A Xunta reforzará o papel da Axencia Galega de Industrias Forestais (XERA)

O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, pasa a formar parte da Área de Innovación Forestal da Xera, que xa contaba co CIS-Madeira (San Cibrao das Viñas, Ourense). Tamén se pon en marcha a Área de Información forestal, responsable da creación e mellora de sistemas de información e estatística forestal de Galicia

21052024 Lorenzana Serradoiro Tuiriz 1A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia vai reforzar o seu apoio ao sector forestal-madeira coa incorporación de novos recursos e servizos á Axencia Galega de Industrias Forestais (Xera), valorando transformala nun futuro nunha dirección xeral da Consellería.

Segundo apuntou, a aposta vai seguir sendo a modernización do sector e pechar toda a cadea de valor da industria forestal na comunidade autónoma.
Lorenzana fixo este anuncio nunha visita esta mañá ao Serradoiro de Tuiriz, unha empresa que leva case 60 anos no sector da primeira transformación da madeira e que cualificou como “modelo” pola súa dixitalización, eficiencia enerxética e a incorporación de enerxía fotovoltaica, así como pola súa aposta por unha comercialización do recurso con venda en liña.

Segundo o decreto aprobado onte polo Consello da Xunta, a partir de agora, para mellorar a coordinación dos centros de investigación en materia forestal, a Xera vai incorporar o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que se suma ao CIS-Madeira (San Cibrao das Viñas, Ourense), xa integrado. Para dirixir este último, créase unha xefatura de servizo dependente da Área de Innovación Forestal.

En segundo lugar, vaise poñer en marcha a Área de Información forestal, que será a encargada da creación e mellora de sistemas de información e estatística forestal de Galicia, que permitan facer diagnoses adecuadas e que serán unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal e da madeira.

Xunto con isto, crearase, tamén, unha Comisión de coordinación da industria e dos recursos forestais para garantir a axeitada coordinación entre ambos os dous eidos de actuación. Nesta comisión participará persoal das consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural; nomeadamente, da Axencia Galega da Industria Forestal e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, que poderán estar asistidas por técnicos e expertos.

A conselleira apuntou que este sector que crea preto do 2% do emprego total en Galicia, e que o conxunto de ramas industriais da cadea forestal-madeira están contribuíndo desde 2016 a unha achega estable de, polo menos, o 12% do emprego industrial. A isto hai que sumarlle que Galicia conta cunha superficie forestal de máis de 2 millóns de hectáreas, con todo o que iso supón para as empresas e familias que viven da produción e comercialización de produtos forestais e transformados da madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información