Publican unha guía para facilitar o acceso á terra ás persoas que se incorporan ao agro

O Grupo Operativo TERRACTIVA destaca a importancia de facilitar a incorporación de persoas alleas ao sector agrario para asegurar a viabilidade das granxas

O Grupo Operativo TERRACTIVA acaba de lanzar unha recompilación de experiencias inspiradoras a nivel europeo que buscan facilitar o acceso á terra agraria tanto a novos/as entrantes —persoas sen experiencia no sector agrario que queren incorporarse a el— como a explotacións existentes sen relevo garantido. Segundo a guía, “o relevo demográfico na agricultura Europea, e en particular na galega, pasa ineludiblemente pola incorporación de persoas alleas ao sector agrario”. A Política Agraria Común denomina a estas persoas como Novos e Novas Entrantes. “O seu papel no futuro do modelo agrario é esencial, xa que o relevo familiar clásico non asegura a viabilidade dun número suficiente de granxas debido, en boa medida, a cuestións demográficas”, subliñan dende este grupo operativo, no que participa o Laboratorio do Territorio do Campus Terra da USC.

Un dos principais desafíos para este colectivo é conseguir terras en cantidade e calidade adecuadas. O documento recompila diversas experiencias de apoio ao acceso á terra para persoas Novas Entrantes (NE) en distintas rexións europeas, incluíndo exemplos doutros puntos do Estado. “Conxuntamente, son unha fonte de inspiración sobre as diferentes formas de facilitar o acceso á terra agraria para aqueles que buscan o seu camiño na agricultura, ao tempo que se axuda a manter granxas existentes que, doutro xeito, se verían abocadas ao peche”, explica a guía.

A recompilación demostra a importancia estratéxica deste grupo emerxente de agricultores/as, ao tempo que confirma a necesidade de crear ferramentas que aborden os principais retos aos que se enfrontan. Desde o Reino Unido, pasando por Austria ata Galicia, a guía describe como cada rexión desenvolve ferramentas específicas adaptadas ás súas realidades. Ademais, inclúe os diferentes instrumentos de mobilidade e xestión de terras que existen en Galicia, así como un breve resumo da situación actual deste perfil na comunidade galega.

Instrumentos A guía presenta instrumentos de mobilidade de terras como o Banco de Terras de Galicia (BTG), que actúa como intermediario entre propietarios de fincas e agricultores interesados en arrendalas, previa solicitude nos períodos habilitados; o Banco de Explotacións, unha ferramenta de intermediación entre titulares de explotacións agrícolas, gandeiras e/ou forestais que cesan a súa actividade e persoas interesadas en asumir esa actividade; e as permutas de especial interese agrario.

Tamén se aborda a xestión e recuperación de terras a través dos polígonos agroforestais, que mobilizan terras abandonadas ou infrautilizadas para constituír áreas de explotación viables, con axentes promotores públicos ou privados interesados; as agrupacións e actuacións de xestión conxunta; e as aldeas modelo, que buscan revitalizar a actividade económica e social en terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal, especialmente aqueles en estado de abandono, co obxectivo de recuperar demograficamente estas zonas e mellorar a calidade de vida da súa poboación.

Este ano será o último de traballo para o Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto, iniciado a finais de 2022, céntrase en facilitar a entrada no sector agrario de persoas alleas a el, coñecidas como novos e novas entrantes, e culmina co desenvolvemento de guías destinadas a apoiar ao persoal técnico das entidades de asesoramento agrario. Nos próximos meses, publicaranse outros recursos cos que o grupo pretende establecer unha base metodolóxica para que as entidades apliquen no seu territorio o método proposto.

O proxecto tamén participou recentemente na Conferencia ‘EIP-AGRI Operational Groups: Innovation in practice’ en Estoril (Portugal), celebrada entre os días 6 e 8 de maio. TERRACTIVA é un proxecto financiado polas axudas para proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información