Reducir emisións: a nova esixencia das industrias lácteas ás ganderías

Multinacionais como a suíza Nestlé ou a francesa Danone son a avanzadiña das prácticas medioambientais que se aveciñan. Algunhas explotacións galegas están xa aplicando medidas tanto a nivel de granxa como de cultivos forraxeiros e vense recompensadas con primas que valoran o seu esforzo con ata dous céntimos en litro

Ganaderia Xuiz vaca pradeira pastoreo

Trala universalización do certificado de benestar animal, a redución de emisións de CO2 converterase nos próximos anos na nova esixencia das industrias lácteas ás ganderías ás que compran o leite.

Multinacionais como a suíza Nestlé ou a francesa Danone introduciron xa programas enfocados a este obxectivo nas súas granxas provedoras, con primas asociadas para incentivar as boas prácticas en materia ambiental e de pegada de carbono das súas ganderías.

No caso de Danone, que recolle o leite en Galicia a unhas 60 explotacións, aplica en todas elas un programa de redución de emisións que inclúe unha auditoría anual por granxa que se centra en aspectos como a xestión de xurros e estercos e a súa utilización como abono orgánico ou a substitución de soia por colza nas racións de alimentación do gando.

A empresa prima o compromiso das súas granxas provedoras coa redución de emisións de CO2 cun plus de 0,3 céntimos por litro de leite, instaurado por primeira vez na renovación de contratos de xaneiro de 2022.

Empresas como Pascual ou Naturleite empezaron tamén xa a incluír aspectos ambientais nos seus contratos

Nestlé, pola súa banda, aplica un bonus con tres baremos (de 1 céntimo, 1 céntimo e medio ou 2 céntimos por litro de leite) en función do nivel acadado por cada granxa na súa auditoría de medio ambiente, que supervisa unha consultora internacional independente.

Outras industrias, como Pascual ou Naturleite empezaron tamén a establecer primas ambientais específicas, que a empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP desvincula da certificación de benestar animal. Así, esta prima por sustentabilidade, de medio céntimo por litro, o mesmo importe que por superar a puntuación requirida na auditoría de benestar, está condicionada unicamente a asinar un documento de compromiso ambiental e á adopción do Plan Nacional de Redución de Antibióticos (PRAN).

Financiar melloras nos establos a cambio do carbono

Para axudar ás súas ganderías a lograr avances significativos na redución da súa pegada de carbono Nestlé achega asesoramento especializado e financia ata o 50% dos investimentos necesarios nas explotacións, tanto cubrición de fosas de xurro e instalación de separadores da fracción sólida, como placas solares.

A cambio, as ganderías asinan un contrato a 10 anos nos que se comprometen a entregarlle a súa produción de leite á empresa e permitirlle computar como propia esa redución de emisións de CO2, que pasarían a ser créditos de carbono da empresa.

Nestlé pretende lograr unha redución do 20% das emisións nas súas granxas o próximo ano

A multinacional suíza propúxose, como compañía, reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) á metade en 2030 e lograr as cero emisións netas en 2050. Para conseguilo, está a levar a cabo programas de redución de emisións a nivel de granxa nos países nos que está presente co obxectivo de que as súas explotacións agrícolas e gandeiras provedoras sexan tamén neutras en carbono a mediados de século.

A multinacional suíza está a levar a cabo accións similares noutras das súas liñas de negocio en España, que inclúen chocolates, cacao (Nesquik), cereais, cafés (Nescafé e Bonka), alimentación infantil, pastas (Buitoni), bebidas (Nestea), auga (Aquarel e Viladrau), sopas (Maggi), pratos preparados (Litoral), salsas (Solís), ou alimentación de mascotas (Purina).

Nestlé facturou 1.526 millóns de euros no mercado español durante o ano 2023, o que supón un incremento do 5,3% respecto ao ano anterior

Nestlé posúe 10 centros de produción en España. En conxunto, todas as fábricas reduciron un 24% as emisións de dióxido de carbono respecto ao ano 2022 e a compañía está a empezar a traballar tamén nese ámbito na parte de loxística. Ademais dun tráiler 100% eléctrico, está en marcha un proxecto piloto que usa aceites vexetais transformados en biocombustible avanzado para camións que logra reducir un mínimo do 80% das emisións.

Aditivos nos pensos que reducen as emisións de metano

Ao redor dun terzo dos gases de efecto invernadoiro que produce unha explotación láctea procede do metano xerado debido á fermentación entérica no rumen das vacas. Por iso, actuar neste campo convértese en esencial para lograr unha redución significativa das emisións de CO2 totais nas ganderías.

Desde hai dous anos existe no mercado un aditivo que logra reducir estas emisións ata nun 30%, segundo os ensaios con animais levados a cabo por un equipo de investigación da Estación Experimental do Zaidín de Granada (CSIC), que probou a eficacia deste composto.

O seu uso está autorizado unicamente a fábricas de pensos, pero non directamente por parte das ganderías

Tras un informe positivo da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA, polas súas siglas en inglés) a comercialización deste aditivo está autorizada en Europa, aínda que o seu uso está permitido unicamente en pensos elaborados por empresas fabricantes e non directamente por parte das ganderías.

