Verica S.C.: Confort animal e benestar laboral

Coñecemos esta gandería da Pastoriza (Lugo) con 152 vacas en muxido e que comezou a traballar no 2015 froito da unión de tres socios. Viabilidade económica, benestar animal e tempo libre son as prioridades desta explotación

Os tres socios de VERICA SC: Verónica, Carolina e Enrique

Os tres socios de VERICA SC: Verónica, Carolina e Enrique

Verica S.C., situada no concello de A Pastoriza, é unha granxa de vacún de leite que centra a produción do rabaño de máis de 280 vacas holstein en conseguir altas porcentaxes de graxa e proteína. Do mesmo xeito, a calidade de vida é fundamental para os 3 socios desta gandería, que reparte as tarefas diarias en dúas quendas de traballo. 

Esta sociedade situada no lugar de Os Poles, na parroquia de Aguarda, é unha das moitas explotacións que sitúan a Pastoriza como o segundo concello en canto a vacún e produción de leite en Galicia. E é que a gandería é a principal actividade económica deste municipio, como en boa parte da comunidade.

Buscando maior calidade de vida o traballo organízase en dúas quendas 

No mes de xullo 2015 chegaron as primeiras vacas ás novas instalacións, logo da unión das dúas explotacións que Verónica e Enrique levaban de xeito independente. No momento de constitución da sociedade sumaron un terceiro membro, Carolina, dando lugar a Verica S.C. O cadro de persoal actualmente está formado por estes 3 integrantes máis 2 empregados, repartindo as tarefas en dúas quendas de traballo, desde as 6:30 e ata as 21:30 que remata o segundo grupo. 

A pesar da xuventude desta sociedade, debido ao progresivo aumento de animais, xa foi necesaria unha ampliación das instalacións, con 28 cubículos a maiores e alugando unha granxa próxima para albergar parte da recría. “Comezamos coas vacas que tiñamos máis unhas 45 que fomos comprando e a dia de hoxe estamos en 280 animais en total, unhas 152 en muxidura e 20 secas”, explica Enrique sobre a evolución da sociedade. 

A cabana gandeira está dividida en varias naves. En primeiro lugar, as vacas en produción están nas instalacións novas que á súa vez se dividen en dous lotes, separando ás vacas de primeira lactación nunha á da nave e o restante na outra. Esta construción tamén alberga á recría ata o momento do destete, cunha zona de boxes individuais e dúas zonas colectivas nas que permanecen ata cumprir 2 meses de idade, momento no que acadan un peso en torno aos 90 quilos. Nesta construción hai unha zona para partos. Unha vez as tenreiras son destetadas pasan por dúas naves en alugueiro ata o momento do parto no que regresan á nave principal, chegando cunha media de 22 meses de idade. 

VERICA SC vacas lactacion

Para a alimentación é preciso realizar diariamente 5 carros, dos que se encarga unha empresa externa. Dous para a recría, un para as secas e outros dous para as vacas en lactación. Esta última mestura está formada por 30 quilos de silo de millo, 14 de silo de herba, 2 de alfalfa e 12 de concentrado. Ao longo do día achégase varias veces a ración cun arrimador autopropulsado para que sempre haxa a disposición alimento fresco.

“Interésannos as calidades, temos unha produción con 4.27% de graxa e 3.67% de proteína” 

Froito desta alimentación e dunha coidada selección xenética, a produción diaria por animal sitúase en 36 litros cunhas calidades de 4.27% graxa e 3.67% de proteína, realizando a muxidura dúas veces ao día. “Vendemos o leite a unha queixería que demanda sólidos polo que é nesa liña na que centramos a nosa produción e non nos preocupamos unicamente por ter litros. Xenéticamente sempre seleccionamos seme positivo en calidades pero sen descoidar volume, ubre, patas ou lonxevidade”, explica Enrique acerca do seu rabaño. 

A necesidade de redución de antibióticos fai que as explotacións estean a traballar en prevención. Neste sentido, en Verica S.C. explican que “temos un protocolo de vacinación tanto das xatas ao nacer como das vacas en lactación para reducir problemas e, deste xeito, o uso de antibióticos. Para o secado, na maioría de casos empregamos un tapón e puntualmente facemos tratamento naquelas vacas con maior reconto celular”. 

VERICA SC 2

A pasada campaña de millo foi de récord con preto de 70 mil quilos de media 

A parte agrícola da explotación xira en torno a dous cultivos principais, raygrass en inverno e millo no verán. “Traballamos unhas 70 hectáreas nas que facemos rotación de millo con herba. Progresivamente, co aumento de gando fomos aumentando as terras a millo e a día de hoxe estamos nunhas 50 hectáreas. Este é o cultivo principal e sacamos bos rendementos en canto a produción e calidades. A campaña 2023 foi moi boa, sacamos preto de 70 mil quilos de media por hectárea e vainos sobrar pero preferimos ir con algo de marxe. A superficie restante permanece a prado e cada ano quedan en descanso diferentes fincas. Facemos un único corte de herba a finais de abril para sementar canto antes porque, aínda que nesta zona temos dias de néboa e nubes no verán, deste xeito o cultivo sufre menos a seca”, explica Enrique. 

Para o traballo agrícola, ao igual que para a elaboración da mestura diaria, en Verica S.C. contratan gran parte dos traballos agrícolas para axilizar en momentos clave do ano. Enrique encárgase de “sementar a herba, xuntar ou gadañar boa parte das fincas, pero despois o groso do traballo das terras contratámolo a empresas de servizos agrícolas. Teriamos que facer un forte investimento en maquinaria para encargarnos nós de todo o traballo das terras ademais do tempo que require”, recoñece. 

O futuro desta sociedade pasa por “adaptarse aos tempos pero valoramos moito ter calidade de vida. Non consideramos aumentar en gran medida ou facer cambios estruturais sempre e cando non sexan necesarios para a viabilidade da empresa. Dende fai un ano organizámonos en dúas quendas de traballo, rotando de xeito semanal.” explica Enrique coa mirada posta no futuro. Esta organización permite que calquera problema se identifique inmediatamente ao haber alguén na explotación durante máis horas ao día. Dende as 6.30 que entra o primeiro quenda ata as 21.30 hai alguén traballando en Verica S.C. 

Nave coa recría

Nave coa recría

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información