Luis Lucendo proxecta instalar en Castro de Rei unha planta láctea con apoio da Xunta

O empresario castelanmanchego, último propietario da antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei, reaparece cunha nova fábrica para facer queixo crema e obter proteína láctea. Mercou tamén unha serie de granxas en Galicia, que suministrarán á planta

Antigua nave de Allplas en el polígono industrial de Castro Riberas de Lea adquirida por Luis Lucendo

Antigua nave de Allplas no polígono industrial de Castro Riberas de Lea adquirida por Luis Lucendo

Unha carpintería metálica reconvertida en planta de derivados lácteos. Ese é a nova iniciativa empresarial que empeza a tomar forma na antiga nave de Allplas en Castro de Rei (Lugo), situada no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea e que entrara en concurso de acreedores hai 10 anos.

Detrás deste novo proxecto lácteo atópanse os últimos propietarios da planta de Pascual en Outeiro de Rei, desmantelada tras entrar tamén en concurso de acredores e vendida logo a Reny Picot.

As obras de remodelación da antiga fábrica de ventás de aluminio e PVC de Castro xa comezaron e os promotores esperan poder instalar no mes de xullo a maquinaria necesaria para fabricar queixo de untar e proteína, entre outros produtos.

A maquinaria procede de Italia e será instalada o mes que vén

“É un investimento importante e conta con axudas da Xunta”, aseguran fontes de Dairy Food, a empresa promotora, que prefiren manter o anonimato e non concretar cifras. Preguntada expresamente por este asunto, a Consellería do Medio Rural nega que exista ningunha subvención deste departamento a nome desta empresa e destinada ao proxecto de Castro pero si unha axuda de case un millón de euros concedida en 2023 a nome de Queixería Silvela SL, integrada en Dairy Food, para instalar unha nova queixería en Friol.

Os promotores aseguran que se trata dun “investimento importante” e que conta con subvencións da Xunta

“Temos concedidas subvencións destinadas tanto ao proxecto industrial como a un proxecto na granxa, así como préstamos e créditos do IGAPE pendentes de asinar a semana que vén”, concretan por parte da empresa, que posúe tamén desde hai un ano varias granxas en Palas de Rei.

Dairy Food Spain SL

O empresario castelanmanchego Luis Lucendo Serrano figura no Rexistro Mercantil como socio único de Dairy Food Spain SL, creada no 2014 e actualmente con domicilio social en Madrid.

A empresa, denominada anteriormente (até agosto de 2021) Laboratorio Agrícola y Enolóxico de la Mancha SL, constituíuse fai dez anos en Argamasilla de Alba (Ciudad Real). Conta cun capital social de 4 millóns de euros, tras varias ampliacións realizadas no 2021, e unhas vendas declaradas nese exercicio de 2,5 millóns de euros.

Laboratorio Agrícola y Enolóxico de la Mancha SL pasa a denominarse Dairy Food Spain SL en 2021 e, tras varias ampliacións de capital, traslada a súa sede a Madrid

Luis Lucendo leva anos coa vista posta no sector lácteo galego, desde a compra en 2014 da planta de Herrera de Pisuerga (Palencia) a través de Quesería Ibérica e posteriormente a súa aterraxe en Outeiro de Rei en 2019 con IberFrixia, a joint-venture con Tegestacín.

A planta palentina, con marcas como Santé, Campoduero e Granja La Luz, entrou en concurso de acredores tras recibir importantes axudas da Junta de Castilla y León para tentar reflotala, pero foi definitivamente vendida e liquidada, o mesmo final que tivo tamén a fábrica de Outeiro de Rei.

Luis Lucendo conta ademais con empresas de investimento, como Lucendo Capital SL

Agora, tralo fracaso de Santé Ibérica Grupo Alimentario SL, a aventura láctea de Luis Lucendo renace a través de Dairy Food Spain SL e con dúas frontes abertas: a posta en marcha dun proxecto industrial e a compra de ganderías. “O obxectivo é aglutinar granxas lácteas como ocorre xa en porcino e avicultura”, comparan fontes da empresa, que adquiriu a primeira explotación en Palas de Rei a finais de 2022 a través de Agrupación de Ganaderos Gallegos SL.

Compra de granxas en Palas e produción de millo en Castro de Rei

Nave de produción de Gavieiro e Hijos SL na parroquia de Mosteiro, en Palas

Nave de produción de Gavieiro e Hijos SL na parroquia de Mosteiro, en Palas de Rei

O 3 de xaneiro de 2023 inscríbese no Rexistro Mercantil a adquisición da empresa Agrupación de Ganaderos Gallegos SL por parte de Dairy Food Spain SL. Agrupación de Ganaderos Gallegos iniciara a súa actividade tan só uns días antes, o 28 de decembro de 2022, cun capital social de 520.000 euros e a través dela o empresario de Castela-A Mancha leva ano e medio adquirindo explotacións lácteas en Galicia. 

Agrupación de Ganaderos Gallegos, que pertence a Dairy Food, iniciou a súa actividade a finais de 2022 cun capital social de 520.000 euros

Rodeado de vellos coñecidos no sector lácteo en Galicia, Luis Lucendo fíxose gandeiro comprando Gavieiro e Hijos SL, unha explotación situada no lugar de Castro, na parroquia de Mosteiro de Devesa, no municipio de Palas de Rei, que acometera numerosos investimentos nos últimos anos. e que tiña pasado por dificultades económicas e cambiado xa de mans coa entrada no accionariado dun empresario do sector da construción. 

Empezaron a comprar as granxas a finais do 2022, cando o leite se pagaba a 60 céntimos

O leite pagábase neses momentos (finais de 2022 e principios de 2023) a máximos históricos, chegando mesmo a superar os 60 céntimos o litro en orixe e o novo grupo non tardou en facerse con outra granxa veciña, Gandería Arias SC, situada no lugar de Covelo, no mesmo concello de Palas, que pechaba por xubilación do seu dono, mediante unha fórmula de aluguer con opción de compra.

Nestes momentos contan con outras dúas granxas en Palas, unha en Vilareda e outra en San Xorxe de Augas Santas, e entre todas suman máis de 600 cabezas en muxido, aínda que o plan é moito máis ambicioso e prevé chegar no curto prazo aos 1.350 animais en produción mediante a construción dunha nova granxa para 750 vacas e un centro de recría en conxunto para as catro ganderías.

Nos últimos meses estiveron comprando vacas e forraxe e a súa intención é chegar aos 1.350 animais en produción cunha cuarta granxa e montar un centro de recría en conxunto e un cebadoiro de becerros

Nas súas granxas de Palas acometeron xa distintas ampliacións e iniciaron a construción de novas naves con material reutilizado, procedente dunha fábrica de pensos desmantelada en Castela-A Mancha. A maiores, teñen previsto instalar sistemas de tratamento e separación de xurros nas ganderías para a súa venda posterior como fertilizante, así como montar un cebadero de xatos.

Pero os plans de expansión non se limitan só a Palas de Rei. Nos últimos meses compraron tamén as vacas da gandería SAT Catro Camiños, situada en Matodoso (Castro de Rei), e converteron os seus silos nunha especie de centro loxístico para ensilar, entre outras, a finca de 30 hectáreas que alugaron en Bazar pagando prezos moi por enriba dos que estaban ofrecendo outras ganderías da zona.

Entre as catro granxas actuais dispoñen dunhas 300 hectáreas de superficie agraria, insuficientes para alimentar a todo o gando, polo que compraron tamén millo da última colleita e grandes cantidades de subprodutos como pulpa de remolacha ou bagazo de cervexa.

Operando desde Rábade a maquila

A produción das granxas do grupo é nestes momentos duns 42.000 litros diarios, que venden a CAPSA, unha parte directamente e outra parte a través da cooperativa AIRA, que lles subministra o penso e que como garantía de cobro esixiu a recollida dunha parte da produción de leite.

Dado o historial previo de impagos de CLEA, Tegestacin e Grupo Santé, algúns gandeiros esixen medio mes por adiantado para entregarlles o leite

Ademas, Dairy Food opera tamén como primeiro comprador de leite, vendendo despois en cisternas a distintas industrias tanto leite enteiro como semidesnatado e concentrado, así como nata. Para estas operacións, están a traballar na actualidade a maquila na planta de CLEA en Rábade, na que tamén opera Leite Pascual.

Proxecto industrial en Castro

Pero a intención de Dairy Food é dispoñer da súa propia planta de procesado despois do verán (setembro-outubro) en Castro Ribeiras de Lea, onde xa comezaron as obras de reforma para acondicionar a nave que albergara a fábrica de ventás de Allplas.

Estaría enfocada a transformar a produción de leite propio das tres granxas actuais do grupo, así como o crecemento futuro previsto, máis que á compra de leite a gran escala, admiten desde a empresa.

A empresa está a tramitar nestes momentos a marca comercial Cheesitos Dairy Food

A maquinaria vén de Italia e estará instalada en xullo coa intención de empezar a producir no outono proteína láctea e distintas gamas de queixos (fundidos, cremas, tranchetes). A empresa está a tramitar nestes momentos a marca comercial Cheesitos Dairy Food.

O Grupo Santé xa facía en Outeiro queixo crema de marca Frixia, que se vendía en cadeas de supermercados como Gadis, elaborado a partir de soro e subprodutos doutras fábricas, así como leite en brick barato tamén da mesma marca.

Faremos produtos máis especializados que os que se facían en Outeiro de Rei

“En Castro é distinto, porque se vai traballar cunha materia prima nobre, que é o noso propio leite”, afirman desde Dairy Food. “Imos a outra liña de produto que en Galicia non se fai nestes momentos. O máis parecido podería ser o que fai Quescrem”, admiten. Do mesmo xeito que no caso de Innolact, o principal destino dos produtos de Dairy Food sería o mercado internacional, aseguran.

Outra das gamas de produto que prevén elaborar en Castro son derivados lácteos. “Imos facer tamén proteína, pero cun sistema distinto a Inleit, porque non vai ser unha torre de secado de leite en po, vaise usar un roller, que é un sistema que é rendible con menor volume de leite”, indican.

O secado para a obtención de proteína láctea levarase a cabo mediante a técnica ‘roller’

Para a obtención de leite en po, o leite líquido é sometido a un proceso de deshidratación para o que existen varias técnicas dispoñibles: secado por spray, secado roller e secado mediante conxelación ou liofilización.

En Europa a tecnoloxía máis habitual é a primeira, mediante atomización, no que o secado vai precedido da evaporación do leite. A técnica roller, sen embargo, consiste en pasar o leite por uns cilindros que manteñen a súa superficie a temperaturas superiores a 100ºC. Mediante este sistema obtense unha porcentaxe de graxa libre no po moito máis elevada, unha característica interesante se a finalidade do produto é a súa utilización na industria de alimentos preparados.

Queixería Silvela, nova vida para Leiteco en Friol?

A posta en marcha do proxecto en Castro vén precedida doutra iniciativa en Friol, por agora sen executar e que podería non levarse a cabo finalmente: a posta de novo en funcionamento das instalacións que albergaron a antiga queixería Leiteco.

Leiteco Lácteas de Friol SL, dedicada a fabricar distintas variedades de queixo, foi creada en 1990 por varios socios, entre eles Manuel Boado Paz e José Alfonso Gesto Peña, e entrou en concurso de acredores en 2009. A empresa, afincada en Casal da Vella, na parroquia de Carballo, chegou a ter 9 empregados e a facturar 3 millóns de euros.

O investimento en Castro sería máis do dobre do que estaba previsto en Friol

O proxecto para reflotar a queixería foi presentado ante a Xunta por Queixería Silvela SL, a empresa constituída o 25 de marzo de 2022 cun capital social de 3.000 euros, con David Cañete Fernández como Administrador único e con domicilio social na estrada de Caboi s/n (Rábade). É o enderezo da planta de CLEA e onde está domiciliada tamén a empresa Lácteas Reunidas Galegas SL, da que tamén é administrador David Cañete.

A compra de Leiteco revela de novo as relacións entre Luis Lucendo e Segundo Herrero, propietario da planta de CLEA en Rábade

Pero en abril de 2023 a empresa cambia o seu domicilio a Friol e no mes de outubro pasa a ser propiedade de Dairy Food Spain SL, nomeando administrador único a Sebastián Simón Rojo, vinculado anteriormente a Zumos Palma SL, con sede en Aranda de Duero e propietaria da planta de Zumosol comprada por Luis Lucendo en 2019.

Na actualidade Queixería Silvela está extinguida como sociedade, sendo absorbida por Dairy Food Spain SL o pasado día 8 de abril, pero mantén a subvención de case un millón de euros concedida pola Xunta o ano pasado.

Queixería Silvela SL foi absorbida con data 8 de abril de 2024 por Dairy Food Spain SL pero mantén unha subvención da Xunta de 951.000 euros concedida en 2023

“Queixeria Silvela SL ten unha subvención concedida en 2023 (DOG nº 154 do 14 de agosto de 2023) ao amparo da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), para instalar unha nova queixería en Friol. A axuda concedida é de 951.701,60€ para un investimento subvencionable de 4.172.342€, a executar en 3 anualidades: 2023, 2024 e 2025. Nesta Consellería non figura ningunha outra axuda para esta empresa, así como tampouco para Dairy Food Spain SL”, aseguran na Consellería do Medio Rural, onde recoñecen que, malia o cambio de propietario, “non nos consta que renunciasen a día de hoxe a esta axuda concedida”. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información