.

Ramiro é autor dalgúns dos estudos de referencia sobre os cambios que nas últimas décadas están a afrontar as granxas galegas, como a dixitalización e robotización das instalacións, o impacto ambiental, ou a lonxevidade e causas de descarte das vacas en produción.

As granxas fixeron importantes esforzos nos últimos anos para mellorar as condicións das vacas en produción e agora a asignatura pendente en moitos casos é a recría

Na actualidade está centrado en analizar distintos aspectos da recría e en como mellorala, tratando de concienciar aos gandeiros  da necesidade de prestar maior atención e adicar máis esforzos e recursos aos animais de reemprazo como garantes do futuro da granxa.

– Que liñas de traballo estades a seguir en relación aos animais de recría?
– Unha das investigacións que estamos levando a cabo na Área de Produción Animal ten que ver con analizar as estratexias das ganderías leiteiras en canto á separación da cría da nai. 

Foi posible grazas a unha liña de axudas do Campus Terra para proxectos colaborativos. Para este tipo de traballos fai falla financiamento porque os kits que se utilizan para medir o nivel en sangue de determinadas hormonas (haptoglobina, cortisol) son moi caros, mesmo chegan a superar os 1.000 euros cada kit. Neste proxecto tamén participa a Área de Ciencias Clínicas Veterinarias, que realizou de forma paralela unha análise de minerais.

Tomamos mostras de soro sanguíneo en 49 vacas de cada grupo e fixemos estas análises en 8 ganderías da provincia de Lugo: buscamos 4 granxas que separan a cría no momento do parto e 4 granxas que non separan, é dicir, que manteñen a cría coa nai durante máis ou menos tempo. E tamén fixemos estudos de validación previos noutro grupo de ganderías. 

Dende a Área de Produción Animal agradecemos a colaboración ás ganderías que fan posible este proxecto, financiado polo Campus Terra: Chaín, Xerlea, Vilamaior de Negral, Rego, Roke, Ledo, Varela-Labrada, Xanceda, Emilio do Jaime, Mámoa, Marcos, As Pedreiras e Casa Roxa; así como a Africor Lugo, na elaboración das enquisas.

– Que é o máis habitual, separar a xata ao nacer ou mantela coa nai?
– A maioría de gandeiros non permiten ningún tipo de contacto entre a vaca e a xata, iso é o habitual na maioría das explotacións leiteiras galegas. Por exemplo, nunha enquisa realizada en ganderías que están en Control Leiteiro na provincia de Lugo, tan só un 2,5% mantiñan a cría coa nai tralo parto. O máis frecuente nestes casos acostuma ser durante un día, aínda que hai explotacións que manteñen durante 3 ou máis días. Moitas destas granxas son ganderías máis pequenas ou que fan pastoreo, aínda que tamén hai algunha intensiva máis grande que o empeza a facer.

Tan só o 2,5% das ganderías que están en Control Leiteiro na provincia de Lugo manteñen a cría coa nai despois de nacer

Fixemos tamén 60 enquisas entre gandeiros para coñecer os motivos que os levan a separar ou non a cría, para entender por qué nuns casos se fai unha cousa e noutros outra. As granxas que fan separación, que son a maioría, din que deste xeito baixa mellor o leite porque non se crea o vínculo entre nai e cría e que da outra maneira a vaca está máis estresada na sala de muxido porque quere estar coa xata e ese estrés que se xera inhibe ou bloquea a oxitocina, que é necesaria para que baixe o leite, xa que actúan hormonas que se contrapoñen.

Pero a realidade é que en moitos casos ese estrés pola separación prodúcese igual, por exemplo se a vaca pare de noite e vémola pola mañá, porque xa pasou unhas horas coa cría. Pola contra, as granxas que manteñen a xata coa nai tralo parto aseguran que a vitalidade da cría non é comparable, mesmo din que lles custa máis collela para chapeala, porque maman máis costros e máis leite os primeiros días e faino cando elas queren.

– Que vantaxes ten isto sobre a xata?
– Son becerras que arrincan moito mellor e que teñen tamén menos problemas de diarreas, porque o problema da toma de leite en becerras recén nacidas é que teñen un estómago (abomaso) pequeno, no que collen uns 3 litros de capacidade. Ao limitar a inxesta a dúas tomas diarias, que é o habitual na maioría de ganderías por temas de man de obra, prodúcense dixestións pesadas. É como cando nós comemos unha panzada, se comeramos a poucos comeríamos incluso máis cantidade e non nos faría dano. Pois as xatas igual, o ideal sería imitar á natureza e darlle cantas máis tomas mellor e niso as amamantadoras axudan moito.

