Desaparece a Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta decide suprimir o organismo, que se puxera en marcha no 2017 para dar resposta a unha aspiración histórica de toda a cadea forestal madeira

Desaparece a Axencia Galega da Industria Forestal

Os apoios á construción en madeira, pública e privada, era unha das liñas de traballo da Axencia Galega da Industria Forestal.

O cambio de Goberno autonómico está a trastocar non só as caras visibles nas distintas consellerías e postos intermedios, senón o propio organigrama da Xunta de Galicia. O Goberno autonómico decretou hoxe a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, un organismo que se puxera en marcha no 2017 para dar resposta a unha aspiración histórica de toda a cadea forestal madeira.

A decisión da Xunta de extinguir a actividade de XERA inclúe outra medida adicional: traspasar as súas competencias, en materia de industria forestal, da Consellería de Medio Rural á Consellería de Economía. A partir de agora, a interlocución da cadea da madeira será a Secretaría xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

Os cambios están a causar esta mañá preocupación no sector forestal e da madeira, que non era coñecedor da decisión da Xunta. A medida interprétase como un importante paso atrás nas políticas públicas ligadas co monte e coa industria da madeira, pois non só se suprime XERA, senón que se dividen as competencias da cadea forestal – madeira en dúas Consellerías.

Estratexia forestal e da madeira
Se na anterior lexislatura, se perfilara un Plan Forestal, e ligado a el, estaba deseñándose un plan estratéxico para a industria da madeira, esta lexislatura encamiñábase a poñer en marcha políticas para avanzar cara os obxectivos sinalados en ambos plans.

Unha das liñas de traballo xa definidas era a de impulsar a construción pública en madeira, un compromiso que asumira a Xunta o pasado outono, coa idea de que a iniciativa pública servise de exemplo á privada á hora de estender os novos usos da madeira. Que vai ser dese compromiso e das liñas de traballo de XERA en apoio á industria forestal – madeira son agora unha incógnita.

Sobre a mesa de Medio Rural queda tamén pendente a posta en marcha do Rexistro galego de carbono, unha iniciativa que estaba sendo liderada por XERA e que se esperaba para este ano.

Preocupación no sector
A sustitución do conselleiro saínte, José González, por María José Gómez, xa encendera luces de alerta en todos os sectores produtivos do agro, tanto nos gandeiros como nos forestais, pois distintas entidades consultadas nos últimos días aseguraban non entender como, tras 6 anos de González executando a planificación estratéxica do agro, con medidas como o Plan Forestal ou a Lei de Recuperación de Terra Agraria, se lle apartaba da Consellería xusto cando se esperaba que nesta lexislatura se plasmase todo ese traballo previo.

A supresión de XERA afonda na sensación que viña transmitíndose no sector nos últimos días, de ‘borrón e conta nova’ na Consellería, na que se agarda un perfil máis baixo, con menor acción executiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información