A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Hoxe en día é imprescindible formarse para levar unha explotación leiteira; a carga normativa é moi elevada”

Gandería Cuíña SC é unha granxa familiar de terceira xeración situada na parroquia de Santiago de Saa, en Lugo. Javier Neira fixo enxeñería técnica agrícola e está á fronte desta gandería que apostou polo muxido robotizado e entrega o leite ao Grupo Lence

Carmen Lence xunto a Javier Neira e os seus pais Clemente e María Teresa, na granxa familiar en Santiago de Saa (Lugo)

Carmen Lence xunto a Javier Neira e os seus pais, Clemente e María Teresa, na granxa familiar en Santiago de Saa

O Grupo Lence

Grupo Lence, grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975, é a única empresa galega entre as 10 produtoras lácteas máis grandes de España. Este é un dato moi relevante tendo en conta que Galicia produce máis do 40% do leite que se produce no país. A través das súas marcas Río de Galicia e Leyma, Grupo Lence só recolle leite en Galicia. É a segunda empresa que máis recolle en Galicia e a única entre as catro primeiras que recolle o 100% na comunidade. Ademais, é a única compañía entre as catro primeiras lácteas españolas que é galega.

O activismo polo rural de Grupo Lence coas ganderías, a economía rural e a loita por manter a soberanía alimentaria é total e, por ese motivo, funciona como empresa tractora impulsando diferentes proxectos dirixidos a fomentar a innovación en toda a cadea de valor. Por exemplo, a compañía encabezou a proposta do PERTE Agroalimentario do sector en Galicia.

A falta de relevo xeracional e de man de obra cualificada son seguramente a día de hoxe os dous principais hándicaps das explotacións leiteiras galegas. Gandería Cuíña SC resolveu os dous problemas a un tempo fai catro anos, garantindo a súa continuidade e apostando pola robotización do muxido como un xeito de lograr maior flexibilización horaria.

“Hoxe en día hai dous factores determinantes á hora de incorporarse ao sector: a rendibilidade económica e a calidade de vida. Calquera rapaz que se queira quedar nisto ten que ter os dous en conta porque a mentalidade cambiou a respecto da xeración dos nosos pais e hoxe queremos poder disfrutar da familia e os amigos”, argumenta Javier Neira López, que ten unha filla de 18 meses.

Hoxe en día os rapaces que nos quedamos nisto queremos calidade de vida para poder disfrutar da familia e os amigos, é un elemento importante máis a poñer na balanza

Xunto aos seus pais, Clemente e María Teresa, Javier está á fronte desta explotación familiar ubicada no lugar de Cuíña, pertencente a Santiago de Saa, unha das 54 parroquias rurais que ten a cidade de Lugo. El está plenamente convencido da decisión que tomou e destaca a tranquilidade de vivir no rural e “o valor de ser dono do teu propio tempo”.

Construción dun novo establo

ganderia Cuinha SC (Lugo)Javier ten 36 anos e leva traballando desde os 22 na explotación, aínda que non se incorporou até o ano 2018, cando decidiu acometer un Plan de Mellora e construír un novo establo de produción para o gando.  

Fai seis anos aproveitamos un Plan de Mellora, ao incorporarme eu, para facer unhas novas instalacións

 “Tiñamos falta de espazo nas instalacións vellas, que eran moi antigas. Fixéranse no ano 1970, aínda que sufriran varias reformas posteriores, pero viamos que non se adaptaban moito ás necesidades que requerían os animais, sobre todo a nivel de iluminación, ventilación e espazo”, recoñece Javier.

“Por iso tomamos a decisión de investir no novo establo e tamén optamos por poñer o muxido robotizado, porque os meus pais están nos 60 anos, próximos á xubilación, e hai que buscar flexibilidade no traballo e menor necesidade de man de obra”, asegura.

Segunda unidade de robot nun futuro

O robot de muxido permítelles unha maior flexibilidade horaria na explotación

O robot de muxido permítelles unha maior flexibilidade horaria na explotación

Neste momento atenden a gandería entre Javier e o seu pai, sen man de obra contratada, pero unha vez Clemente se xubile é consciente de que necesitará algún empregado. “A necesidade de ter traballadores contratados seguramente implicará ter que ir a un incremento de volume”, admite.  

Unha granxa familiar con 120 vacas en muxidura considero que é controlable e manexable

“A nosa idea de cara ao futuro, se hai dispoñibilidade de terra próxima, sería instalar a segunda unidade de muxido. Baixo o meu punto de vista aí é onde estaría a estabilidade para unha explotación familiar deste tipo”, afirma.