O ideal sería imitar á natureza e darlle cantas máis tomas mellor e as amamantadoras axudan moito nese sentido

É mellor para a xata darlle menos cantidade de cada vez e non todo xunto, porque asimila mellor, non se producen empachos e corremos menos risco de que ese leite quede no rume, onde non hai encimas, polo que fermenta e xera problemas dixestivos. Por iso cando os primeiros días mama na vaca mama aos poucos e cando quere e asimila moito mellor o que toma.

A outra das vantaxes que ten a non separación da xata é o aproveitamento do leite de transición. Tralos costros do primeiro día e antes de producir o leite que vai xa ao tanque, durante 2 ou 3 días a composición do leite vai cambiando, con variacións nos niveis de graxa, proteína, lactosa, minerais e sobre todo inmonuglobulinas, que son as defensas que a vaca lle traslada á cría.

O leite de transición dos 2 ou 3 días posteriores ao parto, que se tira porque non vale para ir ao tanque, é fundamental para o desenvolvemento da xata

Estamos vendo, nos estudos que hai, que ese leite de transición cada vez é máis importante para un correcto crecemento e desenvolvemento inmunitario e metabólico da xata, porque ademais dos anticorpos que fan que a becerra responda mellor ante as posibles infeccións, hai outra serie de hormonas e factores de crecemento que preparan o intestino e fan que a xata asimile mellor o alimento, polo que ese leite de transición é fundamental.

Vese nos estudos epixenéticos que os animais que toman leite de transición producen máis leite e son máis sans na súa vida produtiva. O produto de máis valor que produce unha granxa son os costros, porque se os tiveras que mercar, pola cantidade de inmunoglobulinas que teñen, o seu valor sería duns 400 ou 500 euros o litro. E despois estaría o leite de transición, que sería mesmo máis valioso que o propio leite. Non é tanto o valor económico, senón que os compoñentes dos costros non se atopan en preparados comerciais que lle poidamos subministrar á xata.  

Las terneras pasan los primeros días con la madre.

Ter as becerras coa nai os primeiros días na parideira é unha práctica minoritaria na actualidade nas granxas leiteiras

– Canto sería o tempo mínimo recomendado de estancia da xata coa nai?
– Aínda que o ideal poidan ser 3 ou 4 días para aproveitar ese leite de transición, vemos que a vaca e a cría precisan estar xuntas cando menos un día tralo parto. É tamén o que recomenda a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) e sabemos que cando a EFSA se preocupa por un tema e fai unha recomendación, ao pouco tempo acaba sendo de obrigado cumprimento. E un dos obxectivos do estudo é ter datos e ofrecer alternativas de manexo aos gandeiros, precisamente por se isto se acaba convertendo en norma. 

Cando a EFSA pon o foco nun tema como é este primeiro comeza sendo unha recomendación pero despois acaba sendo de obrigado cumprimento

Pero independentemente de que neste momento, ou no futuro, haxa ou non unha lei que obrigue a manter a cría coa nai, queremos concienciar aos gandeiros de que isto pode ser interesante para a explotación, porque ten efectos positivos e é beneficioso para a vaca, para a xata e para o propio gandeiro porque eses pequenos detalles son os que poden marcar a diferenza para que esa xovenca primeiriza dea 9.000 ou 12.000 litros na primeira lactación.

– Que diferenzas vistes no estudo?
– No caso da produción ao primeiro parto, habería que agardar dous anos, a que esas xatas pariran, para velo e poder ter datos exactos. Pero o que si vimos é que os niveis de haptoglobina na nai son maiores se a separación é inmediata con respecto a se é máis tardía, porque manter a cría coa vaca reduce ou minimiza o estado inflamatorio postparto, que é moi grande, porque hai unha matriz que ten que volver ao seu sitio e un ubre que pasa de 0 a 100.

Ao ter a cría con ela, os niveis de haptoglobina na nai son menores, é dicir, a vaca ten unha mellor resposta antiinflamatoria

Nas primeirizas, por exemplo, vese que ter a cría non só non prexudica a baixada do leite, senón que a favorece, porque facilita o seu manexo na sala de muxido. A becerra, ao mamar, reduce a presión do leite sobre o ubre e estimula o pezón, de maneira que cando entra na sala é máis doada de muxir.

Polo tanto, a presenza da cría é beneficiosa para a recuperación da nai. Incluso vimos con vacas que tiveron dificultades de parto, nas que houbo que tirar, que estar coa xata contribúe a que a vaca se desquite e recupere mellor.

A práctica de separar a xata ao nacer faise moitas veces por costume, porque sempre se fixo, sen ter en conta as vantaxes de mantela os primeiros días coa nai

No caso do cortisol, non atopamos diferenzas significativas, porque esa separación vai habela sempre e o estrés da vaca trala separación da cría vaise producir tarde ou cedo, xa que a cría ten que separarse da nai nalgún momento, a cuestión é establecer cando, porque manter a xata máis tempo coa nai vai supoñer seguramente un maior custo de manexo para o gandeiro.

