Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga o sábado 11 en Cervantes

San Román acolle a 4ª edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, consolidada coma unha das citas de referencia para as explotacións dos Ancares

Un momento da poxa de xovencas de ACRUGA durante a feira do ano pasado

Un momento da poxa de xovencas de ACRUGA durante a feira do ano pasado

A localidade de San Román, en Cervantes, celebra o segundo sábado do mes de maio a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo.

A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo.

Acudirán á cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas. O prazo de inscrición para participar segue aberto até o día 5 de maio nos teléfonos 636280102 e 690265895 e haberá axudas ao transporte dos animais e importantes premios para os mellores exemplares tanto de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León.

Daranse axudas para o transporte aos produtores que acudan co seu gando e importantes premios aos mellores exemplares

O programa inclúe ademais da feira de gando, poxa de xovencas de ACRUGA, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exhibición en vivo dun ferreiro. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada.

Venda de animais para vida

A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.

A poxa de xovencas de Acruga comezará ás 12 do mediodía 

O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro baixos. 

Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira. A que terá lugar este ano o día 11 de maio foi recuperada no 2019 con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.

Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo

Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas.

cartel Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña 2024 (Cervantes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información