“Unha granxa familiar con 120 vacas en muxidura considero que é controlable e manexable e o feito de ter instalado o robot dáche moita liberdade horaria, sobre todo a unha persoa coma min, xa que eu era moi estrito coas horas de muxir”, recoñece. Facíano ás 8 da mañá e ás 7 da tarde.

Limitados pola falta de superficie

Están muxindo neste momento 62 vacas, o límite máximo que lles permite a capacidade do robot e a superficie agraria da que dispoñen, xa que Javier considera ademais que o crecemento da granxa só podería vir sustentado por un incremento parello na superficie agraria, que non abunda polo de agora na zona.  

Nesta zona o terreo que queda libre xa se colle ao momento

“A superficie aquí está moi buscada porque é unha zona moi gandeira e hai varias explotacións grandes que tamén están necesitadas de terra, por iso cando un veciño pecha, as fincas teñen moitos pretendentes e cóllense ao momento”, di.

Historia da granxa

ganderia Cuinha SC (Lugo) instalacions plan de melloraO avó de Javier, do que herdou tamén o nome e o gusto polo coidado do gando, puxera a andar a explotación familiar no ano 1970 como cebadeiro de becerros de curta idade, a coñecida como carne branca, pero en 1977 optou xa por meter vacas de leite. Empezou con 10 e foi aumentando até chegar aos 44 animais en estabulación trabada.

No ano 2000, con Clemente e María Teresa á fronte da granxa, pasan o gando a estabulación libre e instalan a sala de muxido coa que traballaron até o paso ao robot. “Eu empecei muxindo na sala, asentando os coñecementos e as capacidades para dar o salto ás novas instalacións”, recoñece Javier.

Eu xa tiña claro que tarde ou cedo me ía vir para aquí porque as vacas sempre me gustaron moito

Javier fixo primeiro un Ciclo de Formación Profesional de Frío Industrial, “por se fallaba isto”, pero despois de traballar ano e medio fóra decidiu empezar a adicar o seu tempo á explotación e seguir formándose para coller as rendas da granxa familiar, estudando Enxeñería Técnica Agrícola no Campus de Lugo.

“Hoxe é necesario ter un coñecemento moi amplo; tes que estar moi preparado porque a normativa está cambiando continuamente, os requisitos cada vez son máis exhaustivos e tes que estar ao día”, asegura.

Diversificar os ingresos cebando xatos

Ao pasar no ano 2020 as vacas en produción ás novas instalacións, o espazo liberado no establo antigo permitiulles emprender unha nova actividade complementaria á produción de leite, o cebo de xatos de carne, que xa acolleran esas mesmas naves nos anos 70.

“Cebamos unha media duns 25 becerros ao ano porque tampouco temos sitio para máis, xa que o resto está ocupado pola recría. Aproveitamos tanto os xatos como as femias de cruce industrial con limusín que nos nacen a nós como algún outro que mercamos para completar os distintos lotes”, explica Javier.

É unha maneira de aproveitar as instalacións antigas e dar valor aos becerros de cruce industrial que nos nacen na granxa

“É unha maneira de diversificar os ingresos e aproveitar as instalacións antigas”, contan. Cébanos a base de penso e palla, que sufriu este ano un importante encarecemento, e véndenos entre os 10 e os 11 meses, procurando darlles saída nos meses do verán, que é cando máis demanda hai e máis vale a carne.

Busca de lonxevidade no rabaño

ganderia Cuinha SC (Lugo) benestar animal cama carbonato e serrinGandería Cuíña está a empregar seme sexado nas xovencas e cruce industrial nas vacas. “Con 20 xatas ao ano temos cuberta a taxa de reposición necesaria na granxa, a nós as vacas dúrannos bastante, temos a media en 3,5 lactacións”, detalla Javier.

Aumentaron unha media de 6 litros por vaca ao instalar o robot

Outra das características que procuran a nivel xenético é un equilibrio nos animais. “Sempre me gustou apostar por vacas finas e morfoloxicamente moi correctas. Leite considero que non é excesivo o que estamos facendo pero as vacas son lonxevas e funcionais”, destaca.

A media de produción da granxa está neste momento nos 36 litros, cun 4,10-4,20% de graxa e entre un 3,40 e un 3,50% de proteína. Aumentaron unha media de 6 litros por vaca ao día ao instalar o robot e consideran que aínda teñen marxe de mellora.