Pero o estrés da separación vaise producir sempre, sexa aos 3 días, aos 10 días ou ao mes. E ese estrés vaino sufrir tanto a vaca como a xata, que pasa a verse indefensa despois de estar baixo a protección da súa nai. Por iso eu penso que as amamantadoras poden axudar moito, para min entre as tecnoloxías que hai dispoñibles hoxe en día nas ganderías son a ferramenta que vai dar máis xogo, por enriba incluso do propio robot de muxido.

A maioría de gandeiros non permiten ningún tipo de contacto entre a vaca e a xata, non chegando a crearse o vínculo entre a nai e a cría

A amamantadora pode axudar moito porque permite facer esa transición a grupo, porque se temos a xata na parideira os primeiros 3 ou 4 días coa nai despois esa becerra xa podería pasar directamente ao lote da amamantadora, sen ter que pasar por un box individual. Desa maneira, ao estar en grupo, acompañada, o seu estrés pola ausencia da nai tamén é menor. A crianza en grupo é algo no que xa están incidindo as normas de benestar animal e é tamén positivo para as ganderías desde o punto de vista da opinión pública.

Ademais, na amamantadora, a xata vai poder seguir mantendo un número de tomas diarias alto, semellante ao que tiña coa nai na parideira, sen necesidade de pasar de 4 ou 5 tomas a só dúas, polo que o estrés para a xata tamén se minimiza. Ao pasar a mamar só dúas veces ao día, o tempo entre tomas é moito maior, polo que a xata ao ter fame mama máis á présa e traga moito aire e iso provoca problemas dixestivos e diarreas.

amamantadora

É posible pasar as becerras tras varios días na parideira coa nai á amamantadora sen pasar por ningún box individual

A nivel de instalacións, están preparadas as ganderías para implementar este cambio de manexo en relación ás becerras recén nacidas?
– O principal limitante hoxe na maioría de granxas son as instalacións e en segundo lugar o manexo que conleva a vaca parida coa cría. As parideiras nunca chegan a nada, porque as granxas cada vez se dimensionan máis.

Pero a parideira ten que reunir unhas condicións mínimas de confort para os animais, en canto á cama, ventilación, etc. Non pode ser unha corte fría, húmida e escura nin estar no establo vello da casa, porque iso despois crea moitas dificultades á hora de facer o manexo, tanto para levar a vaca a muxirse, porque a xata non vai dar mamado todo o leite e vai haber que muxir a vaca, como despois para poder limpar a parideira unha vez que queda libre. Ten que estar na nave nova, cerca do robot ou da sala de muxido, e a poder ser que a vaca que vai parir non perda o contacto visual coas súas compañeiras de lote, debido a que as vacas son animais moi sociables e ver o rabaño prodúcelles tranquilidade.

As parideiras que se fan nunca chegan a nada porque as granxas medran; son o gran limitante

O habitual hoxe nunha explotación de 100 vacas en produción é que teña 1 ou 2 parideiras como moito, cando serían necesarias polo menos 3 ou 4 para poder manter a becerra coa nai 2 ou 3 días. E iso sempre que haxa unha distribución de partos máis ou menos uniforme ao longo do ano, pero despois sabemos que hai picos porque cando as vacas non empreñan e se recorre ás hormonas téndese a sincronizar os celos e as inseminacións, polo que se precisarían mesmo máis espazos para poder cubrir eses momentos de maior concentración de partos.

A parideira non pode ser a corte vella da casa, ten que estar na nave nova, cerca do robot ou da sala de muxido

Pero facer máis parideiras é doado de dicir pero difícil de implementar en moitos casos. Ademais, en moitas explotacións a parideira é un espazo de uso compartido, que se usa tamén como enfermería. É unha especie de lazareto para separar vacas, por exemplo cando unha está coxa ou está enferma e manter nese mesmo espazo as becerras pequenas acabadas de nacer non é o mellor.

Hai que tratar de simplificar o manexo o máis posible para reducir o traballo que supón ter a cría coa nai, senón deixarase de facer por moi beneficioso que sexa para a vaca e para a xata

Nos establos de nova creación recomenda planificar esta zona como unha parte máis da nave. O ideal sería contar con espazos individuais para cada vaca coa súa cría, onde se produciría o nacemento e onde estarían xuntas os 2 ou 3 días posteriores. Para reducir o espazo necesario, pódese facer unha zona de parideira múltiple compartida máis ampla, onde collan varias vacas próximas ao parto e onde estean coas súas crías nos días posteriores.

Sexa dunha maneira ou doutra, é fundamental que esta zona de parideiras teña un acceso cómodo á zona de muxido para simplificar esta tarefa durante eses 2 ou 3 días, porque senón, se incrementa moito o traballo, deixarase de facer por moi beneficioso que sexa para a vaca e para a cría. Por iso é interesante introducir estas prácticas na rutina de manexo da granxa, tratando de optimizalas o máis posible. É algo que ten que ser visto non como unha imposición, senón como unha oportunidade para mellorar.  

“Colocar cepillos ou pelotas para que xoguen fai que as xatas se mamen menos entre elas”

Un momento da presentación dalgunhas das conclusións do estudo

Un momento da presentación das conclusións do estudo no marco dos Proxectos Colaborativos da USC

Outra das liñas de investigación que Ramiro Fouz está a dirixir no Departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo está relacionada co enriquecemento ambiental para as xatas de recría, é dicir, a implementación de distintos elementos nas instalacións onde están aloxados os animais que favorecen o seu benestar e evitan comportamentos anómalos.

Un dos problemas habituais na recría é precisamente que as becerras se mamen entre elas, debido ao seu reflexo de succión, pero non todos os animais desenvolven este comportamento, polo que están tratando de determinar a que se debe o feito de que unhas xatas o leven a cabo e outras non.  

Este estudo está a ser realizado en colaboración con Recría Castro, o centro público dependente da Deputación de Lugo ubicado na Granxa Gayoso Castro, que alberga a 2.500 animais de 60 ganderías da provincia de Lugo.

– En que consiste este traballo de investigación?
– Estamos medindo unha serie de hormonas nas xatas, en concreto dúas, a leptina e a grelina, que regulan o apetito e a saciedade, e o que estamos mirando é por que nun lote de xatas da mesma idade unhas teñen ese reflexo de succión e outras non e se iso ten algo que ver cos niveis que presentan destas dúas hormonas, porque ademais ese comportamento fano despois de mamar, polo que non é debido á fame, senón a outros factores que estamos tratando de identificar.

Queremos comprobar se os datos que obteñamos poden ter valor preditivo, é dicir, se analizando os niveis de leptina e grelina podemos determinar que unha xata ten maior predisposición a ter estes comportamentos e con iso poder anticiparse de maneira preventiva, coa colocación do anel nasal, por exemplo, ou mesmo poder tomar decisións de descartes.

Todas as liñas de mellora que hai hoxe van cara o que se chama epixenética, é dicir, como interactúa o ambiente nos propios xenes

Moitas das liñas de mellora nas que se está a traballar neste momento teñen que ver coa epixenética,  porque ademais dos xenes hai tamén outras cousas que regulan comportamentos e inflúen no desenvolvemento da becerra, e queremos ver como determinadas pautas de manexo poden conducir a que un animal se comporte dunha maneira ou doutra.

– Que consecuencias poden ter estes comportamentos nas ganderías?
– Hai unha serie de actos que fai o animal de forma repetitiva debido ao estrés, que se chaman esterotipias, e que poden causar danos nos outros animais. Poden, por exemblo, lamberse tanto entre elas que chegan ao extremo de provocarse feridas. Ou poden roerse ou mamar unhas nas outras.

Que unha xata mame noutra pode provocar a apertura do canal do pezón e derivar en infeccións que provocan pezóns cegos nas xovencas de primeiro parto

Isto é algo importante para os gandeiros porque se teñen ese vicio poden provocar noutra xata, aínda que non dea leite, a apertura do canal do pezón. Isto provoca que entren infeccións e fai que no momento do parto poida haber xovencas cun pezón cego, porque nesas idades non se vixían e controlan as infeccións mamarias como se fai nas vacas de leite e moitas veces non se collen a tempo.

Os animais na natureza poden estar mamando até os  8, 10 ou 12 meses, polo que é habitual que animais de 7 ou 8 meses manteñan aínda ese costume, aínda que co cambio da alimentación a forraxe perdan un pouco ese instinto.

A colocación de elementos para que estean entretidas reduce os niveis de estrés e os comportamentos anómalos nas xatas 

E estamos vendo como o enriquecemento ambiental, é dicir, que cousas se lles poden implementar ás xatas de recría nos lugares onde están para entretelas e evitar estrés, pode ser positivo, porque se un animal está entretido non adopta condutas anómalas, polo que isto pode axudar a minimizar estes comportamentos. Hai por exemplo cepillos ou pelotas para que xoguen e o que se usa sobre todo son elementos para que chupen ou roan para que deste xeito se mamen menos entre elas.

Normalmente isto sucede porque se aburren e trátase de crearlles un entorno que as incentive a xogar e a estar entretidas, porque as xatas son animais moi curiosos. Ademais, teñen o instinto de sución, polo feito de mamar na nai moitas veces ao día de forma natural, polo que cando iso se limita a dúas tomas ao día poden aparecer con maior frecuencia eses problemas, aínda que interveñen moitos outros factores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información