Por iso, empresas como Nestlé están a traballar nestes momentos con fábricas españolas, varias delas en Galicia, co obxectivo de que inclúan ás súas granxas este composto nos pensos que fabrican de forma personalizada para elas, seguindo a formulación proporcionada pola empresa láctea, que se fai cargo do custo do produto.

efecto de la digestibilidad de la ración sobre la produccion de metano

Unha estratexia similar está a empezar a implantar tamén Danone en Galicia en colaboración con fabricantes de penso como Aira ou Nudesa. O grao de redución de metano logrado por este aditivo químico que actúa sobre unha encima que inhibe a súa produción no rume non é o mesmo en todas as granxas, xa que depende de varios parámetros da composición da ración coa que se alimentan as vacas, sobre todo da fibra neutro deterxente (FND), a porcentaxe de graxa e a materia seca.

Canto máis fibrosa sexa a ración menos emisións reduce, polo que os seus efectos son maiores en ganderías que aplican cantidades importantes de concentrado e moito máis reducidas en dietas baseadas en pastoreo e forraxes de herba.

O aditivo contén a molécula 3-nitrooxypropanol (3-NOP), que inhibe a actividade das bacterias ruminais que emiten o metano

O aditivo contén a molécula 3-nitrooxypropanol (3-NOP), que inhibe directamente a actividade das arqueas metanoxénicas, os microorganismos responsables da produción de metano no rume, conseguindo unha redución significativa das emisións sen afectar á dixestión nin á saúde do animal.

Paso á agricultura rexenerativa

Nestlé empezou a traballar tamén en España coa Fundación Global Nature, dedicada á protección de hábitats e biodiversidade en zonas agrícolas, co obxectivo de reducir as emisións asociadas ás granxas que conforman a subministración láctea da compañía suíza.

En 2021 a empresa e a ONG puxeron en marcha o seu proxecto piloto Net Zero, que se estendeu xa a máis de 70 granxas, que representan na actualidade máis do 50% do seu aprovisionamento lácteo, onde se miden as emisións que xeran cada unha delas e se revisan as boas prácticas realizadas para reducilas.

Partindo destes estudos en campo, Nestlé creou un catálogo de medidas de mitigación a implantar de forma progresiva nas 200 granxas situadas en Galicia e na cornixa cantábrica que fornecen de leite á empresa.

Nestlé está a desenvolver outros proxectos similares en Suíza (Climate-friendly Milk), Reino Unido (First Milk) e no resto de países nos que está presente

A nivel agrícola, a empresa está a fomentar entre as súas granxas prácticas máis respectuosas co chan co obxectivo de que o próximo ano (2025) o 20% do leite que compra proceda de explotacións que apliquen nos seus cultivos forraxeiros prácticas de laboreo, sementeira ou abonado baixas en carbono, tales como a rotación de cultivos, a introdución de especies mellorantes, a sementeira directa con mínimo laboreo ou dedicar o 10% da superficie da explotación a elementos que fomenten a biodiversidade, como sebes ou muros de pedra nos lindes das parcelas.

Todas estas medidas van en sintonía co promulgado pola Comisión Europea na nova PAC, aínda que tralas recentes protestas de agricultores e gandeiros en diversos países europeos Bruxelas optou por flexibilizar o seu cumprimento. Pero xa sexa vía normativa ou por incentivos das industrias, todo fai prever que a redución da súa pegada de carbono será o próximo reto para as explotacións lácteas.

gases efecto invernadero en España

Distintas estratexias de redución: desde programas oficiais en países como Irlanda ou Suiza a impostos en Dinamarca ou Nova Zelandia

Mentres en España os primeiros pasos para a redución de gases de efecto invernadoiro en granxas lácteas parten do propio sector, neste caso das industrias lácteas (o Ministerio de Agricultura iniciou tan só un estudo incipiente sobre o contido en carbono dos chans agrícolas españois), en países como Irlanda ou Suíza desenvólvense desde hai anos programas estatais dirixidos á redución de emisións nas ganderías e ao secuestro de carbono nos chans agrícolas.

A Autoridade de Desenvolvemento da Agricultura e a Alimentación de Irlanda (TEAGASC) é un referente en toda Europa xa que conxuga ao mesmo tempo unha importante rede de centros de investigación agrogandeira cun corpo de 250 asesores que trasladan directamente este coñecemento ás 15.000 granxas que existen na República de Irlanda.

O Ministerio de Agricultura iniciou un estudo aínda incipiente para medir o contido en carbono dos chans agrícolas españois

A través dos seus especialistas, este organismo público asesora ás explotacións irlandesas en prácticas de abonado, xestión do pasto, alimentación do gando ou incremento da eficiencia produtiva, cun programa específico para a medición do carbono orgánico nos chans.

Mentres, en Suíza, o Goberno helvético lanzou en 2023 a súa nova estratexia climática para a agricultura co fin de mellorar a súa sustentabilidade. O país alpino proponse reducir nun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes do sector agrícola con respecto aos niveis de 1990 e conta tamén cun programa específico para aplicar nas 19.000 ganderías lácteas familiares existentes.

Flatulence Tax’ en Nova Zelandia

En Nova Zelandia, do mesmo xeito que está a valorar tamén facer Dinamarca, as autoridades optaron por establecer un imposto específico para gravar as emisións gandeiras. A partir do ano 2025 os produtores de gando de Nova Zelandia (que ten 5 millóns de habitantes pero 26 millóns de ovellas e 10 millóns de vacas) deberán cumprir novas condicións ao aplicarse este novo imposto (Flatulence Tax) que gravaría as emisións de metano e óxido nitroso do gando.

Segundo o plan presentado en outubro de 2022 pola entón primeira ministra Jacinta Ardern, a partir do próximo ano os gandeiros neozelandeses deberán pagar unha taxa baseada no cálculo das emisións dos seus rabaños. O diñeiro recadado polo imposto devolveríase ao sector para investigación, tecnoloxía e o pago de incentivos aos agricultores e gandeiros polos seus esforzos para reducir os gases de efecto invernadoiro (plantando árbores nas súas terras, por exemplo).

A partir de 2025 os gandeiros neozelandeses pagarán un imposto baseado no cálculo das emisións de metano e óxido nitroso dos seus rabaños

En Nova Zelandia a contribución proporcional da agricultura e a gandería ao total de gases de efecto invernadoiro é do 40%, 4 veces máis que en España e o dobre que en Francia. En Irlanda esa mesma porcentaxe sitúase no 35%.

Aínda que Nova Zelandia estivo investigando sobre o secuestro de carbono nos chans, non ten un sistema de bonos de carbono como o de Australia, algo que os produtores neozelandeses propoñen impulsar. Tamén reclaman cambiar o sistema de cálculo, xa que a métrica GWP100 utilizada polo Goberno sobreestima o impacto do metano bioxénico no quecemento global e critican a política de forestación de pastos e terras agrícolas.

O país busca cumprir o seu obxectivo de emitir un 10% menos de metano para 2030 e avanzar cara a unha redución de polo menos o 24% para 2050. Tamén para mediados de século, Nova Zelandia pretende chegar a cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro de longa duración, como o dióxido de carbono e o óxido nitroso.

O exemplo da cooperativa Arla en Dinamarca

No caso de Dinamarca, o Goberno danés tamén prepara actualmente unha taxa por emisión de CO2 nas explotacións que está a levantar polémica no sector, que reclama que se teña en conta tamén para o cálculo o secuestro de carbono por parte dos cultivos.

Hai varios escenarios posibles para este novo imposto, que podería supoñer entre 200 e 1.000 euros por vaca e ano, vinculado á introdución de tecnoloxías e prácticas nas granxas que permitan reducir as emisións.

O Goberno danés prepara unha taxa por emisión de CO2 nas explotacións

Como en Irlanda, onde o 90% do leite do país é procesado por cooperativas (a principal é Kerry Group), a produción láctea danesa está controlada pola cooperativa Arla Foods. Con sede en Viby (Dinamarca) é o resultado da fusión no ano 2000 da cooperativa láctea sueca Arla e a danesa MD Foods. Esta cooperativa multinacional é a cuarta compañía en volume de recollidas a nivel mundial. Está presente en toda Escandinavia, así como en Alemaña e é o maior produtor de lácteos do Reino Unido. Conta ademais con factorías en lugares como Arxentina ou Barhein (Oriente Medio é o principal mercado de Arla fóra de Europa).

Xunto coas normativas aplicadas polo Goberno danés, Arla é moi esixente coa sustentabilidade ambiental e o benestar animal nas explotacións, aplicando uns incentivos para as granxas con prácticas positivas.

Desde o 2023, o prezo do leite dos gandeiros de Arla depende en boa medida das súas prácticas ambientais, xa que ata 3 céntimos por litro (que representan un 7% do prezo que perciben polo leite), está relacionado coas súas actividades de sustentabilidade, ademais do céntimo a maiores por enviar datos dentro do programa Climate Check, posto en marcha en 8.000 granxas de sete países europeos.

Ata 4 céntimos por litro de leite dependen en Arla das prácticas ambientais implementadas polas granxas

O modelo de Incentivo á Sustentabilidade fai que o prezo do leite que os produtores de Arla reciben non dependa en exclusiva da graxa, a proteína e outros parámetros de calidade, senón tamén das súas actividades en materia de sustentabilidade. Os gandeiros que entregan leite á cooperativa son recompensados en función dos puntos que logren dentro dun baremo con ata 100 puntos como máximo no que cada punto xera 0,03 céntimos por litro de leite producido.

As distintas categorías nas que as granxas poden obter puntos son: manexo de xurros e estercos, uso de pensos sostibles, utilización de fontes de electricidade renovables, técnicas de cultivo que primen a captura de carbono e a biodiversidade, eficiencia alimenticia e proteica, redución no uso de fertilizantes químicos, lonxevidade do rabaño etc.

A compañía pretende lograr deste xeito o obxectivo de reducir un 30% as emisións de gases de efecto invernadoiro por litro de leite tomando como ano base o 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información