“É mellor aforrar un metro de formigón no pasillo de alimentación e darllo ao pozo do purín para ter máis capacidade de almacenamento para o xurro”

Javier Neira, no establo novo construído no ano 2020

Javier Neira, no establo novo construído no ano 2020

Na parte agraria, gandería Cuíña traballa neste momento unhas 30 hectáreas, o 60% en propiedade e o resto arrendadas. Tratan de coidar o solo e non fan un manexo moi intensivo del, apostando por levantar a pradeira cada tres campañas, no canto de facer rotacións dentro do mesmo ano en todas as parcelas, aproveitando para iso o cultivo de millo, que van movendo polas distintas fincas.

“Nesta zona case todas as terras valen para levar millo e o que facemos é botar entre 12 e 15 hectáreas cada ano, cambiando de fincas nos dous anos seguintes, para que a pradeira nos dure un pouco máis”, explica Javier.

“Aquí hai uns rendementos aceptables de millo, duns 45.000 quilos por hectárea de media, o que nos permite labrar menos superficie. O ano pasado, por exemplo, chegamos aos 48.000 quilos”, conta.

Cambio de cultivo cada tres anos

Ao optar por pradeiras plurianuais sementan unha mestura de raigrás inglés con trevo violeta, que ensilan a un só corte. “Empezamos a implantar esa mestura fai xa 7 anos e como facemos a rotación a tres anos compénsache”, xustifica.

Apostamos por pradeiras plurianuais de raigrás inglés con trevo violeta

“O raigrás inglés dáche outra marxe de traballo á hora de ensilalo, que é útil en anos nos que vén tempo inestable, porque non espiga tanto como un raigrás italiano nin encama tan doado, ademais de que nutricionalmente aporta máis proteína á ración”, engade.

Aínda que Javier se considera “máis gandeiro que agricultor”, a súa formación específica neste ámbito permítelle optimizar as producións. “Facemos un único corte a finais de abril, ou comezos de maio se o inverno vén moi duro, e logramos unha media de entre 20.000 e 25.000 quilos de materia verde por hectárea”, detalla.

Na herba para ensilar facemos un único corte a finais de abril e a partir de setembro botamos fóra as xovencas e vacas secas

“Entender os procesos da planta axúdache a non precipitarte á hora de tomar decisións; antes facías moitas cousas por rutina ou por inercia, pero ao mellor non era o acertado, agora hai que afinar moito máis á hora de aplicar abonos ou fitosanitarios, tanto polas limitacións normativas existentes como polo seu custo”, razoa.

Socios de Aira

ganderia Cuinha SC (Lugo) datos dixitalizacion caderno dixital

A análise de datos que aporta a dixitalización forma parte do día a día do traballo de Javier na gandería

Para a elaboración da ración unifeed de alimentación acode á granxa todos os días o carro mesturador da cooperativa Aira, da que son socios. Neste momento a ración de produción das vacas de leite leva 25 quilos de silo de millo, 28 de silo de herba e 7 de penso, máis os 5 que suplementa a maiores o robot de muxido.

Para abaratar o custo de alimentación, os lotes de vacas secas e xovencas preñadas están en pastoreo unha parte do ano. “A partir do mes de setembro, en canto baixa algo o calor, botamos as vacas secas e as xovencas fóra e até o mes de decembro ou xaneiro están no pasto, polo que o corte de limpeza nas pradeiras xa nolo fan elas”, contan.

A nivel de maquinaria, teñen investido na compra daqueles apeiros que lles permite ser máis autónomos, subcontratando o resto das tarefas. “O traballo agrario facémolo practicamente todo nós agás sementar o millo e picar a herba e o millo para ensilar”, explica Javier.

Aproveitar ao máximo o abono orgánico

Coas novas esixencias normativas en materia de fertilización, Javier salienta a necesidade de que as explotacións gandeiras conten con capacidade suficiente de almacenamento de xurro, para deste xeito aproveitalo nos momento óptimos, reducindo deste xeito o uso de abonos de síntese química.

“Se en algo non hai que escatimar é en fosa de xurro. É mellor facer un metro menos de pasillo de alimentación e darlle un metro máis ao pozo do purín para gardalo para cando é máis necesario”, opina.

O carbonato sae máis caro que a area, pero aportas nutrientes á terra e estabilidade no pH do solo

Gandería Cuíña emprégao sobre todo en tres momentos ao longo do ano: abonado das pradeiras en febreiro e marzo de cara ao ensilado da herba en primavera, sementeira do millo en maio e sementeira da pradeira en outubro.

Nas camas do novo establo empregan unha mestura de carbonato (60%) con serrín (40%), que aporta comodidade ao gando no seu descanso e mellora a calidade agronómica das fincas, subindo o pH do solo e aportando materia orgánica ás terras e pradeiras á hora de abonar con purín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *