As granxas e instalacións agrícolas integradas na paisaxe recibirán un premio da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega vén de abrir a convocatoria no Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, categoría de “Edificacións e instalacións produtivas”, que se estrea por primeira vez este ano. O obxectivo é recoñecer a calidade construtiva e correcta integración paisaxística deste tipo de construcións vinculadas con procesos produtivos no medio rural. Nun contexto máis amplo, a entidade busca darlles protagonismo como elementos que contribúen a mellorar a paisaxe de Galicia e poden servir de referencia social para futuras intervencións.

A tipoloxía de proxectos que poden optar ao premio abrangue desde granxas a fábricas, talleres, adegas, serradoiros, silos, ou instalacións produtivas de calquera sector económico asentado no medio rural, como naves ou plantas industriais, entre outras.

O xurado avaliará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; ou a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terá en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e a capacidade da obra de converterse en referencia social.

Admitiranse intervencións realizadas en Galicia e acabadas nos oito anos anteriores a 2024, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2023. O prazo estará aberto ata o 30 de xuño de 2024 e o fallo darase a coñecer no último cuadrimestre do ano.

As candidaturas poden ser presentadas polos autores ou promotores privados do proxecto ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos galardóns. O xurado tamén poderá premiar proxectos que non se presentasen á convocatoria se os consideran merecedores do galardón.

A dotación económica será de 6.000€ e, se o considera pertinente, o xurado poderá repartir o valor económico entre os autores e o promotor, podendo percibir este último ata o 50% do mesmo. A maiores, e a criterio do xurado, poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles con 1.500€.

Composición do xurado

O xurado do Premio de Intervencións na Paisaxe 2024 estará integrado por dous enxeñeiros de prestixio nomeados pola Fundación Juana de Vega, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (COIIG) e o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG), ou persoa na que delegue, e dous representantes de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, a arte e a cultura. A mesa tamén estará composta por n membro do padroado da Fundación Juana de Vega e o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, que actuará de secretario. A Fundación Juana de Vega, de entre os membros do xurado, nomeará ao presidente.

PremioJuanadeVega-IntervencionsnaPaisaxe2O24_GL-724x1024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información