Romina e Sergio, de Mallorca á Capela para adicarse ao cultivo da castaña

Romina Paula e Sergio González son un matrimonio que decidiu cambiar Mallorca por A Capela para vivir no campo e emprender un novo negocio co froito das súas leiras.

Romina e Sergio, de Mallorca á Capela para adicarse ao cultivo da castaña

Romina Paula e Sergio González son un matrimonio que decidiu cambiar Mallorca por A Capela para vivir no campo e emprender un novo negocio co froito das súas leiras.

Como eran totalmente novos no mundo agrónomo decidiron formarse acudindo a varios cursos, acabando como finalistas co seu proxecto no XI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, premio que gañaría finalmente a Cooperativa Vélaro.

Falamos con Paula Romina sobre o seu proxecto empresarial de produtos derivados da castaña para profesionais da alimentación, ao que lle puxeron o mesmo nome que ten o pobo no que viven e producen, Porto do Corgo.

Como xurdiu este proxecto?

O meu marido e eu levabamos tempo pensando en ir vivir ao campo, e o confinamento intensificou máis esas ganas, cando nos vimos encerrados en apartamentos. Un coñecido recomendounos buscar por esta zona e entón atopamos esta leira. Eran unhas 6 hectáreas e 4 son de castiñeiros, uns 800 exemplares duns 30 anos, como especificaba no anuncio. Empezamos a informarnos, porque non tiñamos nin idea de como xestionar os castiñeiros e chegamos á conclusión de que podiamos mudarnos aquí e desenvolver un negocio en base a eses castiñeiros coa formación e medios axeitados. Todo isto foi hai dous anos. Desde entón non paramos de formarnos sobre o coidado destas árbores e os modelos de negocio posibles en base á castaña. Isto xurdiu da necesidade de buscar un sitio máis coherente connosco. Somos amantes da natureza e aquí a calidade de vida é extraordinaria.

En que fase se atopa agora mesmo o proxecto?

Seguimos na fase de embrión, en proceso de desenvolvemento. Levamos dous anos formándonos en cuestións relacionadas co coidado de castiñeiros, acabamos de comprar un tractor para poder traballar a leira mellor… Tamén estamos a facer probas para producir fariña e outros derivados da castaña obtendo a mellor calidade. Esperamos constituírnos como empresa e empezar a comercializar a final deste ano 2024.

Cales son as principais dificultades e axudas que vos atopades?

Pois a maior dificultade e axuda ao mesmo tempo é a ignorancia, o empezar un proxecto de cero, sen ter nin idea de como funciona un bosque, os castiñeiros… Ir aprendendo iso é a maior dificultade e á vez a mellor ferramenta porque nos axuda a buscar respostas e seguir crecendo na produción agrícola.

Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega e por que decidistes apuntarvos?

A formación e apoio que che dá a Fundación Juana de Vega é riquísimo. Dáche unhas bases para que ti o día de mañá poidas desenvolver e implantar un proxecto tendo en conta unhas cousas que de forma natural non saberías medir, porque non tes esa formación e información como os estudos de mercado e financeiro, coñecer aos teus clientes… Dáche as ferramentas para que o teu proxecto sexa o máis exitoso posible, así que esta Fundación para nós é un exemplo a seguir, axúdanos a entender e valorar mellor os produtos de Galicia. Apunteime basicamente porque non tiña nin idea deste mundo e parecíame imprescindible antes de emprender ter unha base. Primeiro fixen un curso moi sinxelo a través da Rede Rural Nacional, logo atopei dos cursos de Juana de Vega, pasei as probas e acabamos finalistas.

Que obxectivos perseguides a curto e longo prazo?

A curto prazo, como dixen antes, constituír a empresa e empezar a comercializar, se todo sae ben, a finais deste ano. A longo prazo ir incorporando novos produtos que podamos producir na nosa leira como moras, cogomelos e champiñóns. É cuestión de ir véndoo pero de momento queremos centrarnos na castaña e os seus derivados pois é o que máis temos e ao que máis potencial lle vemos a nivel comercial.

Que traballos de acondicionamento ou mantemento esixen as leiras? Usades algún sistema de poda ou rego?

Agora mesmo estamos na primeira etapa que sería a roza, por iso compramos un tractor. Agora empezaremos cun sistema de podas para que as árbores produzan máis. Tamén imos instalar un sistema de regadío para os momentos de seca, pois son unhas árbores que necesitan un mínimo de luz e auga para producir ben.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información